ENTREVISTA AO ALCALDE DE BRIÓN

O alumnado de 2º de bacharelato entrevistou ao alcalde de Brión, José Luis García García, o pasado venres día 5 de abril.

Este traballo é unha colaboración da radio, Radio emBRIÓN e a revista do centro, Autopías.

Accede ao audio da entrevista

CHARLA: "RADIACIÓN DE TELÉFONOS MÓBILES E SAÚDE"

09/04/2013 16:15

Os departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía organizaron para o alumnado de 3º e 4º de ESO a Charla do divulgador científico Xurxo Mariño que leva por título " Radiación de teléfonos móbiles e saúde", o 9 de Abril.

Na conferencia introdúcese ao alumnado sobre as catro forzas fundamentais do universo, a electromagnética, a gravidade e as forzas nucleares, forte e débil, centrándose sobre todo en como nos afectan aos seres vivos. Tamén se explicou a diferencia entre radiación ionizante e non ionizante e como a radiación dos móbiles pertence ao segundo grupo, para continuar aportándonos o coñecemento contrastado que na actualidade temos sobre os efectos das radiacións dos móbiles sobre a saúde.

Para máis información sobre a conferencia entra no Blog de Ciencia Contemporánea e blog de Tecnoloxía  do IES de Brión.

 

Xurxo Mariño é profesor do departamento de Medicina da Universidade da Coruña e membro do grupo Neurocom.

A actividade forma parte do programa Divulga na escola que organiza a Asociación Galega de Comunicación e Divulgación Científica e Tecnolóxica.

ESTUDAR LONXE DA CASA

Ana Souto Villanustre, alumna de 2º de bacharelato escribiu o seguinte texto ao fío da nova "É irónico que teña que vir a EEUU estudar as literaturas da miña casa"  publicada en "El correo Gallego".

Sabela Pena, veciña de Ons e antiga alumna do centro, cruzou o gran charco para mergullarse nunha nova aventura nos Estados Unidos. Esta moza brionesa, licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC, está traballando como profesora na Universidade de Bouler, actividade que compaxina coa elaboración da súa tese. A falta de opotunidades en España impulsouna a buscar alternativas e aceptou a oferta da gran potencia americana, aínda que sente a morriña da terra. Aqueles que ao igual que Sabela pasamos unha temporada fóra da casa, sabemos moi ben o que se sente. Viaxar, vivir novas experiencias, coñecer outros paises e facer amigos resulta algo tentador, pero a terra sempre se leva no corazón e o feito de estar fóra, ao mesmo tempo, tamen fai que un valore máis o que deixou atrás.

CAMPUS CIENTÍFICOS DE VERÁN

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co apoio de Obra Social “La Caixa”, pon en marcha Campus científicos de verán que ofrece a oportunidade de contactar coa labor investigadora nun ambiente universitario e multicultural, que  axudará a definir a proxección futura de estudos e poder disfrutar de actividades complementarias científico-culturales e de ocio ao alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato entre os días 30 de xuño e 27 de xulio de 2013.

As solicitudes deberán presentarse ata as 14:00 horas do día 25 de marzo.

Os interesados en participar en CCV 2013 deberán presentar a súa candidatura a través da web http://www.campuscientificos.es/ e deberán realizar as siguintes fases: Fase 1. Cumprimentar o formulario de solicitude.  Fase 2. Adxuntar a documentación requerida. Fase 3. Realizar unha proba de coñecementos on line.

Para a selección de candidatos os criterios son:

  • Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.
  • Alto rendimento escolar no curso académico 2011-2012 (nota media igual o superior a 7,50). Máximo 70 puntos.

  • Proba de coñementos on line (nota media igual ou superior a 5). Máximo 30 puntos.

Animamos ao alumnado a participar nesta interesante proposta, asesorando ante calquera dúbida.

D3 MOBILE METROLOGY LEAGUE

Alumnado de 4º ESO nas materias de Tecnoloxía, Informática e Educación Plástica e Visual desenvolven un pequeno proxecto de modelado de obxectos virtuais con técnicas fotogramétricas no contexto da d3mobile Metrology League promovida polo Grupo de Investigación da USC USCAN3D entre o alumnado de 4º ESO e bacharelato de todo o estado.   
 

EFICIENTIC: EFICIENCIA ENERXÉTICA E TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN

05/03/2013 08:35
05/03/2013 14:05

Os departamentos de Tecnoloxía, Bioloxía e  Física organizan a participación do alumnado de 4º de ESO na Xornada de EFICIENTIC en Vigo.

Dende a imaxe podes acceder ás imaxes do alumnado do IES de Brión na xornada de EficienTIC

EFICIENTIC é un proxecto de divulgación científica que consiste nun conxunto de actividades e talleres co obxectivo de difundir e divulgar os conceptos básicos e as tecnoloxías máis innovadoras das áreas nas que traballan EnergyLab ( Centro tecnolóxico de Eficiencia e sustentabilidade enerxética) e Gradiant ( Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), que son as áreas de Eficiencia Enerxética e das Tecnoloxías da Información e Comunicacións.

O programa da xornada consta de:

  • Charla para introducir os aspectos fundamentasi sobre as TIC e a Eficiencia Enerxética e actividades iniciais.
  • Talleres:
    • Xeración de enerxía pedaleando
    • Illamento
    • Recoñecemento facial e consellos de aforro no consumo dos computadores
    • Hidróxeno para a mobilidade
    • Energy Harvesting
    • Xeración de enerxía a partir de cambios de temperatura
    • Auditoría enerxética

EFICIENTIC na TVG

 

COCIÑA SOLAR PARABÓLICA

Os departamentos de Tecnoloxía, Debuxo, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía, organizaron na terceira e cuarta sesión do mércores 27 de febreiro unha demostración do funcionamento dunha cociña solar parabólica.

O profesorado desenvolveu con parte do alumnado de 1º de bacharelato, 4º ESO e 2º ESO, contidos específicos das diferentes materias.

A cociña empregada foi o resultado dun proxecto desenvolvido no curso 2009/10 por alumnado de Tecnoloxía Industrial I e Debuxo Técnico I.

Nesta ocasión logrouse quentar auga ata unha temperatura de 80 º C.

ALUMNO PREMIADO NA IV OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA

 

Joaquín Mato Paredes, alumno de 2º de Bacharelato, gaña o Accesit de Bacharelato da IV Olimpíada de Xeoloxía celabrada o pasado martes 19 de febreiro na Escola de Minas da Universidade de Vigo. Parabéns.

Ligazón ao Diario da Universidade de Vigo onde saiu a noticia da celebración da olimpíada.

NACE RADIO emBRIÓN

Este curso estamos a por en marcha un  proxecto de radio escolar co obxectivo de dinamizar e mellorar a convivencia no IES de Brión, un proxecto que bautizamos co nome de RADIO emBRIÓN, insertado dentro da programación da materia de Proxecto Interdisciplinar en 1º de ESO pero tamén aberto a todos os alumnos que queiran participar.

A día de hoxe xa fixemos varios programas que están colgados na páxina do IES e outros que están en proceso. Tamén temos un programa de futbol, tertulias, cine, divulgación, cociña, informativos... todo o que se poida facer dende unha radio escolar. Pouco a pouco verán a luz.

Queremos que os alumnos sexan os protagonistas, fomentar a súa responsabilidade como " xornalistas ", motivar o seu interese pola comunicación oral e escrita e facilitar un medio de comunicación para a comunidade educativa de Brión.

Tamén temos un blog onde podedes participar cas vosas opinións,críticas,suxestións... e así facer que este proxecto mellore día a día. 

 

Accede á nova sobre o tema publicada por "El Correo Gallego" na súa edición dixital.

JUVENES TRANSLATORES

 

O 27 de novembro, un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato participou nun concurso de tradución Juvenes Translatores organizado conxuntamente en todolos países da UE pola Comisión Europea. O noso centro foi un dos 54 centros, e o único en Galicia, seleccionados en España para participar. Noraboa a todos.

O pasado martes 22 de xaneiro, Ana Souto e Gabriel González foron entrevistados no programa Aquí Galicia da Radio Galega. Accede ao podcast (01:41:40).

O Conselleiro de Educación Jesús Vázquez Abad, fíxo chegar os seus parabéns pola participación neste concurso.

Accede á nova publicada sobre o tema na sección Terras de Santiago de El Correo Gallego na súa edición dixital.

A Comisión Europea publica a lista de ganadores do concurso Juvenes Translatores 2012.

Nesta ligazón pódense ler os traballos premiados.


Distribuir contido