blogue dedgayoso

PROGRAMA RCP NA AULA

Bos días:

Durante esta semana o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO aprenderá as técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar. A activividade intégrase dentro dun programa máis amplo que pretende difundir a concienciación e a aprendizaxe dos primeiros auxilios en toda Galicia.

A conclusión deste proxecto remata en 4º da ESO coa entrega dos diplomas ao alumnado que se gradúa.

 

PROBAS DAFIS

Bos días:

Estes días estamos a rematar as probas DAFIS (datos de actividade física saudable) entre todo o alumnado de la ESO. A experiencia comezou o curso pasado.

As probas valoran a condición física do alumnado relacionada coa saúde. Esta intervención constitúe un análise das necesidades de actividade física para unha posterior intervención.

Entre os obxectivos están loitar contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade; mellorar a saúde dos nosos escolares establecendo modelos de intervención para combater a inactividade física.

As probas poden consultarse na web da consellería: https://dafis.xunta.es/index.php/pruebas-test:

O rexistro dos datos están vinculados co SERGAS polo que o centro de saúde poderá consultar esta relevante información para ter unha visión máis ampla dos nosos escolares.

As familias deberán dar o seu consentimento para a subida destes datos. En calquerqa caso dita información será confidencial.

No ano 2018, DAFIS foi seleccionada pola oficina europea da OMS como mellor exemplo de boas prácticas en España para a promoción da actividade física no ámbito escolar.

OBRADOIRO DE XADREZ

Ola:

Esta semana o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria iniciouse no xogo do xadrez. Guillermo Penas foi o instructor que acompañou a todo o alumnado durante os dous días que durou a actividade.

CURSO DE MEDIACIÓN

Ola:

Este ano continuamos co curso de mediación. Durante as tardes dos martes e xoves, desde o 25 de outubro ata o 22 de novembro, alumnado de primaria e secundaria está a participar nesta iniciativa que forma parte do plan de convivencia do centro.

O alumnado aprenderá as pautas básicas dunha intervención para mediar nun conflito:

  • Presentación e regras ou normas dunha intervención: a quenda de palabra, o respecto na linguaxe, a confidencialidade...
  • Cal é o problema? As persoas en conflito explicarán a situación, aportarán información relevante, relatarán os sentimentos de cada un. Os mediadores axudarán a compartir os sentimentos de cada un parafraseando o que se dí, resumindo e chegando a unha versión en común.
  • Aclararemos o problema con preguntas abertas e poñeremos a cada unha das persoas no lugar da outra.
  • Propoñeremos solucións: que precisamos para resolver o problema?; que estamos dispostos a facer?. Teremos que concretar o que imos facer e acabar nun resumo.
  • Acordo: nesta parte final leremos o acordo; o asinaremos; o levaremos a cabo e faremos un seguimento; agradeceremos a presencia e nos despediremos.

Impartirá a formación a asociación ALICE: formación para a mellora das relación humanas

 

 

VISITA AO ESTEIRO DA FOZ

Bos días:

 

Durante os días 10 e 11 de novembro o alumnado de 1º da ESO fixo unha andaina polos arredores da comarca do Val Miñor. Coñeceron a flora e a fauna do lugar. Visitaron o Esteiro da Foz, a praia de a Ladeira e o paseo ata a Ramallosa.

 

Manolo. o noso biólogo de referencia, fixo as delicias dos escolares entreténdoos cun feixe de anécdotas e datos sobre a o noso patrimonio biolóxico e os usos que debemos facer para conservar esta diversidade.

 

A actividade forma parte dos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Educación Física.

 

Tamén forma parte dos programas: Clases sen Fume, EduSaúde e o Proxecto de Vida Activa e Deportiva.

 

 

 

OBRADOIRO DE FÚTBOL GAÉLICO

Bos días

A semana do 7 ao 11 de novembro o alumnado de 1º e 2º da ESO puido disfrutar de dúas sesións de iniciación ao fútbol gaélico. Esta actividade desenvolveuse durante as sesións de educación física.

O proxecto gaélico-escolas adícase a difundir este deporte entre os escolares

A actividade forma parte do programa EduSaúde, PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), do programa Inclue-T, iguala-T e Convive-T

 

 

MAGOSTO EN CHAN DA LAGOA

Ola a todos:

O pasado venres 4 de novembro, despois de 4 anos, retomamos a nosa tradicional celebración do magosto en Chan da Lagoa.

Ata alí subiu todo o alumnado do centro. Uns en bus e outros a pé.

Tivemos actividades para todos: xincana, xogos cooperativos, construcción de cabanas, taller musical, degustación de castañas e outras lambonadas, entrega de premios e diplomas.

Colaboraron na organización das actividades:

O equipo de convivencia

O alumnado de 4º da ESO

O alumnado de 3ºC

O departamento de Educación Física

A ANPA

O equipo directivo

A coordinadora de actividades extraescolares e complementarias

E por suposto todo o profesorado.

 

Esta actividade forma parte dos seguintes programas: PVAD, Inclue-T, Convive-T, Iguala-T, EduSaúde.

 

 

 

CHARLA DE AROA SÍO

Ola:

Hoxe recibimos no noso centro a Aroa Sío, unha atleta de ultratrail (carreiras de máis de 100km) que veu a compartir unha hstoria vital. Aroa tivo unha adicción ao tabaco durante 20 anos. Un día o deporte fíxolle ver como estaba maltratando o seu corpo cunha sustancia que non lle reportaba nada, pero que estaba danándolle a saúde. A súa resposta foi abandonar o tabaquismo e dedicarse de forma profesional ás carreiras de montaña.

Esta actividade forma parte de varios proxectos de centro: Inclúe-T, Iguala-T, Edusaúde, Patios escolares, PVAD, Clases sen fume.

ACTIVIDADES FÍSICO-DEPORTIVAS DURANTE O RECREO

Estas son algunhas das actividades físicas que o alumnado de secundaria está a practicar nos recreos: voleibol, badminton, tenis de mesa, fútbol, palas, baloncesto, saltos á comba, spikeball... e moitos máis. O propio alumnado poderá facer propostas, as súas inquedanzas serán escoitadas e tidas en conta por este departamento.

Esta actividade forma parte dos seguintes programas: PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde; proxecto Terra (o patio escolar construíndo un espazo de convivencia en conxunto), Inclue-T e Iguala-T

UNHA MAÑÁ NA PRAIA

Ola a todos:

Como benvida ao novo curso, o alumnado da ESO acudiu á praia de Santa Marta a pasar a mañá. Todo o grupo agás o alumnado de Belesar desprazáronse a pé desde o centro escolar ata a praia e ao rematar a xornada fixeron o camiño inverso.

Na procura da inclusión de todos os participantes ofreceuse un amplo abano de xogos.

O bar da praia, tras a súa solicitude por parte da dirección do centro, permaneceu aberto a disposición do centro.

Estas foron as actividades propostas:

Actividades tranquilas: cartas, xogos de mesa, petanca, debates filosóficos.

Actividades dinámicas na area: rugby, kinball, voleibol, brilé, ultimate, fútbol, beisbol, palas, spikeball.

Actividades na auga: baño libre, paddle surf e kayak

O propio alumnado baixo a supervisión do profesorado encargouse da organización e xestión dos xogos. Eles mesmos decidiron o grado de implicación, o tipo de actividade e o tempo de xogo.

A participación foi masiva. O alumnado estivo realizando actividade física durante toda a mañá. O número de conflitos durante os xogos foi prácticamente nulo.

Esta actividade forma parte do PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde e Inclue-T.

Un saúdo a todos e benvidos a un novo curso

XORNADA NA PRAIA

Ola a todos:

Como  conclusión ao curso, todo o alumnado da ESO acudiu á praia de Santa Marta a pasar a mañá. Todo o grupo agás os alumnos de Belesar desprazáronse a pé desde o centro escolar ata a praia.

Na procura da inclusión de todos os participantes ofreceuse un amplo abano de xogos.

O bar da praia, tras a súa solicitude, permaneceu aberto a disposición do centro.

Estas foron as actividades propostas:

Actividades tranquilas: cartas, xogos de mesa, petanca.

Actividades dinámicas na area: rugby tag, kinball, voleibol, brilé, ultimate, fútbol, beisbol, palas, spikeball.

Actividades na auga: paddle surf, kayac.

O propio alumnado baixo a supervisión do profesorado encargouse da organización e xestión dos xogos. Eles mesmos decidían o grado de participación, o tipo de actividade e o tempo de xogo.

A participación foi masiva. O alumnado estivo realizando actividade física durante toda a mañá. O número de conflitos durante os xogos foi prácticamente nulo.

Esta actividade forma parte do PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde e Inclue-T.

 

 

 

 

 

OBRADOIRO DE INICIACIÓN AO TAEKWONDO

Ola a todos:

Esta semana o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO participou nunha sesión de iniciación ao Taekwondo. Nesta actvidade aprenderon as técnicas básicas de ataque e defensa a través de exercicios por parellas.

Os máis avezados disputaron ao final da clase un combate cos compañeiros.

A sesión tiña por obxecto poñer en contacto ao alumnado cunha disciplina pouco divulgada pero que goza de elementos didácticos moi positivos como o respecto ao contrario, o control do corpo, o esforzo na aprendizaxe e unha importante compoñente lúdica.

Agradecemos a preparación e impartición da sesión a Zaira, alumna de 4º e ao seu compañeiro de adestramento Rubén.

Esta actividade forma parte do PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde, Inclue-T e Iguala-T.

LONAS NO PAVILLÓN DO CENTRO

Hoxe, por fin, rematamos a colocación das lonas dos deportistas que visitaron o centro.

Coa axuda do equipo do patio e Ramón, o conserxe, conseguimos fixar as lonas a unha das paredes do fondo.

Lembramos que a visita destes deportistas forman parte de diferentes programas do centro: PVAD (proxecto de vida activa e deportiva), EduSaúde, Inclue-T, Iguala-T, Proxecto Terra (o patio escolar construíndo un entorno de convivencia).

 

VISITA Á EDAR

Ola a todos:

Hoxe conmemoramos o día mundial do medio ambiente cunha visita á EDAR (estación depuradora de augas residuais) de Baiona.

O alumnado de 4º da ESO desprazouse a pé desde o CPI ata a EDAR (en cabo Silleiro). Alí unha das traballadoras, Cristina, explicounos todo o proceso de depuración das augas residuais.

As augas teñen un tratamento biolóxico e tras pasar por varias fases o produto final, a auga depurada, envíase por un colector a cincocentos metros mar adentro.

Os desechos sólidos recóllense nun camión que os traslada a un centro de tratamento de residuos.

Recalcáronnos da importancia dun uso responsable da auga, de non verter toallitas, compresas, bastoncillos... pois todo esto encarece o proceso. Ao final as consecuencias as pagamos todos no incremento dos recibos da electricidade e a auga.

A depuradora leva funcionando desde o 2009 e ten a capacidade de depurar auga para 36.000 persoas.

Esta actividade forma parte dos proxectos PVAD e EduSaúde

 

 

ORIENTACIÓN DEPORTIVA

Bos días:

Hoxe o alumnado de 3º da ESO disputou unha carreira de orientación nos arredores do curro da Valga (Loureza, Oia). Neste evento por parellas, os participantes tiñan que buscar no terreo as balizas coa axuda dun mapa e un compás.

Agradecemos a colaboración da comunidade de montes de Loureza, que cedeunos o espazo. Tamén agradecemos a colaboración das profesoras María Zapatero e Patricia Blanco.

Esta actividade forma parte do PVAD e o programa EduSaúde.

 

CHARLA DE MILA LÓPEZ

Bos días:

O venres 8 de Abril visitou o noso centro a ciclista Mila López. A súa especialidede é o handbike, un tipo de ciclismo no que as participantes pedalean usando os brazos.

No palmarés de Mila figuran a Copa de España do 2015 ao 2020; Subcampiona de España de 2014 ao 2019 (excepto no 2016 no que foi Campiona); Campiona da Copa de Europa de Cáceres 2019, subcampiona no 2020. É deportista de alto nivel de Galicia desde 2019.

Conversou co alumnado sobre as características da súa disciplina e mesmo sorteou dous maillots entre os participantes.

A súa visita goza ademais dunha especial circunstancia: o domingo competirá na prestixiosa carreira VigBay.

Esta actividade forma parte do programa Iguala-T, Inclue-T, o PVAD (proxecto de vida activa e deportiva) e do programa EduSaúde.

Visita didáctica á estación arqueolóxica Outeiro dos Lameiros

Bos días:

O xoves 7 de Abril, o alumnado de 1º da ESO puido visitar unha das xoias da nosa comarca: os petróglifos de Outeiro dos Lameiros. Este conxunto de arte lítico atópase na serra da Groba. Constitúe unha das pegadas dos asentamentos humanos que habitaban nestes paraxes fai miles de anos.

Ademais de facer exercicio, realizando un percorrido a pé duns 12 quilómetros, tamén aproveitaron para:

  • Recoñecer a fauna e a flora do lugar
  • Dominar o vocabulario en lingua galega dos diferentes organismos
  • Coñecer a nosa contorna e poñela en valor
  • Planificar os materias que temos que levar nunha saída (auga, comida, roupa, calzado, crema solar...)
  • Coñecer a toponimia do lugar
  • Coñecer o noso patrimonio arqueolóxico

No desenvolvemento desta iniciativa traballaron conxuntamente os departamentos de Lingua Galega, Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia e Educación Física.

Agradecemos a dedicación do IEM (Instituto de estudos miñoráns) pola charla oferecida e ao  profesorado acompañante: Rocío, Antonio, Luisa e Patri.

A actividade forma parte do proxecto de vida activa e deportiva (PVAD) e do programa EduSaúde.

 

CHARLA DE VERÓNICA ROMERO

Hoxe estivo con nós compartindo as súas experiencias Verónica Romero.

O alumnado de 1º da ESO puido falar con ela e preguntar sobre as peculiaridades da expedición ao Lago Baikal (700km) en territorio siberiano. Tamén andivo por terras canadenses na Illa de Baffin (200km) e fixo outra travesía no Lago Inari en Finlandia (130km).

Aínda que os inicios de Verónica comezan con carreiras a pé e raids de aventura, os contactos con outra aventureira como Chus Lago achégana ás expedicións polares. Estas aventuras buscan reivindicar o papel da muller e a concienciación sobre o cambio climático.

Esta charla forma parte dos contratos programa Iguala-T, PVAD (proxecto de vida activa  e deportiva) e EduSaúde.

CAMPIONATO PROVINCIAL ESCOLAR DE ORIENTACIÓN DEPORTIVA

Bos días:

Hoxe o alumnado de 2º da ESO, representando ao noso centro no campionato provincial escolar de deporte de orientación deportiva, acodou uns magníficos resultados nas diferentes categorías.

En categoría individual feminina conseguiron o 1º, 3º e 4º posto.

Categoría individual masculina: 2º,3º,4º e 6º posto.

Gañando en ámbalas dúas categorías o primeiro premio por equipos.

Noraboa a todos os participantes.

PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS

Bos días:

Continuamos deseñando o noso patio como un lugar acolledor e atractivo no que todo o mundo ten cabida.

Nesta ocasión botounos unha man o departamento de plástica. O proxecto "plantando árbores con pinceis" ten como lema a reforestación e o coidado do medio ambiente. O alumnado de 3º da ESO coa axuda da profesora e un artista vsitante fixeron un mural no porche de entrada ao centro.

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930