Blogues

O ALUMNADO DE INFANTIL SEMENTA OS ALLOS NO HORTO (02 - 02 - 2023)

  O xoves 2 de febreiro tivemos a visita de Almudena, a nai de Sofía, para axudarnos a sementar os allos.

  Non abriu a néboa en todo o día así que baixamos a última hora de mañá para realizar esta labor.

  Aproveitamos para deixarlle ás pitas un ratiño de recreo mentres estabamos na sementeira.

  Moitas grazas Almudena por pasar a mañá con nós e tamén a "Almacenes Rivera" por regalarnos os allos para a semente e a herba para os niñeiros das pitas!

"DÍA DA PAZ" Os nenos "Talibé" do Senegal. (30 - 01 - 2023)

  No día de hoxe, Miguel e Alfonso, da ONG de Sarria "Hospitaleiros sen  fronteiras" achegáronse ao noso centro para falarnos dos nenos "Talibé" do Senegal e contarnos a súa experiencia solidaria nese país.

  Trátase dunha pequena organización de Sarria na que as persoas que a forman, de xeito voluntario, empregan tempo e traballo para poder levar a estes nenos axuda en forma de alimentos, roupa, calzado ou material escolar.

  Moitas grazas pola vosa visita e por amosarnos unha realidade tan diferente á nosa!

DÍA EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO. (25 - 11 - 2022).

   O 25 de novembro conmemórase o "Día en contra da violencia de xénero".

   Nesta ocasión colaboramos coa campaña da biblioteca municipal de colocar lazos morados en diferentes lugares de Bóveda.

   Velaquí os nosos lazos co lema decidido por cada aula.

V ANDAINA ESCOLAR POLO CAMIÑO DE INVERNO (10 - 11 - 2022).

  O xoves 10 de novembro participamos na "V andaina escolar polo camiño de inverno" convidados pola "Asociación camiños de Santiago pola Ribeira Sacra".

  Saímos do centro ás 10:15 horas para chegar ao punto de encontro no local social de Reigada en Monforte de Lemos dende onde o alumnado de Primaria realizou o tramo de camiño que leva ata o parque dos Condes. Ata alí tamén se desprazou camiñando o alumnado de Infantil facendo un percorrido máis pequeno que comezaba no Campo da Virxe.

  Foi unha xornada moi animada que puidemos compartir con outros nenos e nenas dos centros escolares da nosa contorna.

ALUMNADO E FAMILIAS DECORAN BÓVEDA COAS CABAZAS DO OBRADOIRO (30 - 10 - 2022).

  O mal tempo deunos unha tregua o domingo así que a través da ANPA convocamos ás familias para levar as cabazas do obradoiro ata a residencia Domus VI e tamén colocalas por Bóveda en lugares ben visibles.

 

 

 

MAGOSTO E SAMAÍN NO NOSO COLE. (28 - 10 - 2022).

  Este venres tivemos dúas celebracións no noso cole:

  Primeiro foi a festa de Samaín que se levou a cabo no ximnasio. Baixando as escaleiras adentrámonos no fabuloso túnel do terror e comezou a nosa sesión de xogos.

  Xogos con castañas, con globos e xogos de pistas ocuparon boa parte da mañá. Despois de moito correr e saltar subimos ao pavillón onde Martín (pai de Maia) e Carlos (pai de Dylan e Daniela) nos prepararon un rico magosto no tambor.

  Foi unha xornada estupenda chea de risas e diversión, lástima que a auga non nos permitiu repartir as nosas cabazas polos cruces de camiños de Bóveda nin levarllas ata a residencia Domus VI (seguro que algo se nos ocurrirá para solucionalo.)

 

 

FAMILIAS E PROFES MONTAN O TÚNEL DO TERROR (26 e 27 de outubro 2022).

  As tardes do 26 e 27 de outubro dedicáronse a crear un túnel do terror para a nosa celebración do Samaín. Ata contamos cun cadaleito de verdade!!

  Moitísimas grazas a todas as familias que nos mandastes decoración e ás que viñestes para montar todo!

  Sodes xeniais!!

OBRADOIRO DE CABAZAS (27 - 10 - 2022).

  Ao longo desta semana, as familias do alumnado, mandaron ao cole cabazas e castañas para a nosa celebración do Magosto - Samaín.

  Moitas grazas pola vosa colaboración!

  Ademais, María e Luís (nai e pai de Xila) e Yolanda (nai de Theo), acompañáronnos  no obradoiro  para axudarnos a transformar as cabazas en caveiras arrepiantes coas que espantar os nosos medos!

  Quedaron estupendas!!

 

Distribuir contido