PROPOSTAS PARA A DÉCIMO SEGUNDA SEMANA SEN CLASES

Bos días familias:

Esta é a última semana na que vos envío algunhas suxerencias para dedicarlle nestes últimos días afastados das aulas un tempiño diario ás actividades escolares, así que compártovos unhas propostas para axudarvos, lembrando coma sempre que é moi importante respectar o ritmo de traballo de cada un e sendo moi consciente de que xa tod@s estamos cans@s e ansiosos por rematar.

Deste xeito a última semana de curso dedicarémola coma faríamos no cole a algunha actividade de despedida previa a comezar unhas vacacións de verán tan ben merecidas.

Así que estas son as miñas propostas para a décimo segunda semana sen clases:

· No caso das linguas, nesta ocasión compártovos un vídeo explicativo das palabras sinónimas pero que ademais ten unha parte de xogo e de repaso dos antónimos: https://www.youtube.com/watch?v=4RLSIwlIvx4&pbjreload=101. Mentres achégovos por un lado, unha ficha cunha encrucillada que permitirá aos nenos e nenas axudar a un coñecido pirata a través dos sinónimos e por outro lado, a opción de xogar cun adulto a buscar sinónimos de palabras coñecidas (podedes valervos do exercicio dos monstros da pasada semana). Ademais e para a videochamada de mañá practicaremos algún chiste ou trabalinguas para logo poder xogar co noso grupo, así que investigade e comezade a ensaiar.

·Coas matemáticas, nesta semana e aproveitando que xa tedes os libros na casa podedes repasar os prismas e corpos redondos entre as páxinas 168 e 171 e  xogar cos reloxos de agulla e dixitais entres as páxinas 216 e 219 do libro do terceiro trimestre. Pero ademais achégovos a través do seguinte vídeo unha explicación moi sinxela que nos servirá para iniciarnos no uso do reloxo dixital:  https://www.youtube.com/watch?v=OUxRj4fqGOw E finalmente, non vos esquezades de seguir a practicar a suma con levadas tanto manipulativamente coma de xeito escrito nas páxinas  164 e 165 do voso libro.

·Mentres, en Ciencias Sociais continuaremos a traballar o paso do tempo ao longo do día: mañá e noite, en relación cos seus efectos na natureza e as diferentes actividades que realizamos. Así que  propóñovos ver o seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=FUrWLxyYyHs e anímovos a facer un debuxo ou  a escribir 4 actividades diferentes feitas ao longo do día: pola mañá ao espertar, ao mediodía, pola tarde e pola noite ao deitarse.

·Ademais, en Ciencias da Natureza e chegados a este punto do curso tócanos de novo  e como xa vos comentei a pasada semana, facer un pequeno repaso dos puntos fundamentais da materia,  así que propóñovos nesta ocasión volver a traballar o que sabemos sobre as plantas e os animais. Podendo coma sempre, valervos da ficha que vos achego ou empregar diferentes xogos: sinalar nunha planta da casa as partes, clasificar animais de xoguete en domésticos e salvaxes, xogar a que unha persoa diga unha característica dun animal (ten plumas) e outra diga un tipo de animal con esa característica (gaivota)… as ideas son infinitas e o que pretendemos é lembrar conceptos dun xeito divertido.

·Finalmente e pensando en dedicar un tempiño a algunha manualidade-experimento, quero  presentarvos unha nova proposta: crear chuvia de cores. Así, daremos forma a estes días nos que pasamos do sol á choiva e entenderemos mellor como funcionan as nubes.

Non esquezades que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail.

Espero que continuedes todos ben e que esteades a desfrutar moito destes días. Vémonos na videochamada grupal do martes  e despedirémonos do curso dentro xa de poucos días.

 

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo

AdxuntoTamaño
Juego con sinónimos.pdf238.71 KB
Actividades ao longo do día.pdf37.51 KB
Repaso plantas e animais.pdf598.22 KB
Fabricando choiva.pdf283.64 KB