PROPOSTAS PARA A DÉCIMO PRIMEIRA SEMANA SEN CLASES

Bos días familias:

Nestes últimos días que nos quedan de cole e nunha nova semana afastados das aulas, envíovos unhas propostas para axudarvos a dedicarlle un tempo diario ás actividades escolares, lembrando coma sempre que é moi importante respectar o ritmo de traballo de cada un.

 

Así que estas son as miñas propostas para a décimo primeira semana sen clases:

·No caso das linguas, nesta ocasión compártovos unha proposta de escritura creativa, na que a partir de catro imaxes terán que pensar un título e escribir unha frase na que describan o que sucede en cada unha delas, dando así forma a un pequeno relato. Mentres por outro lado, achégovos  un vídeo e unha proposta de traballo de descrición valéndonos de palabras antónimashttps://youtu.be/L_hdgPibkDI

·Coas matemáticas, nesta semana e aproveitando que a partir de hoxe teredes os libros na casa podedes aproveitar para repasar a masa e o volume coas páxinas comprendidas entre a 146 e 149 do libro do segundo trimestre e seguir a xogar coas moedas e billetes entre as páxinas 184 e 187 do libro do terceiro trimestre. Pero ademais achégovos novamente e a través doutro vídeo de elaboración propia unha proposta para traballar cada día coas decenas e unidades que construístes nas pasadas semanas, e volver así a repasar a suma con levadas pero non unicamente de xeito manipulativo (algo xa traballado na aula) senón dando un paso máis no desenvolvemento escrito.

·Mentres, en Ciencias Sociais imos a traballar o paso do tempo ao longo do día: mañá, tarde e noite, en relación co movemento dos elementos do ceo. Así que  propóñovos ver o seguinte vídeo para afondar un pouco nesta tema: https://www.youtube.com/watch?v=soQ5MN0nuMg&feature=youtu.be e anímovos a facer unha listaxe de polo menos 5 cousas que poidamos facer durante o día e outras cinco durante a noite.

·Ademais, en Ciencias da Natureza e chegados a este punto do curso tócanos facer un pequeno repaso dos puntos fundamentais da materia,  así que propóñovos volver a traballar as partes do corpo, da cara, as articulacións e os 5 sentidos (repasando o vocabulario en galego). Podendo coma sempre, valervos da ficha que vos achego ou empregar diferentes xogos: debuxo en cadea dunha silueta na que cada un fai unha parte e indica o nome da mesma, colocar papeis co nome das diferentes partes no corpo dun membro da familia, buscar 5 obxectos na casa que poidamos relacionar con cada un dos sentidos (colonia, esponxa, chocolate, cadro e Cd de música)….as ideas son infinitas e o que pretendemos é lembrar conceptos dun xeito divertido.

·Finalmente e pensando en dedicar un tempiño desta semana á celebración do “Día Mundial do Medio Ambiente” que conmemórase o vindeiro 5 de xuño, quero  presentarvos unha nova proposta de manualidade que pasará a converterse nun divertido xogo: crear a vosa propia “Serpe de burbullas” valéndonos coma sempre de materiais reciclados. Así, continuamos coa idea de crecer “xogando a reciclar” e comprender a importancia do coidado do medio ambiente dun xeito divertido.   

Non esquezades que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail.

Espero que continuedes todos ben e que esteades a desfrutar con precaución deste bonito tempo coa familia e amigos.

 

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo

AdxuntoTamaño
Escritura creativa.pdf237.95 KB
Adjetivos antónimos.pdf224.87 KB
Día y noche.pdf209.18 KB
Repaso do corpo.pdf321.52 KB
SERPIENTE DE BURBUJAS.pdf175.17 KB