PROPOSTAS PARA A NOVENA SEMANA SEN CLASES

Bos días familias:

Despois desta última semana dedicada ás Letras Galegas, envíovos novas propostas para axudarvos nestes días afastados das aulas. Espero que continuedes todos ben e que esteades a desfrutar dos paseos e o contacto con familia e amigos.

 

Así que estas son as miñas propostas para esta novena semana sen clases:

·       No caso das linguas, nesta ocasión a idea é traballar diferentes tarefas de escritura e vocabulario a través dun xogo moi sinxelo que seguro que todos coñecedes con un ou outro nome e ao que eu me vou a referir como “Stop”. Un xogo ao que cada día poderá xogar só o voso nen@ ou poderedes converter esta actividade nun xogo en familia moi divertido.Para isto comezaremos por escoller unha letra do alfabeto (o ideal e que @s nen@s ou adultos digan en alto o abecedario e outro diga “stop”, para xogar coa letra na que paramos), logo buscaremos comezando por dita letra o nome dunha persoa, dun animal, dunha cor , dunha comida e dun obxecto (cada palabra correcta valerá 2 puntos) e diremos stop ao rematar ou se xogamos en equipo, tocaralle dicilo ao primeiro en acabar e así parar o resto de escribir.

Pero o xogo non remata aquí. Cada día polo menos deberedes xogar con 2 letras diferentes e cando rematedes coa dinámica propia do xogo (escritura das palabras e conteo de puntos), poderedes continuar a traballar de diferentes maneiras coas palabras escritas: pasar de singular a plural na medida do posible cada unha das palabras, dicir se son palabras masculinas ou femininas (na clase xogamos coa colocación de el/los diante das palabras masculinas e la/las das femininas), podedes seleccionar diferentes palabras dos vosos xogos e ordenar alfabeticamente e   finalmente, escoller cada día 2 palabras e escribir unha frase con elas. Deste xeito podedes valervos coma en anteriores ocasións da ficha que adxunto ou traballar nunha folla ou libreta que teñades na casa, atendendo sempre á práctica da letra minúscula e á necesidade de que @s nen@s lean sempre todo o que escriben para darlle sentido e darse conta dos erros.

·      Coas matemáticas, nesta semana ademais de xogar cos 5 problemas diarios do “Cocoloco”, tocaranos por un lado, seguir a repasar cada día as horas (se queredes podedes valervos das fichas que vos achego) en punto e media, dando un pasiño máis ao comezar a xogar nesta ocasión con e cuarto e menos cuarto e para iso propóñovos o seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=x0azH56EjKQ

E ademais, achégovos novamente e a través doutro vídeo de elaboración propia unha proposta para traballar cada día coas decenas e unidades que construístes nas pasadas semanas, e volver así a repasar a suma e a resta con levadas pero unicamente de xeito manipulativo (algo xa traballado na aula).

·       Mentres, en Ciencias Sociais propóñovos continuar a traballar coa liña do tempo pero nesta ocasión a idea é que investiguedes sobre algún obxecto que evolucionara ao longo dos anos cambiando o seu aspecto. Para isto podedes buscar imaxes, valervos das experiencias dos adultos da casa, facer un vídeo para explicarme o que descubristes…tedes total liberade para levar a cabo a vosa indagación pero é importante ser consciente dos cambios de todo o que nos rodea.

·       Ademais, en Ciencias da Natureza e despois de ter traballado nas últimas semanas certas características dos materiais, preséntovos unhas actividades para traballar coas máquinas e as ferramentas. Así que a proposta que vos fago consiste en buscar na casa tres obxectos que nos sirvan para bater uns ovos para facer por exemplo un biscoito, como poden ser: un garfo, unha batedora ou un batedor de man. Para logo pensar no obxecto destes tres que nos faga máis fácil este traballo. Ademais,  investigaredes como funciona cada un dos obxectos para conseguir bater os ovos: con electricidade? coa forza do noso corpo? con gasolina? A continuación, tocaravos pensar en unha cousa diferente que funcione de cada un dos anteriores modos. Tamén, pensaredes no que ocorre cando enchufamos a batedora e para rematar, teredes que escribir 2 frases que sirvan para que a xente saiba como empregar sen facerse dano a batedora.

 

Lembrade coma sempre que é moi importante respectar o ritmo de traballo de cada un pero procurando dedicarlle dentro das particularidades de cada casa, un tempo diario ás actividades escolares.

Ademais, non esquezades que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail e que o mesmo material que queda á vosa disposición na web do centro é enviado tamén ao voso correo.

 

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo.

 

 

 

AdxuntoTamaño
STOP.pdf242.63 KB
COCOLOCO 4.pdf295.65 KB
Jugamos con el reloj.pdf510.18 KB
Descubrimos as máquinas e ferramentas.pdf223.42 KB