PROPOSTAS PARA A SÉTIMA SEMANA SEN CLASES

Ola familias:

Hoxe de novo, quero compartir convosco algunhas propostas para axudarvos nesta sétima semana sen clases. Unha semana coma a anterior, algo máis curta polo día non lectivo escollido polos centros escolares de Narón.

 

Así que estas son as miñas propostas para os próximos catro días:

 

·No caso das linguas, nesta semana a idea é que me enviedes (en foto ou escaneada) unha tarefa de escritura que xa realizamos nalgunha ocasión na clase e que tamén envieivos nalgunha das pasadas semanas: un conto propio. Así propóñolles facer 1º unha listaxe do material que precisan para escribir, 2º escribir a propia historia sen axuda e facer o debuxo que a acompaña (este  2º punto sería unicamente o que deberiades enviarme) e finalmente, escribir 5 frases nas que describan o que ven no seu propio debuxoDeste xeito podedes valervos da ficha que adxunto ou traballar coma outras veces, nunha folla ou libreta que teñades na casa (de cuadrícula, pauta ou con liñas para apoiarse). Así, considerade que o traballo que me ides enviar deberá estar feito pol@s nen@s e ser escrito tal e coma fan na clase sen axuda e empregando o tempo que precisen, xa que o importante non é tanto o resultado final, é poder ver a evolución individual de cada un, que aprendan a organizar as súas ideas e que lle perdan o medo a escribir sós. Eu xa sei perfectamente o que son capaces de facer e ata onde pode chegar cada nen@, así que si lles axudades dareime conta dende un principio e a actividade perderá o seu sentido.

·Coas matemáticas, a idea é que continuedes a practicar cada día co reloxo e coas decenas e unidades con palillos: a contar de 10 en 10 cara diante e cara atrás, sumar e restar decenas completas, escribir números con cifras e con letra, traballar con par e impar e practicar sumas e restas sen levar.  Non obstante, envíovos unha idea de ficha de reforzo de cada un destes aspectos para cada día, como idea tamén para facer sen necesidade de imprimir.

· Nesta ocasión, en Ciencias Sociais propóñovos dar un paso máis na investigación da familia e da historia persoal, algo do que algúns xa falamos coa nosa “Maleta viaxeira”. E para poder coñecer máis sobre como crecemos e cambiamos día a día, propóñovos ver o conto de Nita: un cágado que debe crecer para dar un salto na súa vida: https://www.youtube.com/watch?v=HK32uOHsRe4&t=158s  Así, a idea é que elaboren unha sinxela liña da súa vida, a través dunha foto, debuxo ou recordo para cada un dos seus anos de vida…sendo o fundamental, que comprendan os cambios durante o seu crecemento e investiguen acontecementos relevantes da súa historia: nacemento, aprender a camiñar, o primeiro dente….Podedes para isto empregar a plantilla que vos achego ou facelo coma máis vos guste.

·Ademais, en Ciencias da Natureza e continuando coa idea de afondar nos cambios de estado da materia, preséntovos tres experimentos ou manualidades para facer con cousas da casa e así aprender manipulativamente como a temperatura inflúe nos materiais e produce cambios nos mesmos. Algo que unha vez realizado podedes ampliar e reforzar buscado elementos nos tres estados con cousas da casa, pensar nos tres estados a partir da ficha que achego e incluso desfrutando do seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=fxDKpEYAoSE

 

Lembrade coma sempre que o máis importante é respectar o ritmo de traballo de cada un e que todo isto son ideas que pretenden servir de axuda para que continuedes dedicando un tempo diario ás actividades escolares, dentro por suposto, das circunstancias de cada casa.

Espero que esteades todos ben e que desfrutedes dese tempo de paseo cos vosos pequenos, que seguro tan ben lles estará facendo. Ademais, non esquezades que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail.

 

Grazas coma sempre pola vosa axuda e moito ánimo.

AdxuntoTamaño
Cuento para escribir y enviar a la profe.pdf310.22 KB
Matemáticas semana del 5 de Abril.pdf514.79 KB
A liña da miña vida.pdf220.2 KB
Experiencias con agua en los 3 estados.pdf167.11 KB
Sólido, líquido ou gas.pdf105.36 KB