PROPOSTAS PARA A SEXTA SEMANA SEN CLASES

Bos días familias:

Unha vez máis, envíovos novas propostas para axudarvos nestes días afastados das aulas. Espero que esteades todos ben e que esta semana fágasevos máis curta, entre a posibilidade de saír a pasear dos vosos pequenos e o festivo deste venres.

 

Así que estas son as miñas propostas para esta sexta semana sen clases:

· No caso das linguas, nesta semana a idea é traballar diferentes tarefas de escritura a través da elaboración dunha sinxela receita de sopa: describir un debuxo, crear unha listaxe da compra, escribir a receita e facer unha invitación. Deste xeito podedes valervos da ficha que adxunto ou traballar nunha folla ou libreta que teñades na casa (de cuadrícula, pauta ou con liñas para apoiarse), atendendo sempre á práctica da letra minúscula e á presentación dos escritos.

· Coas matemáticas, nesta semana fágovos unha proposta para traballar cada día coas decenas e unidades que elaboraremos nós mesmo, tal e como vimos facendo dende o Nadal na clase. Así a idea e que nesta semana construades as vosas propias decenas e xoguedes cada día: a contar de 10 en 10 cara diante e cara atrás, sumedes e restedes decenas completas, escribades números, traballades con par e impar e practiquedes sumas e restas sen levar.  Ademais, continuaremos a xogar co reloxo e as horas e media, e para iso veremos o seguinte vídeo: https://youtu.be/YxR-UDOqutI e practicaremos algúns exercicios cada día coas horas en punto e media, coma os que vos presentados na ficha adxunta.

· Nesta ocasión, en Ciencias Sociais propóñovos ver o seguinte vídeo https://youtu.be/CtiGOIQYwhs para poder coñecer máis, sobre o tema da familia e os seus membros, algo do que xa falamos nas asambleas deste curso pero no que me gustaría que afondásedes máis durante esta semana. Así, a idea é que elaboredes una sinxela árbore xenealóxica da vosa familia, podendo incluír pais, irmáns, tíos, curmáns e avós e traballándoa a través de fotos, esquemas, debuxos…así o fundamental é que comprendan quen forma parte da súa familia, cal é a súa relación con cada membro e especialmente que entendan que pese a que o primeiro vídeo o que nos amosa é un esquema dunha familia tipo, existen centos de modelos de familia, coma vemos na seguinte historia: https://www.youtube.com/watch?v=X3pqs30VJHk

· Ademais, en Ciencias da Natureza e despois de ter traballado nas últimas semanas certas características da materia, preséntovos uns experimentos para facer con cousas da casa e afondar nos cambios de estado. Así a idea é comprender xogando como a temperatura inflúe nos materiais e produce cambios. Algo que unha vez realizado, podedes ampliar e reforzar coa explicación do seguinte vídeo: https://youtu.be/huVPSc9X61E

·Finalmente, e aproveitando que co comezo deste novo mes é común nos centros traballar e elaborar "Os Maios", unha festa que consiste en realizar diversas representacións, bailes e cantigas arredor dunha árbore ou escultura, chamada maio e elaborada a partir de elementos vexetais, flores e froitas, propóñovos adaptalo á situación actual. Así que para festexar Os Maios dende a casa podedes facer debuxos, elaborar flores con materiais de refugallo, debuxar nas fiestras...Calquera idea é boa, botádelle imaxinación!

 

Lembrade coma sempre que é moi importante respectar o ritmo de traballo de cada un e que todo isto son ideas que pretenden servir de axuda para que dentro das circunstancias de cada casa, continuedes dedicando un tempo diario ás actividades escolares.

Ademais, non esquezades que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail.

 

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo.

AdxuntoTamaño
Lengua e Lingua semana do 27 de Abril.pdf233.17 KB
Horas en punto. Y media.pdf1.58 MB
Experimentos CAMBIOS DE ESTADO.pdf138.99 KB