PRIMEIRA SEMANA DO TERCEIRO TRIMESTRE

Bos días familias:

 Espero que estes días puidésedes aproveitar o tempo cos da casa e que todos esteades o mellor posible.

A partir de hoxe damos por comezado o Terceiro Trimestre pero dun xeito un tanto diferente a como estamos acostumados, xa que o tempo sen escola alóngase e debemos seguir adaptándonos.

Como xa sabedes esta situación é nova para todos e intentamos seguir día a día as indicacións que imos recibindo e polo momento, agardamos instrucións para saber como debemos desenvolver o traballo a partir de agora. Pero eu non quero que vos preocupedes por nada,  xa que con un pouco de traballo diario e sempre considerando as circunstancias particulares de cada casa, conseguiremos se así nolo indican, ir traballando algún dos aspectos que quedaban programados para este último período do curso.

Será un camiño diferente pero sinxelo para todos. A idea e que isto continúe sendo un recurso que vos sirva de apoio, xa que coma sempre vos digo aínda queda moito cole por diante para os vosos nenos e nenas e moito tempo para seguir aprendendo. O fundamental agora e que todos esteamos ben.

Non esquezades, que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail. E lémbrovos que o mesmo material que vos envío ao correo tamén quedará á vosa disposición na web do centro, premendo no 1º curso de Primaria.

 

Deste xeito, unha semana máis e aínda que esta parece un pouco máis curta polas vacacións, propóñovos unha serie de actividades para traballar durante estes catro días que nos quedan.

 

Así que estas son as miñas propostas:

·Polo que me comentades, sei que lle estades adicando moito tempo á lectura e ás matemáticas, pero non debemos esquecernos de seguir reforzando a escritura. Polo que propóñovos cada día facer nunha folla ou libreta que teñades na casa  (de cuadrícula, pauta ou con liñas para apoiarse) unha actividade diferente de escritura. Por exemplo: o martes, escribir unha adiviñanza; o mércores, escribir un refrán; o xoves, escribir un trabalinguas e finalmente o venres, escribir un problema de matemáticas inventado. Así estaredes a repasar diferentes tipos de texto que xa vimos na clase e ao mesmo tempo practicando a letra maiúscula ao comezo de oración, o punto e final, a escritura en minúscula e a presentación dos escritos.

· Ademais e durante esta semana tocaranos practicar 2 sumas e 2 restas cada día, pero nesta ocasión comezaremos a sumar e restar números de tres cifras sen levar (xa xogamos con algunhas na clase). Tendo a idea de que comprendan que independentemente das cifras que formen un número, a forma de operar sen levar, é sempre a mesma. Ademais, cada día tocaranos escribir con letra dous números comprendidos entre o 0 e o 100 e dicir se é un número par ou impar (algo que xa traballamos dende principio de curso, pero que se lles leva a dúbidas poderedes practicar atendendo á última cifra. Por exemplo, no número 26, fixarémonos no 6 e se non son capaces de facelo de memoria, colleredes 6 cores, pezas, bonecos… e repartiranos entre dous, fixándose en se sobra un (impar) ou se queda a mesma cantidade a cada un (par). Comparando ademais, con cada parella cal é o número maior e cal menor. E adicando un tempo a xogar cos números ordinais ata o 10º. Todo isto podedes facelo simplemente nunha folla ou libreta ou coa ficha que vos adxunto.

· Continuade traballando o calendario a diario, marcade o día da semana, lede o día en número, lembrade o mes, falade da estación do ano e buscade algunha data sinalada para que conten os días que quedan para ela (aniversario, festa…).

De xeito que estas serían as actividades propostas para realizar cada día (actividade de escritura, 2 sumas e 2 restas, a escritura de dous números dicindo cal é maior e se son pares ou impares e o calendario). Pero ademais fágovos tres propostas máis.

· Realizade manualidades con todo tipo de materiais para mellorar o manexo das ceras, tesoiras, pegamento, rotus,…Nesta ocasión a proposta é construír un reloxo con materiais reciclados que empregaremos a partir das vindeiras semanas.

· Non vos esquezades de ler e de xogar coas lecturas…eu nesta semana propóñovos unha lectura que ademais permitiranos traballar o abecedario e o número das palabras. De xeito que se non podedes acceder a ela o importante é que xoguedes co abecedario, que busquedes palabras que comezan por cada letra do mesmo e que xoguedes a cambiarlle o número a esas palabras, pasando de singular a plural ou á inversa (todo isto xa foi traballado na aula).

· E finalmente, tocaranos investigar un pouco sobre os materiais que forman os obxectos que temos na casa. Podendo facer o exercicio tal cal adxunto neste correo ou xogar a buscar na casa un vaso, un palillo (escarvadentes), unha pa ou utensilio de cociña similar e un zapato, investigando de que está feita cada cousa e buscando outros catro obxectos feitos igual. Ademais, aproveitaredes para falar das súas características: é duro ou brando, liso ou rugoso, escuro ou claro.

Lembrade que non se trata de facer por facer, xa que cada un ten o seu propio ritmo e que todo isto son ideas, non é nada nin obrigatorio nin avaliable. Trátase de que isto vós sirva de axuda.

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo.

AdxuntoTamaño
CONSTRUIMOS O NOSO RELOXO.pdf227.23 KB
Descubrimos os materiais.pdf211.57 KB
Lectura abecedario.pdf12.82 KB
Matemáticas semana del 14.pdf369.72 KB