TERCEIRA SEMANA SEN CLASES

Bos días familias:

 Unha semana máis propóñovos unha serie de actividades para repasar temas que xa vimos nas aulas, sen deixar de ter en conta o proposto nas semanas anteriores e tendo sempre a intención de facilitarvos este tempo sen asistir ao cole e servir unicamente de axuda. Como vos dixen dende un principio, estas actividades son voluntarias e por tanto, non as vou a avaliar. Ademais e como xa comentamos, por suposto sabedes que contades comigo a través do correo electrónico para calquera cousa na que vos poida axudar.

 Así que nesta ocasión, que vos parece se como acostumo ao remate de cada trimestre, facemos un repaso do aprendido durante o mesmo?

 Gustaríame que a idea fora un pouco diferente ao que veño facendo pero por suposto, dentro das posibilidades de cada familia. De xeito que a miña proposta é a seguinte: facer unha “Procura do tesouro”, que nos leve cada día e seguindo as pistas a repasar algo feito durante o 2º trimestre, ata chegar o venres a conseguir o voso tesouro que podería quedar agochado por exemplo,  debaixo do sofá (algo que cada familia decidirá libremente: ver unha película, escoller a sobremesa, recibir un libro, unha aperta en grupo, unhas pegatinas…) Así, tódalas actividades que propoño as poderedes facer seguindo o procedemento habitual ou a través deste xogo.

 Se o que queredes é seguir a “Procura do tesouro”,  os adultos simplemente teredes que recortar cada unha das pistas que achego no documento que acompaña este correo ou ben escribilas, para darllas como explico a continuación aos vosos nenos e nenas e agochar cada día as actividades onde se indica, a excepción da primeira que se lles entregará aos nenos e nenas en man para dar comezo ao xogo. Vós seredes os encargados de dirixir o xogo e axudarlles para que as probas sexan superadas con éxito.

 Moita sorte a todos, pasádeo ben co xogo e as actividades, e lembrade que o de quedarnos en casa é cousa de todos e que moi pronto volveremos a desfrutar os uns dos outros.

 Así a distribución do xogo e das actividades é a seguinte:

 Luns:

  1. Entregamos e realizamos a lectura comprensiva semanal. Nesta ocasión e como podedes comprobar xa rematamos coas lecturas correspondentes a cada letra que faciades a maioría do grupo e agora toca traballar unha lectura completa.
  2. No caso de involucrarvos no xogo, entregarédeslles a continuación o diploma para cubrir cos apelidos da familia.
  3. Faredes o Cocoloco correspondente ao luns e unha vez rematado darédeslles a pista do luns (Calquera pirata que un misterio quere resolver , un bo nome deberá ter. Así que pola primeira pista comezarás e debaixo dun xabón aparecerá) e teredes que colocar o traballo seguinte debaixo do xabón. No caso de non poder realizar o Cocoloco, o fundamental e que traballades tódolos días algúns problemas de sumas e restas sen levar.
  4. Realizaredes a ficha: “Trabajo con los apellidos”. No caso de non podelas imprimir por suposto non vos preocupedes, xa que a idea e que traballedes a escritura dos 2 apelidos, as letras que o conforman e palabras que comecen pola mesma inicial.

 Martes:

  1. Faredes o Cocoloco correspondente ao martes e unha vez rematado darédeslles a pista do martes (Nesta ocasión tócanos xirar e así non parar de buscar.Lembra que aínda que na casa estás, a túa roupa sempre lavarás) e colocaredes o traballo seguinte na lavadora.
  2. Realizaredes a ficha: “Trabajamos la fecha”. O fundamental deste traballo é xogar cada día a marcar no calendario o día da semana, ler e escribir o día en número, lembrar e escribir o mes, falar da estación do ano e buscar algunha data sinalada para que conten os días que quedan para ela (aniversario, festa…).
  3. Ademais e con motivo do final do mes, toca celebrar os aniversarios de Marzo: Valeria, Iker, Pablo e Mara. Así que propóñovos facer un só debuxo e algunha dedicatoria nun único folio en horizontal para enviarme en foto ou escaneado ao meu correo. Logo farei unha presentación e servirá de agasallo para que os vosos compañeiros e compañeiras, non pensen que nos esquecemos dunha data tan especial.

       Mércores:

  1. Faredes o Cocoloco correspondente ao mércores e unha vez rematado darédeslles a pista do mércores (Un pirata refinado, aínda que estea moi ocupado, para ser pirata de postín, nunca esquece os calcetíns) e colocaredes o traballo seguinte cos calcetíns.
  2. Realizaredes a ficha: “Escribimos nuestro cuento”. Esta actividade xa foi feita na aula e a idea e seguir practicando a escritura de contos propios. Eles xa saben que deben pensar antes de escribir, organizar o conto presentando os personaxes, o lugar e o tempo, desenvolvendo unha acción e chegando a un desenlace. Coñecen que deben facer un traballo limpo e con letra clara. E ademais, acompañar o seu escrito dun debuxo relacionado coa historia.

Xoves:

  1. Faredes o Cocoloco correspondente ao xoves e unha vez rematado darédeslles a pista do xoves (Para continuar con esta aventura ben alimentado tes que estar, así que nun sitio ven fresquiño a seguinte pista deberás atopar) e colocaredes o seguinte traballo dentro da neveira.
  2. Realizaredes a ficha: “Repaso de naturais”. E seguindo coa cociña como a semana pasada, nesta ocasión tocaranos organizar os alimentos, contestando se deben cociñarse ou non para comelos e de onde proceden. Así que xa sexa aproveitando as etiquetas para pegar nas táboas que vos envío, escribindo o nome dos alimentos no lugar axeitado ou simplemente debatendo cos maiores da casa, debedes de investigar. Ademais, tocaranos repasar un pouco as partes do corpo que aprendemos en galego. Podendo facer o exercicio tal cal adxunto ou xogar a pegar etiquetas cos nomes, no corpo de alguén da casa.

Venres:

  1. Faredes o Cocoloco correspondente ao venres e unha vez rematado darédeslles a pista do venres (Non importa que todo o día o pases sen parar pero sabedes que o importante ao final é descansar. Así que non esquezades mirar debaixo de onde a orella debedes colocar) e colocaredes o traballo seguinte debaixo da almofada.
  2. Realizaredes a ficha: “Repaso de matemáticas”. Pero por suposto e igualmente non vos preocupedes de non poder imprimilas, con facer algunhas sumas e restas de dúas cifras e sen levar, xogar coas decenas, resolver algún problema e practicar cos pesos e medidas será suficiente.
  3. Finalmente e para dar por rematada a aventura, entregarédeslles a derradeira pista que os levará a descubrir o seu tesouro (Esta aventura non podes rematar sen parar un rato a pensar e que mellor lugar que un sitio onde sentar).

 

Lembrade que non se trata de facer por facer, cada un ten o seu propio ritmo e por suposto cada familia ten as súas circunstancias na casa.

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo.

 

AdxuntoTamaño
Pistas xogo Procura do tesouro.pdf297.74 KB
Diploma y comienzo del juego.pdf392.21 KB
LA BÚSQUEDA DEL TESORO (lectura comprensiva).pdf305.23 KB
COCOLOCO 2.pdf325.44 KB
Trabajo con los apellidos.pdf455.32 KB
Trabajamos la fecha.pdf533.54 KB
Escribimos nuestro cuento.pdf68.78 KB
Repaso de naturais.pdf418.74 KB
Repaso de matemáticas.pdf779.35 KB