RECOMENDACIÓNS DE LENGUA PARA AS VINDEIRAS SEMANAS

               Estimados pais e nais do alumnado de 2º curso:

    A continuación adxunto unha serie de lecturas comprensivas en lingua castelá para realizar nestes días tan inesperados como predecibles a partir de agora. Concretamente, son trinta para o primeiro nivel e setenta para o segundo. Hainas de diferente dificultade, porque cada discente avanza a un determinado ritmo, como é lóxico. Tamén inclúo unha serie de contos breves e moi sinxelos, tanto en prosa coma en verso, algúns deles profusamente ilustrados e que serven para desenvolver a educación en valores. Ademáis, tamén engado un caderno de relatos clasificados por valores en lingua castelá, así como o seu homónimo en lingua inglesa. A maiores, tamén incorporo unha guía explicativa de por qué usar contos para educar e cómo facelo con éxito; é moi amena e recomendo encarecidamente a súa lectura. Atoparédelo todo na aula virtual, na sección “Lengua castellana-2º curso”, e máis concretamente no apartado “Materiais”, xusto despois do tema 5.

   Considero capital establecer unhas rutinas diarias para a realización de diferentes actividades como as que vou indicar a continuación, xa que resulta crucial fomentar a capacidade creativa dos máis pequenos dende un plantexamento riguroso, que ademáis nos obrigue a pensar dende perspectivas máis amplas.

   Antes de nada, gustaríame lembrar que os resultados non se producirán sempre á medida dos nosos desexos, polo que non debemos esquecer nunca que “o mellor é inimigo do bon”.

   É esencial adicar un tempo diario á lectura e á escritura. A lectura debe realizarse tanto en voz alta (co que colaboraredes á correcta realización dos signos de puntuación, así como a unha axeitada articulación, vocalización e dicción xerais), como interiormente. Neste último caso é convinte ó rematar, solicitar que expresen qué é o que acaban de ler coas súas propias palabras e no mesmo idioma no que leron. Aínda que resulte obvio, é oportuno indicar en ámbolos casos, antes de abordala, que por favor pregunten calquera dúbida que teñan respecto ós termos nos que se desenvolve ou outras cuestións que descoñezan ou lles resulten de interese, para así poder ampliar a información, como tamén é relevante que se inicien na búsqueda da mesma, tanto noutros libros como a través da rede, de xeito guiado.

   É convinte crear relatos colectivamente, asumindo neste caso os proxenitores o papel de guía, axudando a crear unha ambientación axeitada, caracterizando ás personaxes, escollendo un argumento orixinal, colocando ós protagonistas en situacións impredecibles e contribuíndo a enriquecer o seu léxico.             

   Tamén podedes solicitarlles que vos conten algo divertido, orixinal ou estrafalario que lles sucedera, ou contárllelo vós mesmos, para posteriormente plasmalo por escrito. Poucas cousas hai que lle gusten máis a un cativo que escoitar unha boa historia. Así mesmo, podedes crear adiviñas, poemas, trabalínguas, a letra dunha canción, escribir unha carta ou mail a un ser querido ou calquera outra cuestión que consideredes importante e valiosa. É sorprendente o poder imaxinativo que posúen os máis pequenos. Unha actividade moi proveitosa é a ilustración dos mesmos, así como a recreación de persoaxes e elementos con xogos de construcción (tipo lego), plastilina e similares ou calquera outro tipo de material. Tamén se pode interpretar a historia, dramatizándoa caracterizándose con elementos xa existentes ou creando outros novos, conxugando así realidade con imaxinación. Ademáis de elaborar as súas propias produccións, resulta enriquecedor que empecen a familiarizarse co coñecemento de diferentes manifestacións artísticas plásticas que empreguen linguaxes e estéticas moi diversas, para o cal deberedes comentalas conxuntamente, contándolles os seus fundamentos básicos e expresando qué tipo de sensacións vos producen.

   Resulta crucial o feito de cantar a diario cos vosos fillos no maior número de línguas posible, e partindo sempre das vosas propias raíces musicais. No segundo nivel de educación primaria as letras das cancións deben efectuarse con xesto asociado, e, se non o posúen, deberedes crealo vós colectivamente. Para esta tarefa, podedes preguntarlles cales son as cancións que máis lles gustan das que cantaron este curso, e interpretalas xuntos. Nesta ocasión eles serán o modelo a imitar. Se tedes algún instrumento de percusión na casa, podedes crear ritmos grupalmente para acompañar as cancións que decidan, e, en caso negativo, podedes fabricar os vosos propios instrumentos con materiais de refugallo ou realizar os ritmos coa boca, palmas (coñecen varios tipos), chasquidos, percutindo nos muslos e cos pes, utilizando así o propio corpo como instrumento musical. É de vital importancia fomentar e valorar constantemente con reforzo positivo a expresión espontánea dos vosos fillos, sempre incidindo en que hai que interpretar moderadamente, sen excesos, para non mancarse, danar a voz ou molestar ó próximo.

   É moi beneficiosa a execución de exercicios de respiración e relaxación a diario, durante varios minutos, así como a audición activa de obras musicais de xéneros eclécticos, sexa música folclórica, culta, música diexética e incidental, músicas populares urbanas ou música electrónica. Para elo, deberedes crear un ambiente tranquilo e silencioso, indispensable para favorecer a atención, seleccionando pezas breves ou fragmentos axeitadamente extraídos de obras de maior extensión, e posteriormente contemplando a posibilidade de combinar a audición con outras accións, como a participación activa con instrumentos musicais e a expresión corporal e plástica, como se indicou anteriormente.

   É substancial entreterse con xogos que impliquen pensamiento lóxico e reversible, como é o caso do xadrez, o go, o mahjong, xogos de naipes que impliquen cálculo mental (por exemplo, “a escoba” ou o “20-20”), a elaboración de puzzles ou o emparellamento e ordeamento de obxectos (por tamaños, cores, formas ou o son que producen), así como a realización de sudokus, crucigramas, anagramas, aritmogramas, autodefinidos e sopas de letras axeitados ó seu nivel de desenvolvemento psicoevolutivo, coñecementos previos, características e intereses.

   Tamén resulta importante que dende idades temperás se familiaricen coa responsabilidade que implica o coñecemento e coidado dos seres vexetais e animais que convivan convosco, así como a cultivar, manipular e cociñar os seus propios alimentos. Neste senso, agora, nos meses de marzo e abril podedes aproveitar para ensinarlles a plantar todo tipo de alimentos, como calabacíns, calabazas, xudías, pementos, tomates, berenxenas, alcachofas, xirasois ou diversas legumes.

   Para rematar, gustaríame lembrar a necesidade de realización de exercicio físico moderado diariamente.

   Nada máis polo de agora, simplemente pedirvos que lle digades ós cativos que se lles bota de menos a todos e cada un deles e que axiña nos veremos, e a vos indicarvos que quedo á vosa disposición para posibles dúbidas que vos poidan xurdir ou calquera outra cuestión na que vos poida botar unha man. Podedes contactar comigo a través deste enderezo electrónico: santiagovila26@yahoo.es

    Recibide un cordial saúdo. Atentamente,  Santiago Vila López

“A familia non é só importante, é todo”.

“Non importa o pobre que poida ser unha persoa; se ten familia é rico”.

“Familia significa que ninguén se queda atrás e ninguén se esquece”.

“A familia é o lugar onde comenza a vida e o amor nunca remata”.