Título | Resumo |
---|---|
LIBROS DE RICARDO CARVALHO CALERO #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS
Chegou o Día das Letras Galegas! Nestes tempos nos que temos que quedar na casa, as editoriais comparten con nós as súas obras para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero.
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
O INCRIBLE NENO DEVORADOR DE LIBROS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
Unha representación do conto "O incrible neno devorador de libros". Os nenos e nenas de cinco anos fixemos a nosa versión.
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
SEMANA DO MEDIO AMBIENTE - CADERNO DE NATURALISTAS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
O respecto e coidado do medio ambiente comeza cando nos achegamos a coñecelo. Presentamos os cadernos de naturalistas realizados polo alumnado de 5 anos nas súas Aulas ao aire.
PAXARIÑOS PIADORES, CASIÑA DO MEU CONTENTO
(Preparando un día de clase nas aulas no aire)
Carmen: -Que levante a man o que algún día, paseando, escoitara o canto dos paxaros... Alba: -Seguro que moitos levantaron a man. Verdade, Carmen? Carmen: -Si, muller... se os puidese ver, seguro que había tantas mans levantadas como cando preguntamos quen quere falar na asamblea da escola... pero aí vai outra: (poñemos o reclamo dun paporroibo) Carmen: -Que levante a man o que seipa que paxariño está cantando Alba: -Que levante a man o que sepa o nome do rei dos paxaros... Carmen: -Esa non sei eu se a saberán... Alba: -Seguro que moitos de vosoutros levantastes a man unha vez, dúas... ou se cadra tres, pero pequenos naturalistas, asegurámosvos que despois do día de hoxe, se abrides ben eses ollos tan atentos que tedes, e afinades con precisión o oído, porque xa sabedes que "o que non atende non aprende", se cadra, algún día paseando recoñeceredes o cantar dalgún paxariño.
Pois para empezar, imos contarvos unha fábula, que sabemos que vos gustan...
O Rei das Aves
Houbo unha vez, hai moito tempo, en que todos os paxaros do mundo se reuniron porque querían nomear un gobernante , e así, xuntáronse nunha asamblea para decidir quen de todos sería o Rei das Aves. - O Rei das Aves terá que ser aquel que poida voar máis alto, que para iso son os paxaros! -dixo unha águia (que xa se vía no máis alto do podium con coroa e todo). E así foi como empezou unha gran competición por ver quen acadaba o posto máis alto. Os paxaros voaron, esforzáronse moito... batían as ás con todas as súas forzas para poder chegar moi arriba... Así son as competicións... Os voitres e as águias eran os primeiros, os mellores, ata que unha delas empezou a subir, un águia enorme, fermosísima... unha águia real! Chegou máis alto que ningunha outra. Foi daquela cando ao verse gañadora, chamou polos demáis paxaros para anunciar que ela sería a raíña, pois estaba por enriba de todos eles... Pero meus pequenos naturalistas... a águia sinteu que algo lle rebulía no medio das súas ás. Por entre aquelas plumas enormes foise asomando un paxariño, coma un chisco, coma un faragulliño de pan dos que quedan na mesa despois da merenda... e sen pensalo nin esforzarse, púxose na cabeza da rapiña, e berrou: O rei son eu! O rei son eu!
E así foi como o tuí, o máis pequeno de todos os paxariños, se fixo o Rei das Aves e os Paxaros...
E agora, a actividade de hoxe. Seguro que tedes ben gardado o voso caderno de naturalistas. Veña...rapidamente a buscalo, que hoxe imos facer máis páxinas. Aprenderemos os nomes de catro paxariños que podedes atopar en Cedeira, e algunhas cousas de cada un deles. Non tedes que escribir todo... cada un o que poida.
O PAPORRUBIO
O paporrubio, tamén chamado paporroibo, peizoque ou richinó, é un paxariño solitario e moi territorial, que non acepta a presenza doutros conxéneres, ata o punto de zouparse contra a súa propia imaxe se a ve nun espello ou nun vidro. Fundamentalmente insectívoro, libra aos nosos campos de moita bichería, razón pola que sempre se lle ve arredor das xentes que traballan nas terras. Residente durante todo o ano na nosa bisbarra, no inverno chegan grandes cantidades do norte de Europa.
O paporrubio ten un cantar moi especial. Aquí tedes o seu son:
"O peizoque Roque" é un conto de Dores Tembrás que ten como protagonista a este paxariño. "O peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que recenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida"
O MERLO
O merlo e a merla son ben diferentes. O merlo é negro e a merla é parda. Paxaros moi comúns e abondosos son coñecidos de todos polo seu melodioso e potente cantar á caída da tarde. Estes paxaros comen de todo: insectos, grans, froitos... e aínda que teñen o plumaxe negro, moitos deles teñen abondosas plumas brancas, chegando algún deles a ser completamente branco. De aí naceu o famoso dito: "Eres máis raro ca un merlo branco".
"A merla de trapo", un conto de Antón Cortizas. Unha historia de fadas pero que non ten fadas. É a historia de Antonia, unha costureira que salva a un merlo de ferro dun estorbo no peteiro que lle impedía cantar. O merlo pouco a pouco entristece,e Antonia cose unha merla de trapo para que lle faga compaña...
O MARTÍN PESCADOR
Puidera ser o máis famoso paxariño da nosa contorna. As súas cores rechamantes, a súa voz metálica, e o seu voar en liña case a ras das augas, cautivan a atención de todo aquel que o ve por primeira vez. Gusta de pousarse nalgunha póla alta á beira dos ríos, dende a que asexa os peixiños que nadan na auga, para zouparse rapidísimo e conseguir algo para comer. O Martín pescador, tamén chamado Picapeixe na zona de Ourense é o paxaro que dá nome á asociación de pais e nais dos nenos e nenas da escola de Cedeira: a ANPA "Picapeixe".
A PÍLLARA DAS DUNAS
Paxariño emblemático dos nosos areais, agora mesmo en Galicia está en perigo crítico de desaparición. Por isto a píllara das dunas foi nomeada ave do ano 2019. O seu niño, extremadamente discreto é moi difícil de percibir para os ollos humanos, pero non tanto para o olfato dos cans que pasean polas praias.
Sodes capaces de atopar o niño de píllaras nesta fotografía? Para a súa protección e sobrevivencia existe un plan de protección oficial da Xunta de Galicia:
E despois de toda esta información, xa estades preparados e preparadas para facer as novas páxinas do noso caderno de naturalistas. Cada un pode apuntar a información que vexa máis interesante. Aquí van as nosas páxinas:
E para que os debuxos sexan máis fáciles de facer, deixámosvos os paxariños paso a paso:
A tomar nota, pequenos naturalistas!
As fotografías que acompañan esta entrada pertencen ao arquivo particular do mestre e naturalista Rafael López Loureiro. Nas súas palabras.... "Eu quedo no niño"
Mil gracias.
Podedes seguir aprendendo nas Aulas ao aire:
- Caderno de naturalistas "Eu quedo no niño"
- Animaliños que nos visitan... / Caderno de naturalistas "As vosas bolboretas"
- Bichiños
- Xente de auga e de terra / Caderno de naturalistas "Grandes exploradores"
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
CEDEIRA, RESERVA MARIÑA #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
No ano 2009, creouse a Reserva da “Ría de Cedeira”, como unha medida de axuda para fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais. Actualmente, na costa de Galicia, existen dúas Reservas Mariñas de Interese, a de Cedeira é unha delas. Unha das finalidades de crear a Reserva de Cedeira, e así se indica no Decreto 28/2009 do 29 de xaneiro, é a seguinte: c) Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade Así pois, facer referencia ao areal de Cedeira é obrigatorio. A Reserva mariña da Ría de Cedeira é unha maneira de preservar os recursos e os hábitats; hai evidencias científicas que amosan que este tipo de áreas mariñas protexidas son poderosas ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica. Que Cedeira sexa unha Reserva mariña implica moitas cousas, unhas referidas á pesca, outras ao marisqueo, pero o máis importante é que con carácter xeral dentro da reserva mariña queda prohibida a extracción de fauna e flora. Por tanto, xa sabedes, amigos e amigas: nunca hai que coller nada da praia, e xa non só porque esté prohibido, senón por aquilo no que insistimos tanto que é respectar o medio que nos rodea. Na praia podemos atopar cousas lindísimas: berberechos, cangrexos, xebras de moitos tipos, esqueletos de ourizos de area, cunchas fraxilísimas…
Aquí van algunhas delas:
Berberechos Seguramente se levantades un pouquiño de area cando baixa a marea poderedes atopar berberechos, que se abren para alimentarse. O que vai na foto é un carneirolo, tamén lle chaman berberecho bravo.
Ardecasas Adoitan estar metidos polo medio das rochas da praia. Na praia da Arealonga hai moitos, pero ollo... TRABAN!
Cangrexo ermitaño Se ides á praia da Arealonga poderedes ver como a marea arrastra numerosos caracoliños que gardan dentro un cangrexiño. O cangrexo ermitaño vai mudando de casa conforme vai medrando. Esta podería ser a cuncha dun deles:
Xebra Hai días que parece que o mar fora unha ensalada de mil cores, hai xebras verdes, xebras marróns... As que aquí aparecen chámanse marmulos. Seguramente xogastes máis dunha vez a estoupar as boliñas de aire.
Amigos e amigas, xa sabedes… as beiras da marea son lugares preciosos que temos que conservar. Por iso, propoñemos facer un cartel para que toda a xente saiba que a Ría de Cedeira é unha reserva mariña. Nese cartel ten que ir o título:
Ría de Cedeira, Reserva Mariña
E cada un de vós escribirá algo importante referido á reserva.
Aquí vai o noso:
Esta actividade didáctica realízase en colaboración co Museo Mares de Cedeira, así que cando teñades feito o cartel, facédeslle unha foto e enviádela ao seguinte correo: maresdecedeira@gmail.com Xa podedes ver algunhas creacións no facebook do museo.
O museo do mar, berce de reservistas, será a caixa de resonancia que impulse as nosas voces e envíe a nosa mensaxe de defensa medioambiental.
Fotografías: Rafael López Loureiro
|
TEATRO, COEDUCACIÓN E DIVERSIDADE #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
A temática sobre identidade sexual e de xénero é un contido que debe abordarse no ensino, e así está reflexado en diferente normativa:
- Protocolo de identidade de xénero: "Realizar actuacións de información e sensibilización da diversidade sexual e de xénero dirixidas ao alumnado..."
-Calendario escolar 2019/2020: "...para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual (de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais), os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas."
Adiantámonos ao 28 de xuño, Día Internacional da Diversidade sexual e Dereitos LGBTI, achegando a obra de teatro Estrela...fugaz?, na que o autor Carlos Labraña aborda esta temática cun enfoque dirixido ao público infantil. A seguinte curta tamén pode servir para seguir profundizando no tema, abrir debates, conversar en familia...
|
LIBROS, LIBROS E MÁIS LIBROS #euquedonacasa #bescolaresgalabertas |
Chegamos ao final deste curso tan peculiar. Son moitos os momentos compartidos dende moitas casas neste tempo de confinamento. Agardamos poder vernos moi prontiño con novas propostas. Despedímonos compartindo os vosos libros favoritos e achegando recomendacións lectoras para este verán. Unha aperta!
https://www.facebook.com/bibliotecacarloslabranha/ @beCarlosLabrana biblio.nicolas.del.rio@gmail.com
|
ROTEIRO: MURALLAS DE CEDEIRA - XEOGRAFÍAS LECTORAS #bescolaresgalabertas |
O alumnado de 1º C (Os Vagalumes) comezan os seus roteiros pola vila, dentro do seu proxecto polo patrimonio. Cun obxectivo moi importante: ver, coñecer e valorar a nosa vila. Este primeiro roteiro foi adicado ás murallas de Cedeira.
Deixan constancia da súa saída cun pequeno libro de comprobación. DOCUMENTACIÓN: Saída, documentación de Rafael Usero e colocación de placas nas portas das murallas (hoxe alumnado que cursa 6º de Educ. Primaria).
|
AMI: RUTINAS DE PENSAMENTO #bescolaresgalabertas |
O alumnado de 1º C, os Vagalumes, inician unha longa investigación, sobre un tema que hoxe está "na boca de todas e todos".
Comezan con esta rutina de pensamento, coa que aprenden a pensar e plantexarse preguntas. Tamén a razoar onde atoparán as respostas máis fiables. Que é o que saben do virus Sarc-Cov-2/Covid19? Saben moitas cousas que parecen impensables con só cinco ou seis anos de vida. Ollade! As oracións gardan fidelidade ás súas verbas e expresións.
Coinciden en pleno, que o que máis lles interesa saber é cando remata esta dura historia. Todo o planeta daría moito por obter esa resposta, grandes problemas se avistan para dar coa resposta. E o plano emocional, a palabra, morte lese entre liñas.
Hai dúas profesións claves para solucionar o problema e valoran moito a súa opinión. Tamén hai un lugar que ten gran importancia para a documentación: a biblioteca!
Este é o comezo dunha investigación complicada e que toca o corazón de todos. Saben de certo que será longa no tempo, a rapazada é moi lista!
Aprenderán nese camiño. Cada vez que din algo, teñen que xustificalo, explicar porque o dixeron, porque defenden esa postura. O mesmo espíritu crítico pediráselles na lectura ou escoita de calquera noticia, comunicado... coa intención de crear unha infancia que poña en dúbida a información, porque non todo vale. Para que mañá sexan adultos intelixentes e competentes, que entendan a diferencia entre unha información con datos contrastados e fiables dunha noticia falsa ou unha estafa.
|
Seguimos traballando o corpo... cun experimento! |
Sen case darnos de conta, chegamos xa a novembro, mes que no celebramos o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Na nosa biblioteca podedes atopar un montón de materiais relacionados coa ciencia pero, neste caso, queremos mostrarvos un experimento moi chulo. Nas clases de segundo están traballando sobre o corpo humano e para afondar sobre a respiración e cómo funcionan os órganos relacionados con este proceso fixeron este sinxelo experimento no que se pode observar moi facilmente o intercambio de gases mediante a inspiración e expiración.
|
Coidemos o planeta! |
Estes días as aulas de sexto tiveron unha visita moi especial: viñeron ao cole unha bióloga e unha mariscadora para falarnos da limpeza de praias que están levando a cabo na nosa zona. Contáronnos que están atopando moito plástico e lixo por iso é moi importante que todos e todas colaboremos para coidar o planeta e conseguir así un mundo mellor. Con xestos simples comas as 3R (reducir, reutilizar e reciclar) podemos poñer o noso pequeno gran de area!
|
UN DESEXO DE NADAL - RADIO ANUNCIO |
Unha época para estar en familia, pero azoutados por unha pandemia que nos afasta. O alumnado de 1º de primaria: Esquíos, Duendes e Vagalumes queren quentar os corazóns da vila mandando un desexo de Nadal. Canción de fondo: RUDOLPH THE RED NOSED REINDEER CON GAITA!! tocada por Antonio Rodríguez Bustabad E agasallar os oídos das cedeiresas e cedeireses cun programa especial de Nadal, do seu programa "O pregoeiro da Vila". Para a súa realización recolleron documentación nunha ficha: como vivían as festas avoas e avos, familias con comercios e datos, asociacións relacionadas co noso alumnado... É un programa longo para escoitar mentres tomas un chocolate con churros, pretende informar de como serán as festas na nosa vila nestes tempos tan delicados. Mestura entrevistas, anuncios realizados pola rapazada, música e o Nadal de sempre. Agradecemos a colaboración de todas e cada unha das persoas que se brindaron a ofrecernos datos e entrevistas. Por e para Cedeira unha actividade de aprendizaxe e servizo. Que o amor invada o corazón de todas e todos os Discalzos e Discalzas.
Collage dos debuxos do alumnado con fondo dunha fotografía das vistas dende a aula. Programa Canva |
PROXECTO PARROQUIAS DE CEDEIRA - XEOGRAFÍAS LECTORAS |
O alumnado de primeiro de primaria, dentro do seu proxecto sobre as parroquías de Cedeira, argalla un quebracabezas online para incidir na localización das sete parroquias da vila. Para tal fin utlizan a aplicación Jigsaw Explorer, que permite xogar online, escoller o número de pezas, amosar só os bordes das pezas... Recomendamos iniciar o xogo con nove pezas e ir aumentando. Estes tempos tan confusos están permitindo profundizar, gozar e andar pola nosa xeografía.
Debuxo coloreado e decorado polo alumnado de 1º de Primaria. |
O voluntariado non descansa! |
A biblioteca non descansa e, a rapazada que forma parte do voluntariado tampouco!
Estes días os nosos voluntarios e voluntarias están inmersos/as en colocar os novos fondos (hai cousas ben chulas!) que se están a incorporar e que xa empezan a encher os andeis das salas!
E ademáis, están organizando o espazo de robótica! Teñen aínda cousas que colocar (algunhas levan tempo coma as pezas do Lego WeDo...) pero en breves todas as aulas poderán empezar a pasar por este espazo! |
Exposicións deste mes! |
Fai uns días vos ensinamos a exposición de libros de Rosalía e, nesta ocasión, queremos contarvos outras dúas exposicións que temos este mes! Por un lado, no noso polbo, temos unha pequena escolla de libros sobre mulleres relevantes, có motivo do Día internacional da muller (e que en breves se completará có libro que vos anunciamos aquí!!) e, na estantería, xa podedes ver materiais sobre poesía xa que o 21 de marzo conmemórase o Día mundial da poesía.
|
O Coronadiario |
A semana do 8 ao 12 de marzo conmemórase a Semana da Prensa e, o voluntariado da biblioteca participou creando esta exposición que vos ensinamos hoxe. Concretamente, traballaron con prensa escrita escollendo en diferentes xornais novas destacadas relacionadas có coronavirus, a vacinación, o traballo dos sanitarios... |
Día Mundial do Teatro |
O día 27 de marzo celébrase o "Día Mundial do Teatro". Con moita ilusión creamos unha nova aula de teatro na que levamos traballando un tempo, na que tamén elaboramos un teatro de sombras. Seguindo os consellos e orientacións de Quique Vázquez, que nos axudou con toda a parte técnica, acabamos de estrear a aula coa obra: "A toupiña que non sabía quen lle puxera aquilo na cabeza", interpretada por mestres do noso centro!!! Nos vindeiros días haberá máis actuacións, tanto de teatro como de teatro de sombras. |
BOOKFACE NO DÍA DO LIBRO 2021 |
Unha das actividades propostas para o Día do Libro foi a realización de BOOKFACES, que podían facer nas casas, clases, biblioteca, etc... Preme aquí nesta ligazón para acceder a todas as fotos enviadas por familias e mestres. No caso de faltar algunha prégase enviar un mail a biblio.nicolas.del.rio@gmail.com. Ademáis elaboramos un vídeo cunha selección de bookfaces para facer un resumo da actividade!!!
|
Teatro de sombras. "Saudades do teu abrazo". |
Obra realizada polo alumnado de 6ºB e a súa titora Iria, aproveitando un dos novos recursos na aula de teatro. "Saudades do teu abrazo" (Eoin McLaughlin). |
PROTOCOLO BE "CARLOS LABRAÑA" - CURSO 2021-2022 |
DENDE A BIBLIOTECA "CARLOS LABRAÑA" DÁMOSLLE A BENVIDA A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA. PODEDES LER O PROTOCOLO DESEÑADO PARA ESTE CURSO ESCOLAR NAS FOTOGRAFÍAS OU EN PDF. QUEDAMOS Á VOSA DISPOSICIÓN.
|
CLUB DE LECTURA |
A BIBLIOTECA ESCOLAR "CARLOS LABRAÑA" XA TEN UNHA PEQUENA TRAXECTORIA NO CLUB DE LECTURA. PERO ESTE ANO A XUNTA AMPLIOU A CONVOCATORIA A PRIMARIA E POR SUPOSTO IMOS PARTICIPAR! PABLO, CATA, XABIER E BASMA SON OS ENCARGADOS DE PUBLICITALO NA RADIO.
ESCOITA O SEU ANUNCIO!!
SE SODES DE 4º, 5º OU 6º PODEDES APUNTARVOS NAS TÁBOAS QUE ESTÁN XUNTO AO CARTAZ, NO CORCHO DA BIBLIOTECA OU NO DO AREAL. BENVIDOS AO VOSO CLUB DE LECTURA! |
DÍA EUROPEO DAS LINGUAS |
UN DOS MAIORES PATRIMONIOS É A FALA, A NOSA E A DA NOSA CONTORNA, A DOS QUE VEÑEN E A DOS QUE QUIZAIS VISITAREMOS. PALABRAS, A BASE DO ENTENDEMENTO! DENDE AQUÍ O NOSO SAÚDO!
|
DÍA DAS ESCRITORAS - INTERVIMOS O COLEXIO! |
O 18 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Dende a nosa biblioteca queremos visibilizar a súa labor, para iso intervimos o centro cuns marcapáxinas realizados por todo o alumnado e expostos á vista de toda a comunidade educativa. Este é o resultado!
|
Analizando a publicidade! - SEMANA AMI |
Coa intención de facer ao noso alumnado crítico ante o mercado de productos e a súa publicidade, dende a BE Carlos Labraña, creamos un xogo na aplicación Genially para que analicen e sexan máis conscientes á hora de adquirir un producto. Esta actividade está enmarcada dentro da Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional proposta pola UNESCO.
Engadimos tamén enlace ao código PAOS (código de corregulación da publicidadede alimentos e bebidas dirixido a menores, prevención da obesidade e da saúde).
|
PATIOS VIVOS - DÍA DA INFANCIA |
O 20 de novembro é o Día da Infancia.
Elas e eles serán os que cambien o mundo, necesitan espazos para medrar, explorar, crecer...
Nos Patios Vivos da nosa escola o alumnado goza de xogo libre e en ocasións, de actividades dirixidas.
Asi descobren como funcionan as máquinas, pequenos insectos, vermes..., as mesturas, as disolucions,
asi achan a ciencia dun xeito placentero e respectuoso co medio e con eles/elas mesmos.
|
Expoñendo a ciencia |
Xa estamos en novembro, mes no que dende Bibliotecas escolares de Galicia se impulsa a celebración do Mes da ciencia en galego polo que Ataúlfo, o noso polbo favorito, xa ten nas súas patas un montón de recomendacións moi chulas en relación a esta temática polo que... si estades pensando en experimentar, argallar ou descubrir os segredos da ciencia, non dubidedes en botar unha ollada!!
|
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 30
- 31
- 32
- 33
- 34
- 35
- 36
- 37
- 38
- …
- seguinte ›
- última »