COMPLEMENTARIAS E EXTRAESCOLARES

Hoxe celebramos no noso cole o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

En Infantil traballamos o conto "ROSA CARAMELO" .

O alumnado de Primaria escribiu LEMAS moi importantes

CONTRA A VIOLENCIA  e POLA IGUALDADE.

Aquí tedes unha mostra do noso traballo

  

 

Tamén podedes ver o vídeo na aula virtual do cole

 

Ao final da xornada todos os nenos e nenas, persoal docente e non docente foron agasallados cunha camiseta e unha pulseira que xentilmente donou o Concello de Mañón.

    

Moitas grazas pola colaboración

O día 30 de outubro celebramos no CEIP Francisco López Estrada o Magosto. Ao longo da semana o alumnado foi traendo unhas cabazas moi orixinais e terroríficas que xuntamos nunha exposición. 

Ademais este ano as nenas e nenos viñeron disfrazados para a ocasión: sangue, feridas, cicatrices, caras pálidas... Destacou a gran variedade e orixinalidade dos disfraces. Algunhas mestras tamén trouxeron as súas mellores galas.

A primeira actividade da mañá foi protagonizada pola Bruxa Esdrúxula. Encargouse de recoller os medos que cada alumno previamente escribira nun papel e procedeu a queimalos. Medo ás matemáticas? Queimado! Medo ás verduras do comedor? Queimado! Medo a esquecerse dos deberes? Queimado!

A bruxa Esdrúxula encargouse de queimar os medos, iso si, nada de maxia, un simple chisqueiro acorde aos nosos tempos. 

Despois de queimar os medos relaxámonos un pouco co grupo Odaiko, que nos amenizou a xornada cunha serie de contos... aínda que moi relaxados non quedamos xa que eran auténticos contos de medo!

E pola tarde, mantendo a tradición, pasamos un bo intre cuns xogos populares variados e para todos os gustos. Os máis pequenos portáronse moi ben e pasárono estupendamente. 

Os máis maiores tomárono moi en serio e participaron dunha competición sa e deportiva. 

Os zancos sempre son un reto. Fixérono moi ben, demostraron unha gran habilidade e alegrámonos moito de que ningún nocello resultase prexudicado.

Tamén houbo momentos para descansar. Non todo vai ser emoción e aventuras, o corpo ademais necesita recuperarse, especialmente o dos máis pequenos.

As familias trouxeron unhas sobremesas deliciosas con produtos de tempada. Cada ano supéranse. Nin en MasterChef teñen tanto nivel!

As nenas e os nenos elixiron as súas sobremesas favoritas e probaron uns alimentos tradicionais que non só eran saudables senón tamén deliciosos.

A continuación tedes todas as imaxes da celebración na siguinte ligazón: magosto

Día internacional da muller

Neste día no noso cole tivemos a visita de dúas mariscadoras e unha mariñeira redeira do concello de Mañón que nos achegaron un pouco ao seu traballo e nos ensinaron a arte de mariscar e de traballar no mar. 

Isabel e Silvia Álvarez, as mariscadoras, amosáronos un montón de aparellos que utilizan na recolleita da ostra, da ameixa e tamén, fai uns anos, na coquina. Explicaron ademais aos nosos nenos e nenas as técnicas empregadas.  

Luisa falounos da súa experiencia como mariñeira e amosou diferentes artes de pesca levadas a cabo polos mariñeiros/as do noso concello. Tamén nos indicou como se repara unha rede e os distintos tipos de redes cos que ela traballa.

Mulleres traballando na Ría do Barqueiro

Estes son os aparellos e tamén algúns mariscos dos que colleitan e recollen nas nosas praias e na nosa ría.  

No seguinte vídeo amosamos os debuxos que fixeron os nenos/as de infantil sobre a charla que escoitaron destas artes de pesca e marisqueo e tamén o traballo que fixeron os nenos/as de primaria para ampliar a cantidade de traballos que as mulleres deste concello están a realizar.  

Moitas grazas a Luisa, Isabel e Silvia pola súa colaboración. 

 

 

Aínda que chegan cuns meses de atraso, xa están dispoñibles as fotos do Magosto. Unha tarde chea de doces e xogos, na que pais, mestres e alumnos compartiron moitos intres de diversión e risas. Esperamos que vos gusten.

 

Ligazón á galería de fotos

Distribuir contido