Iguála-T

DIA DA EDUCACION

Con motivo do día da educación , na aula de 4 anos traballamos Unha educación igualitaria para todos e todas, para nenos e nenas independentemente do noso sexo,  raza, cultura ou cor .

 

Iguála-T

Curso 2021/22

Obxectivo xeralDesenvolver prácticas educativas que identifiquen os estereotipos sexistas existentes en diferentes ámbitos da comunidade escolar e da sociedade e que promovan a súa eliminación, de xeito que favorezan nos nenos e nas nenas un desenvolvemento persoal satisfactorio e unha convivencia pacífica e igualitaria con valores encamiñados á igualdade de oportunidades entre ambos sexos e que se traslade ao resto da sociedade.

Obxectivos específicos:

- Reflexionar sobre os estereotipos e roles de xénero que nos impiden ser e expresarnos libremente.

- Contribuir a xerar debate sobre a diversidade afectivo-sexual de forma que se sustitúan verbos como “tolerar”, por outros como “aceptar”, “acompañar” e “respectar”.

- Fomentar e favorecer relacións de igualdade e respecto cara a diversidade afectivo-sexual e familiar.

- Promover e valorar o dereito a ser diferente, como forma de enriquecemento da escola e a sociedade.

- Promover lecturas coeducativas a través da Biblioteca escolar.

- Xestionar as actividades e a ocupación do patio para favorecer a inclusión.

- Potenciar os xogos cooperativos e os xoguetes non sexistas.

 

DÍA INTERNACIONAL DA DISCAPACIDADE_3 DE DECEMBRO

Este curso 2021-2022, quixemos darlle valor ao Día Internacional da Discapacidade participando nunha actividade colaborativa: un Calendario Solidario, ao que 12 colexios de toda Galicia achegamos os debuxos do noso alumnado para ilustrar cada un dos meses do vindeiro ano 2022. A finalidade desta colaboración é poder visibilizar unha enfermidade rara que afecta a un número reducido de persoas (entre as que se contabilizan nenos e nenas da nosa contorna). Trátase da Enfermidade de Dent. Con esta colaboración preténdese crear consciencia e recadar fondos que apoien o estudo e avance no coñecemento desta enfermidade, e conseguir que a vida dos doentes que a padecen, e das súas familias sexa un pouco máis levadeira. 

Ao noso colexio tocoulle representar a obra de "El grito" de Munch. Cos traballos realizados nas distintas titorías do centro realizouse este mural colectivo. 

 

O Calendario Solidario no que participou o CEIP de Arzúa vaise poñer á venda en todas as librarías de Arzúa a partir desta ponte de decembro, coa finalidade de que todas aquelas familias que queiran apoiar á Asociación Galega da Enfermidade de Dent, o poidan mercar. O prezo do calendario será de 5 euros e o importe irá destinado á conta que ten a Asociación no hospital Vall d´Hebrón para a investigación desta enfermidade.

Deixámosvos aquí o vídeo que elaborou a Asociación co traballo de todo o alumnado colaborador.

Graciñas a todas as librarías do pobo por colaborar con esta campaña solidaria!!

CONMEMORAMOS OS DEREITOS DA INFANCIA

O 20 de novembro é unha data importante: conmemórase o DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA e conmemóranse os aniversarios da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno e da Nena (1959) e a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena (1989).

Esta Convención, a máis universal dos tratados universais, establece unha serie de dereitos para os nenos e as nenas, incluidos os relativos á vida, á saúde e á educación, ao xogo, á vida familiar, á protección fronte á violencia e á discriminación, e a que se escoiten as súas opinións.

O alumnado do CEIP de ARZÚA traballamos e aprendemos máis sobre esta conmemoración e demos un repaso aos Dereitos máis importantes dos Nenos e Nenas.

Mais este ano, como estamos a traballar o tema das “emocións” tamén quixemos profundizar un pouco máis nos dereitos que teñen todos os nenos e as nenas relacionados con este tema.

Aquí podedes ver o mural común no que participaron todas as aulas do colexio e que leva por título DEREITOS EMOCIONAIS DA INFANCIA.

O puzle encabézao o lema “Teño dereito a…” no que cada aula ilustrou un deses dereitos emocionais.

                      

 

Ademais, a nivel aula, fixéronse máis traballos e murais relacionados con esta data:

                 

 

 

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO_25 DE NOVEMBRO

Un ano máis, no CEIP de Arzúa, estamos a traballar a violencia de xénero co noso alumnado, co fin de sensibilizarnos todas e todos sobre a lacra social e cultural que supón esta situación para as mulleres. Pero tamén queremos poñer de manifesto que os micromachismos persisten na nosa sociedade e que só concienciándonos da súa existencia podemos erradicalos. 

Estes son algúns dos traballos realizados nas distintas aulas do centro.

  6º EP

 O alumnado de 3 anos-B participou neste vídeo sobre o 25 N:   

 

  

      4 anos- A

  5 anos-A

  

        

O alumnado de 4º EP elaborou estes vídeos:

 

   

O alumnado de 5º e 6º EP participou nunha charla enmarcada dentro do Plan Director, que impartiu un garda civil. Nela tratáronse diferentes temas, como: o concepto de violencia de xénero e violencia doméstica, os diferentes tipos de agresións, as responsabilidades dos menores, as distintas formas de pedir axuda...

   

Este é o 25 N desde as casas dos nosos nenos e nenas. Grazas familias por colaborar con nós!!

 

DÍA DA INFANCIA

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa celebra o Día da Infancia con varias actividades culturais para o desfrute dos escolares arzuáns.

Para conmemorar esta data, fomos convidados e convidadas a desfrutar de diferentes espectáculos aos que asistiu todo o alumnado do colexio no Multiusos Terra do Queixo.

O luns, 15 de novembro os rapaces e rapazas de Educación Infantil gozaron co espectáculo “De aquí para alá” de Lydia Botana.

Foi un espectáculo sobre o libro-disco publicado en 2015 pola editorial Cumio na súa primeira edición. É un proxecto de música infantil no que viaxamos arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ao público que nos acompañe na procura de novos sons!

                                  

O martes, 16 de novembro os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º asistiron ao espectáculo “Os Trotasongs” de Conticánticos.

Unhas misteriosas personaxes que se fan chamar os Trotasongs, aparecen en escea na súa nave, a Trotaceos, para compartir co público o seu máis preciado segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súa viaxes a través do tempo e do espazo.

                                      

O mércores, 17 de novembro, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º gozaron do espectáculo “Galego: Maxia” de Dani Polo.

Trátase dun espectáculo didáctico onde grazas á maxia ponse en valor a diversidade lingüística e territorial do noso idioma. A través de diferentes ilusións e moito humor, descubriremos xuntos e xuntas o poder máxico que agocha a lingua.

                                 

Moitas grazas ao Concello de Arzúa por pensar nos máis cativos e cativas e convidarnos a desfrutar destes espectáculos tan marabillosos!

XOGOS DE PATIO-PATIOS DINÁMICOS

O orzamento deste curso 2020/21 foi destinado aos xogos de  patio (patios inclusivos), co fin de fomentar a convivencia e as relacións entre iguais.

Xestionando actividades e a ocupación do patio podemos favorecer a inclusión e regular a conduta de xeito máis eficaz, pois xogo e deporte son recursos para que os nenos e nenas se relacionen, aprendan e resolvan conflitos, pero tamen implica inclusión, axudando ao alumnado con máis dificultades para relacionarse e facelo dun xeito lúdico.

 

DÍA DO ACOSO ESCOLAR_5ºA

Este mes de maio na clase de 5ºA fixemos varias actividades que xiraron arredor da temática do acoso escolar. 

Proxectamos a película Wonder, que gozou de moi boa acollida por parte dos rapaces e rapazas. Wonder narra a vida de Auggie Pullman, un neno de 10 anos nado cunha malformación facial - a Síndrome de Treacher Collins-, que lle obrigou a vivir de hospital en hospital sendo operado ata en 27 ocasións. A súa vida transcorre entre as paredes da súa casa, xunto á súa familia e a súa cadeliña Daisy. A súa nai, encargouse de educalo ata o de agora, pero chegou a hora de que coñeza mundo e se enfronte ao seu maior reto: ir por primeira vez ao colexio e tentar ser aceptado por profesores e compañeiros, a pesar de ser diferente ao resto pola súa discapacidade. 

Esta película aborda temas como o acoso escolar, a autoestima, o autoconcepto, o respecto e a tolerancia cara á diferenza, a aceptación... 

Na clase de Plástica fixeron estes collages, en grupos de dous e un de tres,  nos que plasmaron o seu rexeitamento a todo tipo de acoso.

  

  

  

     

  

 

 

EDUCANDO CON MALIBÚ, Ningún can sen fogar.

A "Casa Grande de Xanceda" trouxo ao noso colexio a iniciativa "Educando con Malibú" onde unha cadeliña que recibe este nome, Malibú, nos visitou co propósito de educar aos máis pequenos e pequenas na tenencia responsable de animais. Ela é o claro e triste exemplo de abandono de animais de compañía.

Pese a todo isto, Malibú está segura de que a educación en valores é moi importante para que os futuros donos e donas de animais sexan responsables, chegando así, a acabar co abandono. Esta cadeliña convirteuse no símbolo desta loita, fomentando en cada clase a adopción de animais abandonados, educando na solidariedade e no respecto aos animais.

Na visita que fixo ao noso colexio, dirixida ao alumnado de Primaria,  aprendemos algo máis sobre as escusas que os donos de mascotas poñen cando as abandonan, sobre os coidados necesarios ou sobre a importancia e obrigatoriedade de identificalas.

Pero o mellor de todo, foi poder desfrutar desta cadeliña tan boa, que nos deixou darlle unha caricia chea de esperanza. Grazas, Malibú.

 

 

 

O ALUMNADO COLABORADOR DA BIBLIOTECA COMPARTE UN CONTO.

Con motivo da celebración do Día do Libro e ante a dificultade de levar a cabo a tradicional xornada de "Comparticontos", por mor da crise sanitaria que estamos a sufrir, os nenos e as nenas colaboradoras da biblioteca escolar queren agasallarvos co conto "A peluca de Luca" narrado por eles en formato dixital.

Trátase da historia dun neno chamado Luca que un día levou ao cole unha perruca enfrontándose valentemente aos prexuízos de xénero dos seus compañeiros e compañeiras, e amosándonos a posibilidade de que cada neno e cada nena se desenvolva libremente e medre máis forte e feliz.

Queremos contar a súa historia porque defendemos o repecto pola diversidade e a liberdade das persoas para escoller como vestir, como peitearse, como ser, como sentir...

 

 

 

Tamén vos deixamos unhas preguntas que vos poden dar pé a falar e intercambiar opinións sobre os valores e a mensaxe do conto; ou sobre aqueles outros aspectos do mesmo que sexan do voso interese.

 

 

 

Por último, convidámosvos a cantar connosco a favor da igualdade e a diversidade porque queremos construír un mundo mellor.

 

 

 

Lembrade que este conto ilustrado está á vosa disposición na biblioteca do cole.

Que o desfrutedes e Feliz Día do Libro!

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet