BOMBAS DE SEMENTES!!!

 

Que son?

Consisten, xeralmente, en bólas pequenas, non maior que unha pelota de tenis formadas por sementes, arxila e compost. O seu obxectivo é ser lanzadas en lugares de difícil acceso para lograr unha sementeira en toda regra.

 

PARA SABER MÁIS PREME A CONTINUACIÓN...

Historia

Parece ser que xa algunhas poboacións de indíxenas norteamericanos as usaban. Posteriormente o agricultor, biólogo e filósofo xaponés Masanobu Fukuoka afirmaba que as bombas de sementes evitaban o ter que arar a terra e usar espantallo. Nas devanditas bombas incluíanse as sementes do cultivo propiamente dito xunto a outras, como o trevo branco. Estas últimas serían as primeiras que xerminarían dando protección fronte ao sol, impedindo que crecesen outras herbas indesexables e creando un ambiente con maior humidade máis propicio para a xerminación do resto de sementes.

Posteriormente en Nova York utilizáronse a comezos dos 70 na revitalización do barrio de Bowery, o que foron os inicios da Xardinería de Guerrilla que tería como obxectivo a realización de accións que cambiaran as paisaxes urbanas.

 

Como facelas

Ingredientes

5 partes de arxila natural

3 partes de sustrato ou compost

1 parte de herba ou palla ben picadiña

1 parte de sementes

Auga

 

Pasos

1º Mesturar todos os igredientes e engadir auga ata lograr unha masa homoxénea.

2º Facer pequenas bolas coa masa obtida e preferiblemente deixar secar non mais de 24 horas.

3º Lanzar as nosas bombas de sementes!

 

Posta en marcha!

Despois de coñecer todos estes datos decidimos que o alumnado de 5º tamén nos queríamos convertir en guerrilleiros da nosa paisaxe, decidimos crear as bombas de sementes e facer unha saída polas proximidades do noso cole para lanzalas nos descampados e camiños pouco coidados que hai nas nosas proximidades agardando que coa chegada das choivas se hidraten as nosas bombas e encha a nosa contorna dun estoupido de cor grazas a xerminación das sementes de flor que o outono pasado recollimos de todas as familias do centro que quixeron colaborar.

Agardamos que pronto os solares abandonados e camiños descoidados consigan espertar un sorriso ou polo menos a curiosidade dos que por alí pasan cada día, coa esperanza de que eles e elas tamén se unan a nosa guerrilla paisaxística e comecen a coidar e respetar mais o planeta comezando pola nosa contorna máis próxima. 

A continuación as fotos do noso obradoiro de bombas de sementes:

 

Para ampliar…

Como peche, un proxecto dun deseñador chinés inspirado xustamente nas bombas de sementes.

Neste proxecto formúlase lanzar bombas dende un avión para reforestar zonas áridas de difícil acceso, neste caso as sementes aparecen recubertas por un material biodegradable que alberga no seu interior tanto as sementes coma substrato.

 

Este substrato será o necesario para facelas crecer no interior da cápsula ata alcanzar o tamaño que lle permitia manterse no deserto. Ao mesmo tempo a cápsula desfaríase coa evapotranspiración da planta.

Unha idea interesante para crear esperanzas de vivir nun planeta máis verde.

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet