blogue deMarta Valbuena

Entroido Olímpico

Neste curso, o alumnado celebrou o Entroido participando no Mandadiño toda a semana xunto co resto do alumnado da escola.

O venres 9, celebramos un Entroido Olímpico e, como estaban días chuviosos, fixemos o desfile no ximnasio xunto co alumnado de primaria. Nós convertémonos en NADADORES E NADADORAS, así que puxémonos os traxes de baño, as gafas e os gorros... e a desfilar!!!

Para acompañar a festa, as nosas familias colaboraron con nós cunhas fantásticas maracas decoradas coas bandeiras dos países que participan nas Olimpíadas. Ademais, na aula de tecnoloxías, imprimimos unhas medallas cos aros olímpicos na impresora 3D, que logo coloreamos con rotuladores especiais.

Acompañamos a nosa festa coa canción "Nadando sen parar" de Mamá Cabra, cunha coreografía moi animada e animamos os corredores do colexio entonando as cancións das comparsas de Bueu: "Falemos Galego" e "Son de Bueu".

Finalmente compartimos unha merenda con sobremesas de Entroido que prepararon as nosas familias. Unha medalla de ouro para elas!

Foron uns días verdadeiramente olímpicos!

DÍA DA PAZ

Hoxe na escola celebramos o DÍA DA PAZ.

O alumnado de 2º colaboramos redactando dúas pequenas estrofas que despois recitamos diante do resto da escola e cuns personaxes para o mural UNIDXS POLO DEPORTE!

 

2ºA

Co deporte aprendemos a convivir en paz,

a facer amigos e non inimigos

a divertirnos xogando limpo

e a non rexeitar a ninguén.

 

2ºB

O deporte ensínanos a esforzarnos,

a saber perder e gañar,

a traballar en equipo

e que todos e todas podemos participar.

 

Ademais, saímos a cantar ao patio as cancións elixidas para este día, en inglés e en galego... e recibimos a sorpresa da visita de Olaia, unha das Tanxugueiras, que veu cantar canda nós para ver se entre todos e todas conseguimos a Paz.

Desexamos que chegue cedo a Paz a todos os rincóns do mundo!

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Onte fomos á AULA DE CIENCIAS, xa que seguimos no mes da ciencia en galego.

Estivemos experimentando cos sentidos coas profes Rosa e Marta. Puidemos probar e tratar de adiviñar sabores e olores. Tamén tocamos un alfabeto Braille e deixamos a nosa pegada dixital nun papel. Ademais xogamos a descubrir obxectos só usando o sentido do tacto. Pasámolo xenial e aprendemos moito!

Podedes ver o vídeo premendo aquí:

EXPERIMENTANDO COS SENTIDOS

MAGOSTO 2023

O venres 17 celebramos o MAGOSTO en primaria. Foi unha mañá moi agradable xa que non choveu e puidemos gozar cos xogos tradicionais que nos prestou a Asociación Corredoiras. Despois, Ramón asou unhas moi ricas castañas que degustamos con moitas ganas.

Premede na palabra para gozar do vídeo!

 

MAGOSTO

EXCURSIÓN A PONTEVEDRA

O pasado 14 de novembro, martes, tivemos a primeira saída fóra de Bueu deste curso.

O noso destino foi Pontevedra, concretamente o teatro de Afundación, onde puidemos gozar dun espectáculo de percusión da man do grupo ODAIKO.  Pasámolo xenial e gustounos moito!

Ao rematar a actuación, deixáronnos merendar no vestíbulo do auditorio xa que fóra estaba chovendo. Como máis tarde parou a choiva, puidemos saír ao exterior e, acompañados das profes, achegámonos ao parque das palmeiras na Alameda de Pontevedra. Alí puidemos gozar dun raíño de sol que nos permitiu xogar un bo rato ata que foi a hora de coller os buses e volver a Bueu. Foi unha mañá fantástica!

OBRADOIROS DE SAMAÍN

Este curso o Samaín estivo cheo de sorpresas!!!

As familias colaboraron cunhas cabazas moi deportivas. Moitas grazas!!!

O martes 31 de outubro fixemos un día especial: tivemos uns obradoiros terroríficos na escola...

- OBRADOIRO PLURILINGÜE: Coa profe Ami, fixemos xogos en inglés con vocabulario de Halloween. Ademais, cantamos e bailamos a canción SKELETON.

- OBRADOIRO MOVE O ESQUELETO:Aprendemos coa profe Martes a xogar coa canción de Uxía Lambona e a banda molona "É noite de Samaín".

- SESIÓN DE CONTACONTOS DE MEDO: Na biblioteca, o alumnado de 5º e 6º contounos historias de medo.

- OBRADOIRO PLÁSTICO: A cargo da profe Geli, elaboramos uns marcapáxinas monstruosos.

Por último, cantamos e bailamos xuntos no patio dos maiores.

Pasámolo de medo!  

APRENDENDO A PROGRAMAR

No mes de outubro, o alumnado de 2º comezamos a ir de novo a TECNOLOXÍAS.

Mentres un grupo da aula traballa na aula de Informática, o outro grupo fai robótica na aula de Ciencias.

Neste curso, aprenderemos a programar distintas situacións para que as nosas máquinas funcionen. Pouco a pouco iremos engadindo maior dificultade!

SAMAÍN DEPORTIVO...

Comezamos coas actividades de Samaín...

A primeira foi participar no mural colaborativo, elaborado por todo o centro de xeito cooperativo, baixo o lema: AS OLIMPÍADAS TERRORÍFICAS DE PAPIRUS.

Nesta ocasión, cada aula preparou un esqueleto practicando un deporte olímpico:

- 2ºA fixo un esqueleto practicando patinaxe artístico.

- 2ºB fixo un esqueleto practicando ciclismo en ruta.

Mirade que bonitos quedaron no mural e non vos perdades as seguintes actividades, prometemos algunha sorpresa!!!

COMEZAMOS UN NOVO CURSO METEOROLÓXICO!

O curso 2023/24 xa comezou, e con el retomamos a observación do tempo e a recollida de datos. Durante o mes de setembro tivemos unhas temperaturas máis altas do habitual, que duraron ata a primeira quincena de outubro. A partir desa data comezaron as chuvias intensas, acompañadas de ventos fortes.

O alumnado da nosa escola comezou a recoller os datos no mes de outubro na caseta meteorolóxica e farémolo ata xuño.

Unha incidencia que se produxo durante a segunda quincena de outubro é que un día chegamos e o fermoso cataventos que construiron unhas alumnas o pasado curso e que estaba amarrado á caseta, apareceu dobrado e caído. Esa mesma noite producíronse refachos de vento moi fortes, polo que pensamos que puido ser esa a causa.

Arranxarémolo o máis cedo posible para poder volver a colocalo e así observar a dirección do vento.

Bo curso meteorolóxico a todas e todos!

DÍA DAS ESCRITORAS

Hoxe celebramos o DÍA DAS ESCRITORAS na escola con varias actividades: fixemos un pequeno escrito na nosa libreta de aula, investigamos a algunhas escritoras galegas, debuxamos marcapáxinas, visitamos a exposición da Biblioteca e debuxamos a portada de libros escritos por mulleres.

Foi moi interesante porque descubrimos que moitos dos nosos libros favoritos estaban escritos por mulleres!!!

Distribuir contido