blogue deBlanco Rodríguez Rosa

CORRELINGUA 2023

DÍA DO CORRELINGUA

O 25 de maio xuntámonos en Moaña unha chea de colexios do Morrazo para percorrer a vila falando, cantando, berrando e bailando na nosa lingua, o galego. Estivo un día moi luminoso e de calor que nos permitiu na praza da vila lucir as palabras que decoraban o noso lombo, bailar e cantar co grupo As Monchas a canción “O oso do Caurel” que tanto nos gustou e sobre todo “MOLLARNOS" pola lingua. Foi unha xornada cansada, pero bonita.

CORRELINGUA

LETRAS GALEGAS 2023

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Durante este mes de maio o alumnado de 1º anda a participar nun concurso de preguntas co gallo de coñecer ao autor homenaxeado polas letras galegas, este ano Francisco Fernández del Riego, e os gañadores terán un agasallo. Ademais, para  despertar o amor pola nosa lingua aprenderon o poema GALICIA de Manuel María e gravárono por equipos na radio da escola, foi a súa primeira experiencia cos micros e gustoulles. Quedou así!

 Tamén o podedes escoitar no canal de podcast IVOOX do CEIP A PEDRA.

 

Tamén se pode escoitar e ver as ilustracións que fixeron os nenos e nenas do poema no seguinte vídeo, hai que clicar na imaxe de Manuel María.

 

VISITA AO MERCADO

O martes 21 de marzo o alumnado de 1º e 2º xunto coas súas mestras visitou o mercado de Bueu. Resultou ser unha visita moi didáctica e interesante porque os nenos e as nenas estiveron en contacto con produtos de cercanía e comprobaron de preto o delicado que é traballar cos alimentos. Os profesionais da praza atenderon moi ben todo o alumnado e lles ensinaron moitas cousas dos produtos que vendían e responderon amablemente as súas preguntas. Aquí quedan algunhas fotos da visita. Dende aquí queremos agradecerlle o seu esforzo e dedicación.

 

  

 

REUNIÓN FAMILIAS 2º TRIMESTRE

REUNIÓN FAMILIAS 31/01/2023

Queda aquí nesta presentación a información compartida coas familias esta tarde na escola, para acceder ao contido premede na imaxe. 

NADAL 2022

Para conmemorar o Nadal realizamos na última semana de decembro, antes das vacacións, unha chea de actividades:

Participamos na postal colaborativa da escola para adornar a entrada, fixémoslle unha visita as nosas profes do curso pasado no cole de infantil e tamén nas agasallamos cunha postal que creamos entre todos os nenos e nenas  da clase…

Para rematar, o día 22 fíxemos uns obradoiros nos que participamos moi contentos porque esperabamos a visita dos Reis Magos. Realizamos unha paisaxe de inverno con plastilina na que nos axudaron papás e mamás de 1º e 2º, coa profe Marta coñecemos moitas cousas da lotería e xogamos a probar sorte, con Rosa a profe de lingua de signos aprendemos a signar moitos nomes de xogos e coa profe Marina practicamos un pouco de inglés…

Logo, moi cansos enchemos os bandullos cunha merenda compartida de sobremesas do Nadal, estaban boiiiisimas!

A continuación,  no ximnasio e todos xuntos recibimos cantando panxoliñas as SSMM os Reis Magos que moi agarimosos nos agasallaron con lambetadas.

Así empezaron as vacacións do Nadal!

O SAMAÍN NA ESCOLA

A última semana de novembro celebramos o Samaín na escola. Realizamos diversas actividades, comezamos elaborando unha sorte para un mural colectivo que colocamos na entrada da escola. Cada nivel inventou unha sorte que os nenos e nenas aprenderon de memoria e, agora, da gusto ver como a empregan nos seus xogos e nos equipos de clase para decidir algo.

          SORTE DE 1ºA

 

    VELLIÑA, VELLIÑA       

CANTOS BURACOS

TEN A CABACIÑA?

EU NON CHE SEI

NON OS CONTEI!

UN, DOUS, TRES

 CATRO, CINCO, SEIS.

              SORTE DE 1ºB

                                    PANTASMA, PANTASMÓN

                                   3 BRUXIÑAS E UN PAPÓN.

                                   O PAPÓN ESTABA TORTO,

                                   AS BRUXIÑAS NO HORTO.

                                   TRIS, TRAS,

                                   CABACIÑA FÓRA ESTÁS!

   

Nas súas casas decoraron cabazas XOGUETONAS porque tiveron como fonte de inspiración o tema deste curso "MOITO MÁIS QUE XOGO"

O venres 28 de novembro como non podía ser doutro xeito, o alumnado de 1º veu moi disfrazado, daban moito medo!!! 

ANIVERSARIO DE PAPIRUS

Para conmemorar o día das Bibliotecas Escolares que se celebra o 24 de outubro, realizamos co noso alumnado de 1º de primaria diversas dinámicas na biblioteca da escola, coa finalidade de que a coñezan e esperte neles o gusto polos libros e pola lectura. Entre as actividades que desenvolvemos destacan as seguintes:

- Escoitar o conto da nosa mascota Papirus.

- Cantar a canción de Papirus e aprender o retrouso en lingua de signos.

- Felicitar a Papirus coa canción "Parabéns" e escoitar e bailar a canción de Parabéns de Uxía Lambona e a Banda Molona.

- Levar a cabo un xogo de pistas en equipo, para atopar na Biblioteca uns libros en diferentes zonas e andeis,

- Descubrir a sorpresa personalizada que lles escribiu Papirus a cada neno e nena de 1º de primaria.

- Facerlle un debuxo a Papirus para agradecerlle o seu regalo que cada quen leu con moita alegría. Os debuxos colocáronse no corredor do Bibliocastelo.

Aquí quedan algunhas fotos das actividades realizadas.

 

BENVIDA A 1º DE PRIMARIA

Estimadas familias!

Deixamos aquí a presentación coa información que demos na 1º reunión deste curso. Se desexades aclarar calquera cousa non dubidedes en preguntar. Benvidos a todos e todas!

Premede na imaxe para ver a presentación.

 

CLASES DE EDUCACIÓN FÍSICA AO AIRE LIBRE

Neste mes de xuño todo o alumnado de 2º acompañado dos seus mestres/as realizamos diferentes actividades na natureza, para coñecer e gozar da nosa contorna.

- O venres 17 de xuño fomos de roteiro pola senda do río Bispo, chegando ata o lavadoiro da Portela onde tomamos folgos para continuar a nosa andaina pola beira do río. Era un día soleado e fresco,  onde poidemos desfrutar da paisaxe, coñecendo o nome dalgunhas árbores, plantas e flores; ademais no lavadoiro da Portela descubrimos o uso que antigamente se lle daba.

 

- O derradeiro día deste curso tivemos unha xornada moi especial, FOMOS Á PRAIA DA BANDA DO RÍO!!!

Alí desfrutamos na area realizando numerosos xogos e facendo diversas construcións con area, pedras e cunchas.Premede na imaxe.

 

HISTORIA DAS ESCOLAS DE BUEU

O día 8 de xuño visitounos o profe Arturo, un mestre que coñece moi ben a nosa escola pois nela ensinou a moitas xeracións de rapaces e rapazas de Bueu, para contarnos moitas cosas da escolas que había en Bueu antes de que fixeran o noso cole.

Reunímonos os tres grupos de 2º na aula polivalente e durante unha hora escoitamos con atención as historias, curiosidades e anécdotas que o Profe Arturo compartiu con todos nós, acompañando o seu relato con imaxes e fotos.

Contounos que había moitas escoliñas pequenas repartidas por Beluso, Cela e Bueu, que non tiñan cuarto de baño, nin calefacción, nin sequera libros, nin cousiñas para xogar... Había escolas de nenos e de nenas, mesmo aprendían cousas diferentes e o peor era que moitos nenos e nenas non podían ir a escola porque tiñan que traballar, pois os seus pais non eran ricos.

Tamén nos ensinou algún libro (enciclopedia Álvarez) e materiais como a pizarra e o pizarrín, a pluma e a tinta... Todo moi interesante!

Outra cousa que dixo Arturo foi que a sorte dos nenos e nenas de Bueu empezou a cambiar fai 50 anos condo se construíu e empezou a funcionar o colexio A Pedra pois todos os nenos e nenas de Bueu podían aprender,xogar e medrar xuntos.

Para terminar, invitounos a que gozaramos desta escola chea de recursos e espazos de saberes como o BIBLIOCASTELO

 

GRAZAS PROFE ARTURO, VEN A TÚA ESCOLA 

SEMPRE QUE QUEIRAS!

 

Distribuir contido