O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá o Decreto polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa; que complementa ao Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, presentado o pasado mes de maio. “Pechamos polo tanto o desenvolvemento da Lei de Convivencia, e facémolo satisfeitos de ter dotado ao sistema educativo galego de ferramentas para que os centros escolares podan desenvolver a súa actividade nun clima de convivencia axeitado. E, sobre todo, de levalo a cabo insistindo nas medidas de detección, prevención e reeducación”, sinalou o conselleiro.
Novidades
Na súa intervención, diante de inspectores, orientadores e docentes, o conselleiro explicou que o decreto ten como obxectivo “contribuír a un bo clima de aula e mesmo de centro, coa correspondente repercusión nunha educación de calidade e que leve á comunidade educativa á consecución do éxito escolar”, e ofrecendo un enfoque axustado á realidade que se vive nos centros educativos, favorecendo a súa autonomía na xestión da convivencia. Para iso establécese o Plan de Convivencia de cada centro - que contará co acordo dos diferentes axentes da comunidade educativa- como documento chave, no que se concretarán as responsabilidades de cada un nas diferentes actuacións que se propoñan, así como o seu seguimento e avaliación e propostas de mellora. Así, o decreto busca facilitar aos centros educativos o procedemento corrector das condutas contrarias a convivencia primando os compromisos educativos, a mediación e o procedemento conciliado sobre outros.
Ademais, sinalou tamén entre os aspectos máis salientables e novidosos do decreto que nel se identifican os axentes responsables da convivencia escolar -comunidade educativa, Consello Escolar, comisión de convivencia, claustro de profesores, equipo directivo, órganos de coordinación docente e Consello para a convivencia escolar da Comunidade Autónoma de Galicia-, “que queda definida como unha responsabilidade compartida por toda a comunidade educativa”.
Deste xeito, e tamén como novidade, o decreto establece a obrigatoriedade de que as nais e pais participen nos procedementos relacionados con condutas contrarias á convivencia cada vez que sexan convocados legalmente a facelo. Ademais, créase o Consello para a convivencia escolar da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa
Plan de convivencia
Segundo establece o decreto presentado hoxe, cada centro concretará no seu Plan de Convivencia as actuacións e programas que se desenvolverán. Nel recolleranse as normas de convivencia do centro, identificaranse a as condutas contrarias á convivencia e as medidas para a súa corrección, e os diferentes protocolos e programas específicos para acoso escolar e ciberacoso, mediación e procedementos conciliados, entre outros.
Neste sentido Xesús Vázquez salientou que, entre outros aspectos, no Plan de Convivencia poderanse incluír previsións sobre a vestimenta do alumnado ou normas de uso para a correcta utilización de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos en todo o recinto escolar.
Ademais, contémplase a posibilidade de crear e potencias as Escolas de nais e pais para propoñer iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, mellorar a convivencia e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo. Ademais, o Plan de Convivencia conterá instrucións para a creación e funcionamento da Aula de convivencia inclusiva, cuxa vocación é substituír o tempo de expulsión do alumnado, que como consecuencia da imposición de medidas correctoras, estivera temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro, para os efectos de mellorar o seu reingreso no menor tempo posible.
Diálogo e conciliación
Neste mesmo sentido, o decreto recolle unha serie de actuacións, programas e medidas complementarias para a mellora da convivencia nos centros educativos, tales como actividades de sensibilización fronte aos casos de acoso, para a non discriminación, e en prol da igualdade entre homes e mulleres, entre outras. Así mesmo, introdúcese o termo de corrección ou medida correctora “para subliñar que os procesos de corrección forman parte do proxecto educativo do alumnado. É dicir, que non constitúen, unicamente, a consecuencia do exercicio da potestade sancionadora da Administración”, sinalou o conselleiro, facendo fincapé en que “o diálogo e a conciliación serán as estratexias habituais e preferentes para a resolución dos conflitos no ámbito escolar”. “Ademais correccións que se apliquen polo incumprimento das normas de convivencia terán un carácter educativo e recuperador, garantirán o respecto dos dereitos do resto do alumnado e procurarán a mellora da convivencia no centro educativo.”, engadiu
“Cómpre lembrar ademais que esta normativa complétase con outras actuacións favorecedoras da mellora da convivencia escolar como son os contratos-programa, o Plan Proxecta e numerosas actuacións formativas recollidas nos plans de formación do profesorado”, sinalou Xesús Vázquez.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou ademais que o decreto volve incidir na necesidade de axilizar o procedemento de corrección de condutas contrarias á convivencia, garantindo ademais no proceso a protección de datos para velar pola protección dos menores e da súa intimidade.
Agradecementos aos docentes
O conselleiro quixo agradecer aos inspectores, orientadores e docentes a súa implicación e esforzo para a aplicación e posta en funcionamento da Lei de Convivencia e do Protocolo de Acoso Escolar nos centros educativos. “Vós sodes quen día a día velades por que o alumnado adquira as competencias e coñecementos necesarios para un futuro exitoso, vós sodes quen formades aos cidadáns do mañá. Pero non só o facedes impartindo unha determinada materia, senón que revestides o currículo escolar dunha completa formación en valores: respecto, igualdade e non discriminación”. “Estou seguro de que o voso compromiso coa aplicación desta norma é firme. Pola nosa parte imos continuar desenvolvendo ferramentas e recursos para facilitar a elaboración dos Plans de Convivencia”, dixo.
Así mesmo Vázquez Abad agradeceu a colaboración dos distintos departamentos da administración implicados en convivencia escolar, ademais da de Cultura e Educación, a consellería de Traballo e Benestar -a través da Área de Infancia e Menores-, a Secretaría Xeral de Igualdade e o Valedor do Pobo. Moitas grazas a todos eles pola colaboración e pola implicación no desenvolvemento da Lei.