Cultura e Educación forma a máis de 250 profesionais do ensino nas II Xornadas de Atención á Diversidade

O encontro ten como obxectivo dotar o profesorado de ferramentas, experiencias e recursos para promover avances substanciais do alumnado

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad aposta pola formación do profesorado como factor fundamental para acadar unha educación inclusiva

A Consellería dotou este curso aos centros educativos públicos galegos con 3.224 profesionais dedicados á atención á diversidade, 62 máis ca no curso anterior

Sáb, 14/12/2013 - 09:33
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na inauguración das xornadas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria forma este sábado a máis de 250 profesionais do ensino nas II Xornadas de Atención á Diversidade na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Estas Xornadas, organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), teñen como obxectivo dotar o profesorado de ferramentas, experiencias e recursos para promover avances substanciais de todo o alumnado, en especial daquel que atopa maiores dificultades.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou na inauguración do encontro, onde salientou a necesidade de implicación activa de toda a comunidade educativa para acadar unha escola realmente inclusiva, “a que promove a innovación como actitude educativa, o que supón un compromiso coa tarefa de contribuír a unha educación de calidade, equitativa e xusta para todo o alumnado”. Neste sentido sinalou a importancia da coordinación e colaboración entre profesionais e da formación do profesorado, “vital para que as prácticas educativas sexan cada vez máis inclusivas”.

Neste marco o director xeral quixo agradecer ao profesorado o “esforzo, interese e o compromiso que amosan tanto co seu traballo diario como a súa implicación na formación e actualización constante”.

Programa

Tras a intervención do director xeral, Javier Bahón Gómez impartiu a conferencia inaugural, na que destacou a importancia e a repercusión da teoría das intelixencias múltiples e o rol do persoal docente ante esta perspectiva, promotora da inclusión. A sesión da mañá completarase cunha sesión na que se exporán prácticas inclusivas efectivas de centros de educación infantil e primaria, de secundaria e de formación profesional.

Na quenda da tarde Luz Rello Sánchez, actual Premio Europeo Xove Investigadora, presentará as últimas investigacións sobre dislexia. Ademais, daráselle visibilidade ao traballo das aulas hospitalarias, afondarase na intervención educativa do alumnado con TDAH, na importancia da estimulación multisensorial, da aprendizaxe cooperativa e do traballo coordinado dos diferentes profesionais que interveñen co alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Para iso contarase coa participación de Fátima García Doval, Susana Pérez Vilariño, Teresa Andrés Gabete, Pilar Porta Rodríguez, Javier Estévez Rodríguez e Roberto Maquieira García.

Con estas xornadas a Consellería fai fincapé na formación do profesorado como factor fundamental á hora de dar resposta aos novos retos do ensino, neste caso no concepto de inclusión educativa, incidindo na coordinación do profesorado, na colaboración entre profesionais, nos métodos de ensinanza e na formación do profesorado; aspectos vitais para que as prácticas educativas sexan cada vez máis inclusivas.

Profesionais de atención á diversidade

A Consellería de Cultura e Educación presta cumprida atención á diversidade do alumnado galego a través da dotación aos centros educativos galegos de profesionais especializados. Neste sentido cómpre salientar que hai nos centros educativos públicos galegos 3.224 profesionais dedicados á atención á diversidade, 62 máis ca no curso anterior - 35 profesores máis de Audición e Linguaxe, 9 especialistas máis en Pedagoxía Terapéutica, ademais de 18 novas persoas que exercen labores de coidador-. En total prestan o seu apoio no ensino público 615 especialistas en Audición e Linguaxe, 1.354 en Pedagoxía Terapéutica, 463 coidadores e 792 orientadores.