Gallego

Folleto informativo, dirixido ao alumnado, sobre "Orientación educativa"

Trátase dunha publicación, en forma de folleto descargable, na que se trata de orientar ao alumnado das saídas que lle ofrece o actual sistema educativo.

Entre as súas finalidades ten a de axudar ao alumnado a coñecer os diferentes instrumentos e servizos cos que conta no seu centro para:

  • Mellorar o seu autocoñecemento que lle axude a acadar o máximo desenvolvemento.
  • Recibir un bo asesoramento na orientación educativa que facilite a elección entre as diferentes opcións académicas para continuar estudos.
  • Recibir un bo asesoramento na orientación profesional que favoreza a toma de decisións ante diferentes alternativas profesionais.
Gallego
Folleto informativo: Orientación educativa

Folleto informativo, dirixido ao alumnado, sobre "Atención á diversidade"

Trátase dunha publicación, en forma de folleto descargable, na que se trata de informar ao alumnado do que é a diversidade e o que lle ofrece no seu centro.

Ten como finalidade a de axudar ao alumnado a saber como afrontar e valorar esta diversidade dende un enfoque totalmente positivo, así como de coñecer as axudas educativas que lle ofrece o seu centro para atender esa diversidade e garantir a inclusión, dando resposta ás diferentes características, potencialidades, motivacións, intereses, estilos e ritmos de aprendizaxe que presenta todo o alumnado.

Gallego
Folleto informativo: Atención á diversidade

X Xornadas de Formación e Intercambio: Empleo e Discapacidade o 10 de Outubro de 2012

Gallego

A Confederación Española de Familias de Persoas Xordas organiza as X Xornadas de Formación e Intercambio: Emprego e Discapacidade o 10 de Outubro de 2012.

Participantes: Profesionais que desenvolvan accións que fomenten a inserción laboral das persoas con discapacidade. Así mesmo, poderán asistir aquelas persoas interesadas nos contidos contemplados e relacionadas co campo da discapacidade e/ou o emprego:

Prazo de inscrición: até o 4 de outubro.

Prazas limitadas. No caso de que a demanda de solicitudes supere o número de prazas ofertadas, farase unha selección seguindo a orde de chegada das fichas de inscrición. As solicitudes que queden fora da selección quedarán en lista de espera.

Lugar de celebración: Centro de Recursos de Apoio e Formación - FIAPAS Pantoja, 5 (Local) 28002 Madrid Tfno.: 91 576 51 49

Acceso á web de FIAPAS

O Concurso Escolar ONCE "La cápsula del tiempo" abre o prazo de inscrición até o 11 de novembro

Gallego

A nova edición do Concurso ONCE invíta ao alumnado a coñecer todo o que ten avanzado a sociedade española nos últimos 75 anos no eido da discapacidade e todo o que aínda podemos mellorar xuntos.
O Concurso ONCE está dirixido a alumnado de:

  • 3.º a 6.º de primaria.
  • ESO.
  • Educación Especial

O alumnado debe participar en equipos de entre 3 e 5 membros e han de gravar un vídeo de non máis de 1 minuto de duración, no que recollan algún aspecto no que aínda é posible mellorar a accesibilidade e a integración das persoas con discapacidade.
Os premios:
Só por participaren, o profesorado recibirá un certificado de horas de docencia, e todo o alumnado recibirá un regalo sorpresa.

Gañadores provinciais: Todo o alumnado e profesorado gañador en cada categoría (A, B, C, D) recibirá unha divertida cámara web.

Gañadores autonómicos: Todo o alumnado e profesorado gañador en cada categoría (A, B, C, D) recibirá unha "caixa de experiencias" en familia.

Gañadores nacionais: Os gañadores de cada categoría (A, B, C, D e E) recibirán:

  • Alumnado: Cámara de vídeo dixital.
  • Profesorado. Tablet.

Ademais, serán invitados a recoller o premio no acto que organizará a ONCE en Madrid con tal motivo.

Para participaren, os equipos de alumnado deben ser inscritos por unha persoa responsable do seu centro chamando ao teléfono 902 112 099, ou ben na sección “Inscríbete” da web do concurso.

Acceso á páxina web do concurso

 

XIII Edición do Premio FIAPAS 2012 na Área de Accesibilidade

Gallego

A Confederación Española de Familias de Persoas Xordas convoca a XIII edición do premio para labores de investigación de aplicación na área de accesibilidade, relacionados coa deficiencia auditiva.
Poderán presentarse todos os profesionais cualificados, con ámbito de dedicación en España, así como asociacións ou entidades que realicen traballos neste campo.
A memoria explicativa terá unha extensión non superior a quince folios aos que se lles poderán engadir gráficos, ilustracións ou calquera documentación anexa e será presentada seguindo a metodoloxía habitual dos traballos de investigación: hipótese de traballo, lugar de realización, material e métodos, resultados, discusión, conclusións e bibliografía.


O prazo de recepción dos traballos concluirá o 30 de novembro de 2012.
O premio consistirá na dotación de 6000 €. Será único e indivisible, podendo aplicarse a un traballo realizado tanto de forma individual como en equipo. O premio pode declararse deserto.
O traballo premiado poderá ser publicado e difundido por FIAPAS, indicando sempre os datos do autor.

Acceso ás bases da convocatoria da XIII Edición do Premio FIAPAS 2012

Colectivo: 

IX Congreso Internacional da Fundación Internacional Novas Claves Educativas "Obxectos perdidos"

Gallego

Os días 9 e 10 de novembro de 2012 terá lugar en Bilbao o IX Congreso Internacional Novas Claves Educativas, que este ano terá por nome “Obxectos perdidos” e está dedicado ás altas capacidades e as dificultades específicas da aprendizaxe.

Neste congreso farase ver a importancia de identificar e potenciar as fortalezas que todo o alumnado posúe.

Acceso á web do IX Congreso Internacional da Fundación Internacional Novas Claves Educativas

 

 

 

 

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación e a USC constituirán unha rede virtual de traballo para optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia

Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinaron hoxe un protocolo de colaboración, ao abeiro do que se creará este grupo

Gallego
Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinan o protocolo de colaboración
Xesús Vázquez Abad e Juan Casares Long asinan o protocolo de colaboración

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long; asinaron hoxe un protocolo de colaboración para optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia. Un acordo ao abeiro do que se constituirá unha rede virtual de traballo para o intercambio de experiencias referidas a este eido.

O obxectivo da colaboración é elaborar un protocolo para a identificación das alumnas e alumnos de Galicia que presenten este tipo de necesidades específicas de apoio educativo. Para iso, a Consellería comprométese a constituír un grupo de traballo mixto de expertos, no que participarán investigadores da USC.

De forma complementaria, desde o departamento educativo da Xunta de Galicia impulsaranse actividades de formación para profesionais do ensino no eido das altas capacidades actuais, nas que tamén participará a universidade de Santiago de Compostela.

Educación inclusiva

Desta forma a Consellería continúa a avanzar na estratexia que vén desenvolvendo en aras dunha educación inclusiva, e que se reforzou coa publicación en 2011 do Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes galegos.

Pola súa parte, a USC contribúe así á transferencia do coñecemento, poñendo a disposición da sociedade galega os froitos derivados da investigación académica que se realiza na universidade neste eido.

Ensinanza: 

Cultura e Educación facilitará o transporte escolar de 122 alumnos con discapacidades coa colaboración de Amencer-Aspace, ASPANAEX e Cruz Vermella

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura das addendas de convenios con estas asociacións

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará o transporte escolar de 122 alumnas e alumnos con discapacidades, a través da renovación dos convenios coa Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns Amencer-Aspace, coa Asociación en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (AXPANAEX) e coa Cruz Vermella, coas que se vén colaborando para tal fin. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura das correspondentes addendas, das que se beneficiarán no curso 2012/2013 académico estudantes das catro provincias galegas.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, os convenios cobren os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan.

Ao abeiro dos convenio, as ditas asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación continúa a dar cumprimento ao seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, reforzado a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido cómpre lembrar que se vén de autorizar a sinatura dun acordo de colaboración coa Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (Grumico) para o traslado de 15 alumnos con discapacidade aos seus respectivos centros educativos.

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación impulsa a educación inclusiva co concerto ‘Arte pola igualdade’, no Conservatorio Profesional de Musica da Coruña

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu hoxe ao recital, interpretado por alumnos con necesidades educativas especiais do CEE María Mariño

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a apostar pola educación inclusiva, desta vez a través da organización da gala Arte pola Igualdade, celebrada hoxe no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu a este concerto, interpretado por alumnos con necesidades educativas especiais do Centro de Educación Especial María Mariño (A Coruña) que realizaron o curso preparatorio para o exame de acceso ao Grao Elemental que se vén desenvolvendo dende o mes de marzo no Conservatorio herculino. Ao concerto asistiu ademais o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.

No recital os alumnos do CEE María Mariño interpretaron O Velorio. A continuación un grupo de profesores e alumnos do Conservatorio Profesional de Música interpretaron Ce heures la, de D. Dene Cheau; Cumbia, de Catiplana; La route des avaloirs, de B. Le Tron; Canción de Berce, de Celso Emilio Ferreiro con música de Bieito Romero; e Troquemos, canción tradicional. Finalmente, houbo unha actuación conxunta do conservatorio Profesional de Música e os alumnos do CEE María Mariño, os que interpretaron Redonda de Bande, Ribeirana, Fandango de Redondela e Danza entrelazada de Allariz.

Atención á diversidade

Deste xeito a Consellería pon manifesto o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, á súa integración social e laboral, poñendo á súa disposición os mesmos servizos educativos e formativos cos que conta o resto da cidadanía, entre eles e neste caso, as ensinanzas reguladas de música.

Neste sentido cómpre salientar o labor do CEE María Mariño para facilitar a integración social e laboral dos seus 37 alumnas e alumnos alumnado, fomentando que cada un dos estudantes acade o máximo nivel de autonomía posible. Para acadar estes obxectivos de normalización e inclusión educativa, o CEE promove valores como a tolerancia, o respecto ás diferenzas e as actitudes de colaboración e axuda, para o que é imprescindible a profesionalidade dos 19 mestres que traballan no centro.

O curso preparatorio supuxo unha aposta pola innovación educativa, así como polo nivel de autonomía dos centros escolares. Así, este proxecto significou a incorporación de once estudantes, de entre 12 e 18 anos, con necesidades educativas especiais, tales como síndrome de Down ou síndrome de Williams, a sesións de formación musical de cara á proba de acceso ao Grao Elemental que se realiza o 21 deste mes. Un exame no que se avalían as aptitudes auditivas e vocais, rítmicas e psicomotrices dos alumnos,  aptitudes que estes alumnos desenvolveron ó longo deste cursiño.

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación e Grumico colaborarán para facilitar o traslado gratuíto a centros escolares de 15 alumnos con graves discapacidades da provincia da Coruña

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura do convenio con esta asociación, coa cal se vén colaborando desde 2010

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (Grumico) asinarán un acordo de colaboración para que o alumnado con discapacidade poida desprazarse aos seus respectivos centros educativos. A reunión semanal do Goberno galego deu hoxe o visto e prace a este acordo, do cal se beneficiarán no curso 2012/2013 académico 15 escolares.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, o convenio cobre os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios do alumnado aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e dos alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan.

Ao abeiro do convenio, Grumico comprométese a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Ademais, nos vehículos poderán viaxar os coidadores daquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. Pola súa banda, a Consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

A Asociación Grumico é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin estatutario a defensa dos intereses das persoas discapacitadas, co fin de acadar a máxima atención social aos problemas que presentan, así como a súa propia recuperación, rehabilitación e integración na sociedade, para o cal colabora con organismos e entidades que teñen relación coa problemática dos discapacitados.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación facilita o acceso á escolarización ao alumnado galego, de acordo co compromiso reflectido no Decreto para a atención á diversidade, publicado polo actual departamento educativo da Xunta de Galicia.

Colectivo: