Skip to Content

Orientación

CICLOS DE FP: inscrición para o curso 2021/22

O 25 de xuño abre o prazo para a inscrición nos ciclos de FP.

Toda a información está disponible en http://www.edu.xunta.es/fp. Adxúntase un resumo dos aspectos importantes para alumnado e familias. Le o documento e mira o vídeo explicativo da inscrición na aplicación.

Podedes consultar o resto de información sobre FP na páxina oficial e na Aula Virtual, xunto co resto de información de Orientación.

Lembrade que pódense solicitar bolsas para os estudos postobrigatorios (FP, Bacharelato e Universidade) que o Ministerio de Educación adoita publicar en agosto.

PERIODO ORDINARIO: para CM e CS

  • Presentación de solicitudes: 25 de xuño ao 5 de xullo ás 13h.
  • Listaxe provisional de solicitudes: 12 de xullo.
  • Reclamación á listaxe provisional: 12 de xullo ás 9:00 ao 14 de xullo ás 13h.
  • 1ª adxudicación: 20 xullo. Matrícula 1ª adxudicación: 20 xullo ao 26 xullo ás 13h.
  • 2ª adxudicación: 28 xullo. Matrícula 2ª adxudicación: 28 xullo ao 30 xullo ás 13h.

PERIODO EXTRAORDINARIO: para CM (para CS só sobre as listaxes de espera de xuño).

  • 1ª adxudicación, sobre as listaxes de espera do período ordinario: 2 de setembro
  • Matriculación 1ª adxudicación: 2 de setembro ás 9:00 ao 6 ás 13h horas 2 de setembro ás 9:00 ao 6 ás 13h.
  • Presentación de solicitudes: 1 de setembro ás 9:00 ao 9 ás 13h.

No prazo extraordinario, do 1 ao 9 de setembro, só se poderán presentar solicitudes para ciclos de grao medio, tanto no réxime ordinario como para as persoas adultas.

Un camiño para todos e todas

O alumnado de 4º ESO C exerceu de anfitrión da 2ª edición do proxecto "Xacobeo Autismo. Un Camiño de Todos", unha iniciativa enmarcada no programa de “O Teu Xacobeo” pola cal 20 persoas con trastorno do espectro do autismo viviron e compartiron a súa experiencia como peregrinos nun camiño xacobeo que os levou dende Nigrán a Pontevedra en 6 etapas entre o 11 e o 27 de maio.

Ao seu paso por Soutomaior, no que recalaron ao final da 5ª etapa, os mozos e as mozas de 4º ESO C déronlles a benvida e moito ánimo ás 20 persoas usuarias da Fundación Menela que están a vivir esta experiencia coa campaña de moitos colectivos, institucións e centros escolares, como se pode seguir a través do seu perfil nas redes sociais

O Castelo e os seus xardíns, a ponte medieval da Comboa, a ponte de Pontesampaio, a igrexa de San Salvador e a praia da Xunqueira foron os lugares de interese recomendados polos alumnos e alumnas do instituto, que ademais de seren uns excelentes embaixadores/as do Concello demostraron que son persoas solidarias e implicadas socialmente. Noraboa! E o agradecemento tamén para a titora Sandra e a orientadora Alba por acoller a proposta de Menelas. Mil grazas!

Aberto o prazo de inscrición para as Ensinanzas Deportivas, Arte Dramática, Plásticas e Deseño e Conservación e Restauración

Publicáronse as instrucións para o acceso ás ensinanzas de réxime especial que se resumen a continuación.

A estas ensinanzas pódese acceder co título de Bacharelato (ou de ESO, só no caso das Ensinanzas Deportivas e algunha especialidade de Artes Plásticas e Deseño) e realizando unha proba específica ou sen o título aprobando unha proba (ademais da específica).

- Artes Plásticas e Deseño para o curso 2021/22

  • O prazo para a inscrición é ata o día 23 de xuño para os Ciclos de Grao Superior.
  • Podes  ver aquí a oferta destas ensinanzas.
  • Proba substitutiva de titulación de bacharelato: día 2 de xullo.
  • Proba específica para todas as familias profesionais: día 9 de xullo.
  • Le as istrucións completas para o acceso AQUÍ.

-  Ensinanzas superiores de Deseño (gráfico, interiores, produto e moda) para o curso 2021/22

  • O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 17 de xuño, ambos os dous incluídos.
  • Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas artísticas superiores: en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, o día 28 de xuño.
  • Proba Específica: Realizaranse o día 6 de xullo nas catro EASD de Galicia.
  • Podes ver a oferta das Ensinanzas de Deseño aquí.
  • Le as instrucións completas para o acceso aquí.

- Ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2021/22

  • O prazo de presentación das solicitudes é ata o 17 de xuño.
  • Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato: realizarase en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, o día 28 de xuño.
  • Proba específica: na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, rúa Xeneral Martitegui, s/n, Pontevedra, o día 6 de xullo.
  • Podes ver a oferta aquí.
  • Le as instrucións completas para o acceso aquí.

- Ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2021/22

  • O prazo de presentación das solicitudes é ata o 17 de xuño.
  • Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato: realizarase en Santiago de Compostela no IES As Fontiñas, o día 28 de xuño.
  • Proba específica: as probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática darán comenzo o día 6 de xullo na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
  • Podes ver a oferta  aquí.
  • Le as instrucións completas para o acceso aquí.

- Ensinanzas deportivas para o curso 2021/22

  • A inscrición para realizar as probas farase nas secretarías dos centros. O prazo de inscrición é ata día 2 de xullo de 2021.
  • As probas de madureza de grao medio (para maiores de 17 anos) e grao superior para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terán lugar o día 7 de setembro no IES As Fontiñas.
  • Proba específica: as probas de acceso de grao medio de carácter específico, para cada unha das modalidades deportivas, realizaranse en setembro (están publicadas distintas datas e lugares segundo a modalidade). Non se convocan probas de acceso a Grao Medio pero lembrade que nas Ensinanzas Deportivas é requisito ter o Grao Medio para acceder ao Superior.
  • Podes ver a oferta  aquí.
  • Le as instrucións completas para o acceso aquí.

ESO: Orientación Académica para alumnado e familias

 

O Departamento de Orientación programa sesións de Información Académica, para axudar o alumnado e as familias con dúbidas sobre as eleccións que deberán facer próximamente, de cara ao curso 2021/22.

As sesións coas familias realizaránse de xeito virtual, cunha sesión por videoconferencia (webex) coa orientadora. As familias interesadas deberán inscribirse chamando ao centro, nas datas indicadas, indicando o interese en participar nas Sesións de Orientación-curso-alumno/a-correo electrónico.

Nota importante: Nese correo electrónico debes recibir unha ligazón coa invitación a participar o último día da inscrición. Confirma a asistencia e, no caso de non recibir dita ligazón, comunícate co centro o día anterior á sesión para solventar posibles erros.

DATAS e TEMAS das sesións co alumnado e familias:

4º de ESO

- Temas a tratar: criterios de titulación e opcións con/sen o título de ESO. Ciclos de FP, Ensinanzas de Réxime Especial, Graos Universitarios. Solicitude bolsa MEC e prazas nos Centros Residenciais. Premios extraordinarios da ESO.

- Alumnado e familias: sesións xa realizadas. Pódense consultar a na Aula Virtual (curso "Orientación") os documentos relacionados: presentación,  ligazóns a FP e Universidades, resumo sobre as materias de Bacharelato....

3º de ESO

- Temas a tratar: criterios de promoción e titulación na ESO. Itinerarios en 4º de ESO. Bacharelato (itinerarios) e acceso á Universidade (Graos). Ciclos de FP. Ensinanzas de Réxime Especial.

- Alumnado: sesións nas aulas na semana do 19 ao 22 de abril (20 de abril: 3ºC; 22 de abril: 3ºB; 23 de abril: 3ºA).

- Familias: xoves 22 ás 20h. Inscrición ata o martes 20.

2º de ESO

- Temas a tratar: características da ESO. Aspectos que se deben ter en conta na matrícula de 3º de ESO. Que poderei estudar despois de 4º de ESO?

- Alumnado: sesións nas aulas os días 12 de abril (2ºD); 13 de abril (2ºC); 15 de abril (2ºA) e 20 de abril (2ºB).

- Familias: xoves 22 ás 18,30h. Inscrición ata o martes 20.

Obradoiros en 1º e 2º de ESO: Sexualidade, Ciberseguridade, Drogas e condutas aditivas

Iniciamos o 3º Trimestre retomando o ciclo de obradoiros inlcluídos no programa "Ti decides!",  que o Concello de Soutomaior oferta aos centros escolares do municipio.

En 2º de ESO tiveron lugar hoxe os Obradoiros de Sexualidade, que continuarán este venres coas actividades de Prevención de Drogas e Condutas Adictivas para aqueles grupos que aínda non as tiveran (2ºC-D).

 Ciberseguridade en 1ºESO-D.

En 1º ESO adicáronse 2 sesións a reflexionar sobre a Ciberseguridade (1ºC e 1ºB), actividade que remata mañá no resto dos grupos (1ºA e 1ºB). Tratáronse aspectos que preocupan na comunidade educativa (profesorado, familias e alumnado) como a privacidade en internet, o especial coidado das imaxes que subimos á rede (nosas e dos demais), a protección ante o roubo de identidade e outras fraudes, así como que pode facer o alumnado cando é vítima dun fraude ou situación problemática en internet.

BOLSAS para o alumnado con NEAE

Todos os cursos o Ministerio de Educación convoca bolsas para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo (NEAE). Poderedes acceder a información completa aquí e, de cumprires os requisitos, tramitala no centro ao inicio de cada cuso escolar:

A partir do curso 2021/2022 requirirase, para a súa concesión, algúns dos seguintes certificados:

- Discapacidade.

- Trastorno grave de conducta.

- Trastorno del espectro autista.

- Altas Capacidades.

Será importante ter en conta esta limitación xa que, por exemplo, o alumnado con TDAH precisará certificar Discapacidade ou algunha das anteriores condicións para ser candidato á beca NEAE. A discapacidade debe estar acreditada polo equipo de valoracións da Consellería de Política Social. Se non se dispón de tal acreditación, o Departamento de Orientación non poderá informar favorablemente. Por isto, recoméndase a todas as familias interesadas nas bolsas, solicitar o recoñemento de Discapacidade.

Solicitedes a bolsa ou non, aprovéitase para recomendar que acheguedes, en calquera momento do curso escolar, aquela documentación relacionada (cerficado de Discapacidade, informes do SERGAS...) xa que nos axuda a facer un óptimo seguimento do alumnado.

8M

A vindeira semana centraremos as titorías nos valores da Igualdade e Feminismo, co motivo da celebración do 8M.

- Na sesión de titoría, tras a reflexión do grupo (con actividades escollidas polo titor/a entre os recursos existentes), o alumnado escollerá unha mensaxe para gravar.  Elaborarase un vídeo coas achegas de todos os grupos.

- Recursos:

https://www.educaciontrespuntocero.com/recursos/recursos-para-ensenar-feminismo 

https://www.cig-ensino.gal/nova/feminis-tic-ferramentas-tic-para-traballar-a-igualdade.html

Material para traballar o 8 M  dende o punto de vista da visibilidade das mulleres trans:  http://asociacionarelas.org/gl/programas/material-8m 

Ademais, a partir do venres 5 contaremos no centro coa Exposición de fotografía "Mulleres Sabias", realizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior e composta polas fotografías de mulleres anónimas da comarca, que conta cunha breve guía didáctica que se poderá adaptar nas clases se é do voso interese.

O contacto entre linguas, un atractivo campo de investigación universitaria

Este venres 29 de xaneiro contamos coa visita de Francisco Dubert, profesor do Departamento de Filoloxía Galega da USC, membro do Instituto da Lingua Galega e codirector da revista Verba, que nos aproximou ao apaixonante mundo das linguas en contacto nunha viaxe que nos levou dende a orixe da humanidade ata a realidade sociolingüística galega pasando por Estados Unidos, Papua Nova Guinea, Australia ou os idiomas de Europa. 

A actividade coorganizada polos Departamentos de Orientación, Lingua Galega e o Equipo de Normalización Lingüística, enmárcase dentro do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, promovido pola USC para achegar aos centros de ensino secundario o traballo que se desenvolve na universidade.

A conferencia, de ton ameno e salferida de exemplos e casos prácticos, achegou o alumnado ao contacto de linguas, unha situación que se dá de forma habitual ao longo de todo o mundo e que suscita a reflexión sobre as súas implicacións no noso día a día tanto a nivel individual como no que ten a ver coa forma en que nos relacionamos en socidade. 

Charlas Universidade e ABAU

  

Na mañá de hoxe, Vicente Moreno de las Cuevas, docente en distintos Graos e Mestrados da Universidade de Santiago de Compostela (Facultades de Física e Óptica), impartiu 2 charlas no centro sobre a Universidade e as ABAU para os dous grupos de 2º de Bacharelato.

A actividade enmárcase dentro do programa A Ponte entre o ensino medio e a universidade, que ten como fin achegar ao alumnado o acceso á Universidade e os recursos da USC (titulacións, plans de estudo, becas, residencias, actividades complementarias...).

Agradecemos o seu esforzo duplicando a actividade para ofrecela ao alumnado nos seus grupos (burbulla); unha das moitas medidas que procuramos manter, especialmente dada a alta incidencia do virus no momento actual.

Economía circular e novos modelos de negocio

A profesora Pilar Piñeiro García, do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, visitou o noso centro o pasado venres 22 de xaneiro para lle achegar ao alumnado de 1º BACH C e 2º BACH B os principios da economía circular e os novos tipos de negocio que se basean neste novo modelo produtivo.

Nas súas dúas ponencias, que forman parte do ciclo de charlas científico-divulgativas que as Universidades de Vigo e Santiago ofertan ao alumnado de Bacharelato para achegalo aos estudos universitarios, a profesora abordou os obxectivos deste modelo produtivo que ten por finalidade manter o valor dos produtos, materiais e recursos durante o maior tempo posible na economía e reducir ao mínimo a xeración de residuos. explicou, así mesmo, que para conseguilo, é preciso ir alén dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e avanzar cara aos 9R (repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar enerxía). Presentou, así mesmo, numerosos exemplos e os principais modelos de negocio baseados na economía circular e, no formato de obradoiro-relatorio, guiou o alumnado para identificar boas prácticas na súa vida diaria e/ou no instituto e para propoñer boas prácticas de economía circular que poderían adoptar no seu día a día.

Distribuir contido


by Dr. Radut