Curso 2023/24
CS Guía, información e asistencia turísticas. Visita territorio do Xeoparque do Courel
O alumnado do CS Guía, información e asistencia turísticas acompañado da súa docente Sol González, comezamos as saídas do curso 2023/24 cun percorrido o 19 de setembro por parte do territorio do Xeoparque do Courel; visitamos Montefurado, o CIMAR e a igrexa de San Salvador de O Hospital.
En Montefurado vimos a aldea, o túnel perforado polos romanos para aproveitar o ouro que traía o río Sil e a igrexa barroca de San Miguel. Visita, esta última, guiada por Marisol Tomé -exalumna do Ciclo e guía oficial-.
Roberto Castro, tenente de alcalde do Concello de Ribas de Sil, foi o encargado de mostrarnos o último museo do Xeoparque Mundial da Unesco “Montañas do Courel”, o CIMAR -Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana-.
Rematamos a saída coa visita guiada a unha igrexa que estivo ligada ao hospital medieval de pobres e peregrinos fundado pola Orde de San Xoán de Xerusalén na zona,San Salvador de Hospital. De novo foi Marisol Tomé, con gran profesionalidade, a responsable de mostrarnos o edificio e algunas pezas de destacado interese como o retablo maior barroco, a pía bautismal, a escultura de San Bartolomé Vello,…
4º ESO, 1º Bacharelato e 2º Bacharelato. Visita exposición Out of Wonderland Espazo+60
O venres 29 de setembro o alumnado de 4º ESO, 1º Bacharelato e 2º Bacharelato que cursa a materia de Educación Plástica e Visual, Debuxo Artístico e Historia da Arte, respectivamente, acompañados das súas docentes Cristina Ouro e Fina Vázquez, realizaron unha visita á exposición Out of Wonderland que acolleu o Espazo+60 en Monforte de Lemos.
O alumnado puido gozar da dita exposición e incluso tivo a sorte que un dos autores sorteou unha lámina entre eles. De seguro que o alumno ao que lle tocou a gardará con moito agarimo.
Foron dúas horas onde o alumnado se encheu de grandes coñecementos que ller servirán para desenvolver nas diferentes materias coas que visitaban a exposición.
Todos os cursos. Día Mundial do Corazón
O 29 de setembro conmemórase o Día Mundial do Corazón; para iso o alumnado do centro, acompañado de profesorado, realiza un percorrido polas instalacións do instituto para contribuír con este día.
Ademais, durante todo a mañá puidéronse visualizar as diferentes intervencións en directo que se levaron a cabo nas XXXIX Xornadas do Corazón 2023 na pantalla que colocamos na entrada do instituto.
Pensa no teu corazón! ❤️
Deixámosvos o enlace á páxina web da Fundación Española do Corazón onde atoparedes máis información.
1º ESO. Saída ao Club Fluvial de Monforte de Lemos.
O martes 19 de setembro o alumnado de 1º ESO xunto co profesorado Ana Iglesias, Raquel Seoane (titoras dos grupos de 1º ESO), Alberto Rodríguez e Iria Trebolle, gozou dunha xornada no Club Fluvial de Monforte de Lemos. A saída foi un xeito de darlles a benvida ao novo centro, o IES Río Cabe, e serviu como convivencia entre o alumnado e o profesorado. No Club Fluvial puideron practicar varios deportes e desfrutar de tempo libre.
Foron unha horas ben entretidas!
2º Bacharelato e exalumnado. Semifinalistas do Concurso de Coñecementos Financeiros
O equipo de alumnado do IES Río Cabe (Saleta Losada, Alexandre Maceda, Sara Rodríguez, Sara Traveso e Miguel Vega) xunto co seu profesor Emilio López, acaba de clasificarse para participar na semifinal do Concurso de Coñecementos Financeiros organizado polo Banco de España e a CNMV (Comisión Nacional do Mercado de Valores), e viaxarán a Madrid para enfrontarse na sede do Banco Central ao Colexio Sagrado Corazón Fundación Spinola de Coria (Cáceres).
Os gañadores das dúas semifinais enfrontaranse o luns 2 de outubro no acto central do Día da Educación Financeira. Este concurso enmárcase dentro do Plan de Educación Financeiro impulsado polo Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores e o Ministerio de Economía, co fin de mellorar a cultura financeira da poboación.
O pasado 18 de setembro celebrouse, na sucursal do Banco de España de A Coruña a ronda de cuartos de final do concurso, resultando gañador o IES Río Cabe despois dun emocionante enfrontamento co Colexio Misioneras de la Providencia de Salamanca.
Agora, o seguinte paso será tratar de gañar na semifinal que se celebrará en Madrid o vindeiro martes 26 de setembro, para logo poder competir na gran final que terá lugar na cidade de Sevilla o primeiro luns do mes de outubro (día este da educación financeira).
Máis información:
- https://www.finanzasparatodos.es/
- https://www.facebook.com/FinanzasParaTodos.educacionfinanciera/?locale=es_ES
- https://www.instagram.com/finanzaspartods/
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14