Curso 2021/2022

Gañadores do concurso de Videopoemas

 O noso alumnado, acostumado xa a participar en todas as actividades propostas polo EDLG, presentou uns videopoemas preciosos ó Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía de Castro, Florencio Delgado Gurriarán ou calquera outro autor ou autora da literatura galega. Dada a calidade e a cantidade de traballos presentados o noso xurado tivo moi difícil a escolla. Ó final o alumando gañador foi Naiara Fernández Conde de 3º da ESO B e Hugo Diéguez Gómez de 2º da ESO A.

 

Foto

Microtoponimia

Dentro da situación sociolingüística do galego e tendo en conta o desarraigo da poboación máis nova a profesora de prácticas, Andrea Santiso, impartiu en 1º da ESO A unha unidade didáctica sobre microtoponimia.

Como o noso alumnado procede da zona rural foi fácil que trouxeran unha choiva de microtopónimos (nome de leiras, prados, chousas, fontes, camiños...) para a posterior introdución deses nomes na aplicación Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa para a colección, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega.

O seguinte paso foi xogar a ser filólogos e completar unha ficha microtoponímica.

Despois o alumnado, a xeito de simulación, tivo que visitar o lugar xeográfico en que se atopa un dos seus microtopónimos seleccionados e realizar unha reportaxe na que figurase a seguinte información: nome propio, nome do microtopónimo, lugar, parroquia, concello e provincia en que se atopa, descricións semántica e etimolóxica do nome e outra información que se considerase interesante.

Por último cada alumno deseñou un cartel sinalizador dun microtopónimo da súa escolla. Para isto, empregouse a aplicación Canva, que permite realizar deseños gráficos online sen a necesidade de ter unha conta creada.

O final expuxéronse os carteis no “Curruncho das verbas” e fixemos esta foto.

Camiño de Santiago

O día trece de xuño, e xa como remate das actividades do EDLG, realizouse a última etapa do Camiño de Santiago( Pedrouzo-Santiago). Esta foi unha actividade plurianual que se comezou a facer no curso 2012/2013 coa etapa Cebreiro-Triacastela e que tras o parón dos dous últimos anos por mor da covid puidemos rematar este curso. A actividade tivo moitísima aceptación e un total de noventa e cinco alumnos/-as o oito profesores/-as puxémonos a andar desde Pedrouzo ata Compostela. Dado que este tamén foi considerado Ano Santo puidemos acceder á catedral pola Porta Santa.

Foi unha experiencia marabillosa, ata o punto de que para o ano pensamos repetir e comezar outra vez coa etapa Cebreiro-Triacastela.

Ata o ano!

foto foto foto foto foto foto

Datas de avaliación extraordinaria e final de ciclos formativos para o curso 2021/2022

Faise público o calendario de exames para FPB e Ciclo Medio do curso 2021/2022, con datas de exames, entrega de boletíns e datas de reclamación.

Celebración do Día das Letras Galegas e actuación musical de Falcatrueiros

Este venres 13 de maio, e con motivo do Día das Letras Galegas do 17 de maio, os alumnos Nerea Gómez Fernández de 4º da ESO A e Rodrigo Otero Pardo de 3º da ESO B deron unha pequena conferencia sobre Florencio Delgado Gurriarán.

A continuación a Asociación Falcatrueiros de Monterroso interpretou pezas musicais en galego (dáse a casualidade que os membros da asociación que actuaron son alumnado do IES de Monterroso)

Cun tempo inmellorable, todo o alumnado do centro desfrutou da actuación.

Falcatrueiros 2022 Falcatrueiros 2022
Falcatrueiros 2022 Falcatrueiros 2022

Seguimos celebrando as nosas Letras

Como todos os anos, a Consellería de Educación enviou uns carteis sobre o autor ó que se lle adica o Día, este ano a Florencio Delgado Gurriarán. Fíxose unha exposición con estes carteis e o noso alumnado foi buscar alí información para realizar os traballos que as profes de galego lle pediron.

Letras Galegas 2022 Letras Galegas 2022 Letras Galegas 2022

Concurso de videopoemas

Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía de Castro, Florencio Delgado Gurriarán ou calquera outro autor ou autora da literatura galega.

Concurso destinado a todo o alumnado do IES. A participar individualmente ou en grupo.

TEMÁTICA
Os videopoemas consistirán nunha presentación dixital ou vídeo baseado nunha composición poética en galego de Rosalía, Florencio Delgado Gurriarán  ou calquera outro poeta galego. O poema deberá aparecer nalgún momento, ben sexa impreso, recitado ou en calquera outra opción que se considere.

FORMATO
Os videopoemas presentaranse preferiblemente en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber. As obras deben ser orixinais e inéditas. En caso de usar música, textos ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autor.

PRAZOS
O alumnado participante deberá enviar o seu traballo antes do 20 de maio, por correo electrónico, ó enderezo edlgmonterroso@gmail.com
No corpo da mensaxe deben sinalar o título do videopoema, a persoa autora ou autoras e o curso no que están.

PREMIOS
Os dous mellores traballos presentados recibirán un vale de 40 euros para mercar libros ou material en lingua galega.
Os premios son únicos, independentemente do número de persoas que participen na realización dos videopoemas premiados.

Comezou o mes de maio e con el as celebracións das Letras Galegas

O día cinco tivemos o pracer de ter con nós ó escritor Xosé Luís Vázquez Somoza, autor de O conserxe, libro que este curso lemos en 4º da ESO, e nos clubs de lectura de terceiro da ESO, de 2º da ESO e de adultos. O autor falou da súa obra e respondeu a todas cantas preguntas se lle formularon. O tempo pasou voando e conferencia fíxose moi curta. Agardamos telo outra vez con nós e poder seguir charlando con el.

Xosé Luís Vázquez Somoza é catedrático de L. Galega e L. e exerce de profesor no IES Lucus Augusti de Lugo, do que foi Director.

E, aparte de ser un gran escritor, é unha persoa que irradia moita paz e da que hai que destacar a súa faceta humana.

Conferencia Letras Galegas 2022 Conferencia Letras Galegas 2022 Conferencia Letras Galegas 2022

Presentación da USC e ABAU

O martes 26 de abril tivo lugar unha charla na que se informou ao alumnado de 2º de Bacharelato sobre a oferta universitaria da USC, os servizos universitarios, as ABAU, os programas de intercambio e outras cuestións de interese relacionadas cos seus futuros estudos universitarios.

ABAU

EDUREFERENTES

O I.E.S. de Monterroso foi seleccionado para participar no programa EduReferentes co que se pretende facilitar a orientación vocacional do alumnado, mediante o coñecemento de referentes femininos, co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Neste caso a actividade desenvolveuse cos rapaces e rapazas de 4º de ESO.

Nun primeiro momento tivo lugar unha sesión grupal na que participaron Isabel Neira Gómez, profesora titular de Economía Aplicada na USC e Directora técnica do Grupo GEM-Galicia, e Mónica Álvarez Flores, Directora Xeral en Álvarez Real.

En próximos días completarase a actividade coas mentorías individualizadas.

 

 
 
Distribuir contido