Microtoponimia

Dentro da situación sociolingüística do galego e tendo en conta o desarraigo da poboación máis nova a profesora de prácticas, Andrea Santiso, impartiu en 1º da ESO A unha unidade didáctica sobre microtoponimia.

Como o noso alumnado procede da zona rural foi fácil que trouxeran unha choiva de microtopónimos (nome de leiras, prados, chousas, fontes, camiños...) para a posterior introdución deses nomes na aplicación Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa para a colección, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega.

O seguinte paso foi xogar a ser filólogos e completar unha ficha microtoponímica.

Despois o alumnado, a xeito de simulación, tivo que visitar o lugar xeográfico en que se atopa un dos seus microtopónimos seleccionados e realizar unha reportaxe na que figurase a seguinte información: nome propio, nome do microtopónimo, lugar, parroquia, concello e provincia en que se atopa, descricións semántica e etimolóxica do nome e outra información que se considerase interesante.

Por último cada alumno deseñou un cartel sinalizador dun microtopónimo da súa escolla. Para isto, empregouse a aplicación Canva, que permite realizar deseños gráficos online sen a necesidade de ter unha conta creada.

O final expuxéronse os carteis no “Curruncho das verbas” e fixemos esta foto.