Dinamización Lingüística

Departamento de Dinamización Lingüística

Receitas de Entroido

Chegou o Entroido e os rapaces de 1º da ESO puxéronse a buscar información sobre o Entroido na zona e en Galicia e os moi larpeiros preguntaron nas súas casas por receitas típicas desta época do ano. Ademais, como contamos con alumnado procedente doutros países, tamén soubemos como se celebra o Entroido en Brasil, Colombia, Perú... e cales son os pratos típicos desta época.

Unha vez rematados os traballos expuxéronos no Recuncho das Verbas.

Concurso de Postais de Nadal

O alumnado do IES de Monterroso quixo felicitarnos o Nadal cunhas preciosas postais que presentou ao concurso convocado polo EDLG. O xurado tivo moi difícil a escolla dada a calidade dos traballos. Estas postais expuxéronse no taboleiro da entrada do IES.

As gañadoras foron:

1º PREMIO - Thais Otero Veiga (2º ESO A)

2º PREMIO - Claudia García Prado (2º ESO B)

 

Revista Escolar do curso 2022-2023 A Leira dos Trasnos

Temos o pracer de anunciar a saída da revista do curso escolar 2022-2023. Preme na imaxe da portada para descargala.

 

Revista

Concurso de Relatos de Terror

Chegou o outono e con el o Samaín e os nosos trasniños puxéronse a escribir uns preciosos relatos de terror que presentaron ao Concurso de Relatos convocado polo EDLG do IES de Monterroso.

O xurado, que o tivo moi difícil dado a cantidade e a calidade dos traballos, ACORDOU por maioría emitir o seguinte fallo:

 

1º PREMIO - Iria Vázquez López (4º ESO A)

 

2º PREMIO - Sara Vázquez Rodríguez (1º ESO A) e Saúl Cid Seijas (4º ESO A)

Camiño de Santiago

Un ano máis o EDLG remata as súas actividades o día oito de xuño coa realización dunha etapa do Camiño de Santiago. Esta é unha actividade plurianual e interdisciplinar.O curso pasado  chegamos a Santiago de Compostela e este ano volvemos a comezar e fixemos a etapa Cebreiro –Triacastela. Unha etapa tan fermosa como difícil na que os nosos  alumnos puideron coñecer o galego do bloque Oriental “in situ”, a súa vexetación, flora, fauna, as construcións (casas, igrexas, pallozas, hórreos...) 

 

Día das letras galegas


Comezou o mes de maio e con el as celebracións das LETRAS GALEGAS.

Todos os anos a Consellería de Educación envía uns carteis sobre o autor ó que se lle dedica o Día das Letras Galegas, este ano Francisco Fernández del Riego. Fíxose unha exposición con estes carteis e o noso alumnado buscou alí información para realizar os traballos que as profesoras de Lingua lles pediron.

O alumnado de 1º da ESO elaborou uns  carteis preciosos coa intención de normalizar e dignificar o uso do galego. Estes carteis expuxéronse na entrada do centro e polos corredores.

O alumnado de FPB1 homenaxeou a Francisco Fernández del Riego elaborando uns carteis sobre a súa vida e a súa obra.

O alumnado de 2º de BAC realizou unhas caricaturas de Fernández del Riego  que se expuxeron polos corredores do centro.

Para coñecer un pouco máis o autor ó que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, algúns alumnos de 2º da ESO (Reforzo) fixeron unha representación lida da obra de teatro de Eva Mejuto:  As cousas de don Paco,  na que os protagonistas son os obxectos  que acompañaron a  don Paco  en distintas etapas da súa vida. 

Encontro en Santiago coa escritora Rocío Leira

O día dezasete de abril o alumnado que participa nos clubs de lectura de 1º e 3º da ESO   asistiu en Santiago de Compostela a un encontro coa escritora Rocío Leira. Na organización desta actividade participaron o EDLG e  Grupo de Traballo da Biblioteca en colaboración co IES do Camiño de  Palas De Rei.

Club de Lectura

O día dezasete de abril o alumnado que participa nos clubs de lectura de 1º e 3º da ESO irá  a Santiago de Compostela  para ter un encontro coa escritora Rocío Leira. Colabora o EDLG e o Grupo de Traballo da Biblioteca. Nesta actividade participa tamén o IES do Camiño de  Palas De Rei.

Club de lectura 3ºESO Club de lectura 2ºESO

DÍA DE ROSALÍA

O vinte e tres de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro, a mestra do Rexurdimento, a escritora das escritoras e autora da primeira obra impresa escrita en galego.  Por este motivo se institucionalizou o Día de Rosalía  e no IES de Monterroso celebrámolo  cun recital de poemas desta autora. Recitaron os poemas  alumnos de 3º e 1º da ESO.

CONCURSO DE RECITADO POÉTICO ROSALÍA SEMPRE VIVA.

O día once  de marzo de 2023 as alumnas Sandra García Janeiro   e  Iria Leiro Guerra de 4º da ESO   participaron na 7ª edición do concurso de recitado poético “Rosalía Sempre Viva” que se celebrou na Casa-Museo de Manuel María. Estiveron acompañadas da profesora de Lingua Galega e das súas respectivas familias.

Iria Leiro Guerra Sandra García Janeiro
Distribuir contido