Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

ROTEIRO CORUÑÉS DO REXURDIMENTO 1º BACH

1 de abril de 2022

ROTEIRO CORUÑÉS DO REXURDIMENTO 1º BACH

A última semana de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato participou nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañados polo profesorado que guiaba a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participou co recitado de poemas dos escritores e escritoras aludidos no curso do roteiro.

Primeiramente visitamos os edificios onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia na mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta, e a Real Academia Galega que presidiu Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Non foi posible acceder ao Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e o poema que Rosalía creou na súa honra esculpido na pedra, dado que se encontra temporalmente en obras e pechado ao público, mais recitamos o poema diante da porta de entrada.

Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey onde o profesor Paulo Carballada explicou o seu simbolismo. Despedimos o roteiro diante da estatua do autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas



blog | by Dr. Radut