Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

A lección dun mestre: o Entroido de Laza

4 de marzo de 2022

A lección dun mestre: o Entroido de Laza

Hoxe tivemos a sorte de poder escoitar a explicación dun dos entroidos máis antigos de Galicia e, disque tamén, un dos dez máis ancestrais do planeta: o Entroido do concello ourensán de Laza. Pero, ademais, non contamos cun relator calquera, senón que a explicación correu a cargo dun auténtico peliqueiro: o alumno de 1º ESO D Colman Balliet Diz, quen lles explicou aos seus compañeiros a función deste personaxe típico do seu entroido e mais as curiosas características do seu traxe. Como mostra, trouxo a súa zamarra ou fusta, coa que azoutan a todo aquel que non respecte o propio peliqueiro ou se interpoña no seu camiño; e tamén seis chocas de seu, suxeitas a un cinto de pel, que carga o peso. Segundo Colman, con elas avisan da súa presenza e poden chegar a pesar 1,5 kg, pero  …... aumentan o tamaño segundo avanza a idade do peliqueiro!!!!!!!!

Foi realmente unha verdadeira lección dun mestre que, malia a súa xuventude, soubo engaiolarnos coas súas verbas e co movemento desas chocas. Á parte disto, tivo a xentileza de cedernos unhas fotos súas co disfraz e uns videos moi interesantes dos peliqueiros en acción polas rúas de Laza  (obviamente el é un dos protagonistas dos mesmos) e o ritual da vestimenta do traxe, dun curmán seu. Moitísimas grazas, Colman e , como di a cantiga popular: “Catro cousas hai en Laza,/ non as hai en toda a terra:/ Peliqueiros, Maragatos,/ as formigas e a Morena”. Viva o Entroido galego!!! Teresa Pastor Novo, profesora de Lingua Galega e Literatura.



blog | by Dr. Radut