Escoitar, Aprender e Compartir

Escaparates de Nadal

O alumnado do módulo de Disposición e venda de produtos de Farmacia Modular elaborou nunha práctica na clase uns escaparates de Nadal, dous deles baseados no coidado da imaxe persoal e un deles na alimentación dos pequenos e pequenas, todo ambientado con ornamentación de Nadal apropiada para a época.

 

 

 

3º DE ESO PLANTANDO ÁRBORES

O LUNS 18 E O MARTES 19 O ALUMNADO DE 3º DE ESO FOI DE ANDAINA POLO RÍO PUGARIÑO ATA A MADROA PARA LEVAR A CABO UNHA IMPORTANTE INICIATIVA: PLANTAR ÁRBORES NUNHA ZONA DESPOBOADA CEDIDA POLA COMUNIDADE DE MONTES. CUNHA PANORÁMICA ESPECTACULAR SOBRE A RÍA E DA MAN DE ÁLVARO DIEGO FUENTES DA EMPRESA TARABELOS,  O ALUMNADO, A PESAR DAS BAIXAS TEMPERATURAS, FIXO UN BO TRABALLO PLANTANDO UN CENTO DE ÁRBORES DE VARIEDADES AUTÓCTONAS QUE FORON DOADOS POLO CONCELLO DE REDONDELA.

O IES CHAPELA na prensa (Faro de Vigo)

Kiosko prensa ibérica

PATINAXE NA PISTA DE XEO DE SAMIL

O ALUMNADO DA ESO E BACHARELATO ACHEGOUSE ATA A PISTA DE XEO DE SAMIL PARA PRACTICAR ESTE DIVERTIDO DEPORTE.

HOUBO ALGUNHA CAÍDA, ALGÚN QUE OUTRO TROPEZO, PERO MOITA DIVERSIÓN!

Finalización da Semana da Ciencia en Galego coa Feira Científica "Non é Maxia... É Ciencia"

Hoxe rematou a SEMANA DA CIENCIA EN GALEGO organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos da área de Ciencias (Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía e Sanitaria) do IES de Chapela co obxectivo de mostrarlle á sociedade a variedade e riqueza da investigación científica que se realiza empregando a nosa lingua. 
 
Ao longo da semana tiveron lugar 4 conferencias: 

  • "Chocolate, WiFi e buratos negros" de Felipe Gómez Cuba (UVIGO) para o alumnado de 3º ESO
  • “Reconstruíndo biomoléculas ancestrais considerando a xenética evolutiva” de Miguel Arenas Busto (UVIGO) para alumnado de Bacharelato e CM de Farmacia.
  • “Como funciona un Dron?” de Felipe Gil-Castiñeira (UVIGO) para alumnado de 1º e 2º de ESO.
  • “Matemáticas de moitas revolucións” de Carlos Mosquera Nartallo (UVIGO) para alumnado de 4º ESO.

 
Ademais, o venres 15 desenvolveuse a Feira Científica NON É MAXIA ... É CIENCIA. Nesta actividade 57 alumnas e alumnos voluntarios de diferentes cursos explicaron experiencias científicas con resultados sorprendentes relacionadas coa Física, a Química, as Matemáticas, a Tecnoloxía, a Bioloxía ou a área sanitaria. A feira estivo dirixida a todo o profesorado e alumnado do centro. Ademais, alumnado de 6º do CEIP Igrexa, CEIP Laredo e CEIP Alexandre Bóveda visitou a Feira Científica ao longo da mañá.

Pica na imaxe para acceder á galería de fotos.

 

 

 

O outono e as súas emocións

Dentro do Proxecto Meteoescolas 23/24 o alumnado de 1º APSD estudou a relación entre a meteoroloxía propia do outono e as emocións. O resultado mostrouno a través desta árbore de emocións exposta no corredor do 1º andar do centro. Grazas polo interesante traballo realizado.

 

 

Semana da Ciencia en Galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos da área de Ciencias (Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, e Sanitaria) do IES de Chapela propoñen unha semana chea de actividades para mostrarlle á nosa comunidade educativa diversas investigacións e resultados científicos que deixarán claro o papel da Ciencia como motor de avance da nosa sociedade. Ciencia feita e explicada na nosa lingua, que é válida como calquera outra para o traballo científico.


Presentación de vídeo en prol da corresponsabilidade

A Federación de ANPAS de Redondela presenta o seu vídeo SE QUERES SER CORRESPONSABLE, COLLE A VASOIRA E VARRE, levado a cabo por un bo elenco de artistas dos centros educativos de Redondela. Podedes ver o vídeo aquí.

Premios do concurso de relatos de arrepío

 
Hoxe, 30 de novembro, déronse a coñecer os resultados do concurso de relatos de arrepío convocado pola Biblioteca e polo EDLG do noso IES.
 
O xurado, composto pola presidenta da Ampa, Macarena, polo dinamizador da lingua galega, Aldán, pola representante do alumnado, Sara Cordeiro, e pola coordinadora da biblioteca, Naír, decidiu que os relatos premiados fosen os seguintes:
 
Categoría ESO:
  • 1°: Trinta e un de outubro. Uxío Solla Amoedo. 1°C.
  • 2°: A vinganza da coca pequena. Carla Montes. 1°C.
  • 3°: Conto de arrepío. Celia Santamariña Tenreiro. 1°A.
 
Categoría FP e BAC:
  • 1°: Bótasme unha mao? Nerea Bueno Fernández. 2° Documentación Sanitaria.
  • 2°: Eu tremía como a xelatina. Marta Romero Tielas.  2° Documentación Sanitaria.
  • 3°: A noite da Santa Compaña. Rosario Vidal López.  2° Documentación Sanitaria.

Charla "Falemos de sexo coas familias".

O concello de Redondela organiza esta charla o próximo venres 1 de decembro ás 19:00 horas no multiúsos da Xunqueira.

O IES de Chapela obtén a mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023

O IES de Chapela obtivo a mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023 da Consellería de Educación que se outorgaron o pasado 28 de novembro no Congreso Internacional de Inclusión Educativa celebrado en Santiago de Compostela. Outros sete centro educativos galegos foron tamén premiados entre a categoría A (destinada a educación infantil e primaria) e a categoría B (destinada a ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial).

A iniciativa premiada no IES de Chapela é o proxecto “Xanela”, un proxecto de teatro inclusivo e comunitario desenvolvido no curso 2022/2023 e baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo. Nel participaron máis de corenta persoas de tres entidades: alumnado e profesorado do IES de Chapela (concretamente, dos ciclos de FP de Atención a persoas en situación de dependencia, Integración social e Educación infantil do réxime de persoas adultas), persoas usuarias e profesionais da Asociación Xaruma para a inclusión de persoas con diagnósticos de saúde mental, e alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg). Baixo a dirección de Roi Vidal, o proxecto culminou coa estrea o pasado 2 de xuño da obra “Disparos de luz” no multiúsos de Chapela, obtendo unha moi boa acollida por parte do público. Con este galardón, a Consellería de Educación recoñece agora o valor deste proxecto na construción dun contorno educativo inclusivo para acadar unha sociedade máis respectuosa e máis democrática.

Distribuir contido