Escoitar, Aprender e Compartir

Báixate do machismo!

 

Un ano máis, o IES de Chapela, en colaboración co equipo de igualdade “Brigada Violeta”, alza a súa voz para manifestar o seu rexeitamento ante calquera manifestación de violencia de xénero, dende as formas máis sutís como o humor sexista e o control, pasando por outras máis explícitas como a chantaxe emocional ou a humillación, ata escalar ata o máis alto como son as ameazas e o asasinato. Unha violencia que nos últimos anos viuse incrementada na adolescencia, con especial impacto das novas tecnoloxías e redes sociais. Baixo o lema “BÁIXATE DO MACHISMO”, este 25N seguimos a rexeitar e denunciar a violencia machista e asumimos o noso compromiso de coeducar en prol dunha sociedade feminista e xusta, onde a mocidade se vincule afectivamente con respecto e en relacións igualitarias. Ata que non cese a violencia contra mulleres, polo simple feito de selo, seguiremos berrando alto: NON ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS!

Pincha aquí para ver o vídeo coa acción realizada pola mañá (da que se fixo eco o Faro de Vigo nesta nova) e aquí para ver o vídeo coa acción realizada pola tarde.

Inauguración do Espazo Violeta

Hoxe, 23 de novembro, inauguramos o Espazo Violeta na Biblioteca do IES de Chapela. A partir de agora teremos aquí un valioso fondo bibliográfico sobre feminismo e igualdade á disposición da comunidade educativa. Esperamos sacarlle moito partido porque, como nos lembra Chimamanda Ngozi Adichie, cuxas palabras serviron para inaugurar o espazo, "todos e todas teriamos que ser feministas". Moitas grazas á Brigada Violeta e ao Equipo da Biblioteca por idear e materializar este espazo, que arranca con forza nun momento tan sinalado como son as vésperas do 25N.

 

ESCOLA DE PAIS E NAIS. CHARLA LUNS 27 DE NOVEMBRO.

PRAZAS LIBERADAS NO CICLO MEDIO DE ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA NA MODALIDADE SEMIPRESENCIAL E A DISTANCIA DUAL

Ábrese un período extraordinario de admisión en prazas liberadas do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia na modalidade semipresencial e a distancia dual no IES de Chapela. As persoas interesadas que reúnan os requisitos de acceso deben presentar a súa solicitude e a documentación correspondente na secretaría do centro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas (de forma presencial). O prazo de admisión remata o próximo 15 de decembro (incluído).

Formación en primeiros auxilios e manexo do DESA

  

Onte, 20 de novembro, unha boa parte do profesorado e do persoal non docente do centro tivemos a oportunidade de recibir un curso básico de primeiros auxilios e manexo do DESA (desfibrilador semiautomático), do que dispoñemos a partir de agora e que converte ao IES de Chapela en espazo cardioprotexido. O responsable desta formación foi o experto Pepe Palacios, recoñecido a nivel internacional. Moitas grazas a Pepe por regalarnos o seu tempo, proporcionarnos unhas pautas de actuación tan claras e valiosas, e facernos conscientes de que salvar vidas está na man de todas e todos! 

Día dos dereitos da infancia

Hoxe, 20 de novembro, celebramos o día dos dereitos da infancia coa lectura dun manifesto por parte do alumnado de 1º do CFGS de Ed. Infantil en defensa das crianzas desprotexidas.

   

   

 

Premio ao Proxecto Meteoescolas

Por segundo ano consecutivo, o Proxecto Meteoescolas do IES de Chapela obtivo un diploma de excelencia. Un proxecto interdisciplinar que implica a todas etapas educativas (ESO, Bac e Ciclos) e a case todas as materias. Parabéns a todo o alumnado e profesorado implicado!

Adiamento dos exames de distancia do 28 de novembro

Ante a convocatoria dunha folga de profesorado para o vindeiro martes 28 de novembrotodos os exames dos ciclos da modalidade semipresencial e a distancia (CS Dietética, CS Educación Infantil e CS Integración Social) programados para ese día trasládanse ao martes 5 de decembro á mesma hora á que estaban previstos.

Esta medida adóptase para garantir o dereito á folga do profesorado (un dereito fundamental que se pode exercer tomando a decisión de facer folga no último momento e sen comunicar previamente a ausencia ao posto de traballo) e para evitar que o alumnado poida quedar desatendido ao acudir ao centro a realizar exames que finalmente habería que suspender en caso de ausencia do profesorado responsable do módulo ou do profesorado de apoio na realización das probas.

Lamentamos os prexuízos que poida ocasionar este cambio ao alumnado, pero se trata dunha circunstancia sobrevida de forza maior.

 

FOLGA DE ESTUDIANTES 16 DE NOVEMBRO 2023

O alumnado do IES de Chapela, acolléndose ao seu dereito de reunión e tras o acordo alcanzado na Xunta de delegados e delegadas celebrada no centro o 7 de novembro, decidiu sumarse á decisión colectiva de non asistencia á clase o próximo 16 de novembro, secundando a folga convocada polo Sindicato de Estudantes "En solidariedade co pobo palestino".

Na seguinte circular informativa pódese consultar toda a información relacionada co procedemento a seguir polo alumnado, tanto aquel que secunde a folga como o que decide asistir con normalidade a clase.

CROS XOGADE 9/11/2023

O alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO participou na carreira modalidade Cros organizada por Xogade en Zamáns. A chuvia deunos un respiro hoxe e puidemos correr ao aire libre, iso si modificáronnos o percorrido e en vez de ser a carreira polo monte foi por unha zona de pista. Fomos case 100 rapaces e rapazas e trouxemos varias medallas e diplomas!! Moitas grazas pola participación e polo esforzo!! 

RESULTADOS CROS

Pincha aquí para ver mais fotos.

Distribuir contido