Sócrates Lingua 1: "Language Festivals"

Este proxecto finalizado no ano 2007 pretendía unir a comida e a cultura co idioma, tentando motivar o alumnado mediante a “degustación”. O obxectivo foi a organización de festivais lúdicos nos que se fomentase a aprendizaxe de linguas mediante un contacto directo do alumnado con aspectos “palpables” delas: gastronomía, música, audiovisual, baile, etc. Celebráronse festivais de linguas na Bretaña (Francia), en Senigallia (Italia), Jablonec nad Nisou (R. Checa), Santiago de Compostela, Viena e Lancaster. En todos os festivais celebrados no estranxeiro participaron membros do alumnado e o profesorado como representantes da EOI de Santiago.

Este proxecto foi avaliado pola Axencia Sócrates cunha nota de 9 puntos e mais mención de honor. Foi a orixe dos Festivais das Linguas que anualmente se organizan na EOI de Santiago, abertos a todos os interesados e co obxectivo de dinamizar a aprendizaxe de idiomas e crear un ambiente de interculturalidade na propia cidade.