Silvia Penas e Sílvia Mota Lopes, poetas gañadoras do aRi[t]mar

 

 

Despois de máis dun mes de votacións, o público da gala aRi[t]mar, organizada pola nosa escola, decidiu que o poema “CANTO SEGUNDO PARA UN FILLO NON NADO”, da viguesa Silvia Penas, foi a Mellor Poesía do Ano 2023 na Galiza. Do mesmo xeito, “Há mulheres que trazem...”, da poeta bracarense Sílvia Mota Lopes, foi elixida a Mellor Poesía do Ano 2023 en Portugal.

A través de máis de 4.000 votos, o público de aRi[t]mar acordou galardoar estas poetas. No caso galego, por detrás de Penas situáronse os poemas “Declara a dor” de Chus Pato e “entra o sol cheirar a casa” de Celso Fernández Sanmartín. En Portugal, a Mota Lopes seguírona “A arte do roubo ás escuras” de Joana M. Lopes e “muda de lugar...” de César Pires.

Dúas voces parellas mais únicas que comparten a linguaxe da sororidade.

“CANTO SEGUNDO PARA UN FILLO NON NADO” e “Há mulheres que trazem...” son as seleccionadas polo público de aRi[t]mar como mellores poesías do pasado ano 2023 na Galiza e en Portugal, e as súas autoras, Silvia Penas e Sílvia Mota Lopes, son dúas creadoras que falan a mesma linguaxe, mais con sotaques diferentes.

Os poemas amosan a natureza creativa de dúas autoras vinculadas a mundos distintos coma o escénico, no caso de Penas, e o pictórico, no caso de Mota Lopes. O poderío epidérmico e sensitivo da voz de Silvia Penas contrasta en certa medida cunha vaga metafórica máis conceptual coma a de Sílvia Mota Lopes. É a capacidade de marabillar do animal escénico a carón da necesidade de extracción de ideas do ser simbólico. Dúas poetas. Dúas formas de transmitir. Mais unha linguaxe común: a da sororidade, que vertebra boa parte da mellor produción poética contemporánea ás dúas beiras do Miño.

Nos dous casos, as poesías escarvan no fondo dos mundos internos das súas autoras para, nos dous casos, atopar unha mirada que, amais de autoinspección, amosa empatía e espazos en que habita a preocupación polas posibles situacións ás que se enfrontan outras mulleres, sexa cal for a forma que adquiren a imposición e a represión.

Así, estas dúas voces completan o podio da presente edición dos premios aRi[t]mar, xunto ás músicas: “Morena”, dos galegos De Ninghures; e “Na Escola”, dos portugueses Os Quatro E Meia; e a entidade recoñecida co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona, a Sociedade Desportiva e Cultural do Condado.

A Gala de entrega de premios celebrarase no próximo outono, nunha data aínda por confirmar.