ACTO DE ENTREGA DO PREMIO NA CATEGORÍA A DO CONCURSO-EXPOSICIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2022

 

Con gran ledicia e satisfacción a comunidade escolar do noso centro educativo recollía o premio de mans do Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, xunto coa xefa territorial de Ourense, Dª. Judith Fernández Novoa. Na mesa de autoridades acompañaron tamén á directora Dª. Andrea Tato Vega, o alcalde de Rubiá, D. Elías Rodríguez Núñez e o escritor e historiador, D. Ricardo Gurriarán Rodríguez, familiar de Florencio Delgado Gurriarán.

O evento, preparado con moito esmero por todo o equipo docente e mailo alumnado, baixo a organización e supervisión da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contou con outros convidados e convidadas moi especiais. D. Aurelio Blanco Trincado, presidente do IEV. Tamén asistiu Dª. Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio e D. Julio Pérez Veiga, profesor e investigador sobre o autor homenaxeado. Ademais viñeron as coordinadoras dos equipos de normalización da lingua galega de Ourense e central, así como a directora do gabinete de política lingüística de Ourense, a responsable do gabinete de política lingüística do concello do Barco e a concelleira de cultura do concello de Rubiá. A Asociación de Nais e Pais do colexio estivo representada neste acto por algúns dos membros da súa xunta directiva.

Pero sen dúbida, unha das asistencias máis entrañables foron tres fillas de Florencio Delgado Gurriarán, que acudiron moi emocionadas a esta cita dende moi lonxe (México e os Estados Unidos). A todas e todos eles queremos agradecer unha vez máis a súa presenza no que para un colexio pequeno coma este supón unha celebración tan importante como é a das Letras Galegas, as nosas Letras Galegas, representadas neste ano por un autor de orixe valdeorresa. Un recoñecemento como este, ven a dar pulo á nosa escola, ao noso concello e á nosa comarca, pero especialmente, a un traballo en equipo que con moito esforzo se logrou, grazas a implicación do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa.

Florencio Delgado Gurriarán. O poeta do agro. Un poeta que estando no exilio endexamáis abandonou o seu amor pola súa terra, pola súa lingua e pola súa cultura. E por iso, quixemos brindar esta homenaxe aproveitando a ocasión, cunha pequena recreación do poema "Muiñada" que pertence ao libro Bebedeira, e que reflicte esa primeira etapa poética, onde os elementos da natureza e do agro cobran vida. Unha representación e recitación levada a cabo polo alumnado con todo o agarimo e ilusión, e tamén en agradecemento ao premio recibido.

PREME AQUÍ PARA ACCEDER Á GALERÍA DE IMAXES

RETRANSMISIÓN EN DIFERIDO A TRAVÉS DE PROMECOM

VER NOTICIA NO SIL

VER NOTICIA EN SOMOSCOMARCA.ES

RECITACIÓN E RECREACIÓN DO POEMA: "MUIÑADA" DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁ, POLO ALUMNADO DO CENTRO.

https://youtu.be/uNkTls5-7nc

 

Fotografia de grupo para a clausura do acto. Fonte: somoscomarca.es

 

CHARLA-OBRADOIRO PRIMEIROS AUXILIOS. CURSO 2021/2022

 

 

 

O pasado xoves, 5 de maio, os alumnos e alumnas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria asistiron a unha charla-obradoiro sobre primeiros auxilios. Profesionais sanitarios da área sanitaria do Barco de Valdeorras foron os encargados de levar a cabo dita actividade.

Explicaron como actuar ante situacións de emerxencia, situacións cotiás coas que nos podemos atopar no noso día a día, coma queimaduras, hemorraxias, feridas, picaduras de insectos, etc.

De forma práctica amosaron como actuar no caso de atragoarse e como facer a manobra de Heimlich. Tamén, coa axuda dun peluche, a modo de paciente, o noso alumnado aprendeu a realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP). Ademais, os sanitarios comprobaron o seu peso, altura, mediron a súa frecuencia cardíaca e o seu osíxeno en sangue.

Os nenos e nenas puideron resolver moitas dúbidas que tiñan e aprenderon moitos trucos que poden poñer en práctica se chegase o caso.

Dende o centro queremos agradecer a amabilidade e a atención prestada polos profesionais sanitarios.

Salvar vidas está ao alcance de todos nós!

PREME AQUÍ PARA ACCEDER Á GALERÍA DE FOTOS

O GUIEIRO DE FLORENCIO

A partir de hoxe xa están dispoñibles no blog O guiero de Florencio, os contidos e recursos elaboradas por nós, sobre os carteis e as guía de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta do agro. Traballo que resultou gañador na categoría A do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2022 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Preme nesta imaxe para acceder.

MENÚ COMEDOR: MAIO 2022

Achégase o menú escolar do mes de maio. Coma sempre, podedes descargalo no ficheiro adxunto.

DÍA DO LIBRO: "O ESTRAÑO SER"

Durante as xornadas desta semana (do 18 ao 22 de abril), o alumnado fixo diferentes actividades relacionadas co día do libro tanto nas aulas como tamén na biblioteca do centro, que retomou a súa actividade habitual, despois dun período de obras no colexio.

E como este ano, o 23 de abril cae en sábado, adiantamos a celebración un día antes. Na tarde do venres 22, viñeron Eva Iglesias Rodriguez e Eva Piay Fernández, autora e ilustradora respectivamente para facer en primicia a presentación e lectura do seu álbum ilustrado "O estraño ser". Un fermoso conto que ten como ensinanza a busca da importancia de saber ver máis alá das aparenzas. Xunto a elas, colaborou tamén Inés Fernández Núñez. Para seguir a lectura, todo o alumnado recibiu un exemplar do libro, agasallo do Concello de Rubiá, que nos entregou en representación do mesmo, Laura Iglesias.

Despois, un obradoiro moi entretido, no que cada quen debía poñer en xogo a súa creatividade para deseñar animais estraños e únicos, a partir dun debuxo estruturado en tres partes (cabeza, tronco e cola). Entre todos e todas, pegámolos nuns estupendos murais que previamente elaborou o alumnado de primaria, decorados como un fondo mariño.

Foi unha tarde de proveito, compartida en gran grupo para fomentar o hábito lector.

Que ben o pasamos!

PREME AQUÍ PARA IR Á NOSA GALERÍA DE FOTOS.

VER NOTICIA EN OSIL.INFO

 

 

 

USO DA MÁSCARA NO ÁMBITO EDUCATIVO: NOVAS DIRECTRICES

Resumo das directrices. Para máis info preme aquí.

USO OBRIGATORIO:

• Transporte escolar (salvo excepcións recollidas no apartado 3.1. O alumnado menor de 6 anos non está obrigado).

USO RECOMENDADO (CON CARÁCTER VOLUNTARIO):

• Persoal traballador do centro educativo.

• Alumnado do centro educativo.

• Casos sospeitosos e confirmados de COVID-19 e contactos estreitos de casos.

MENÚ COMEDOR: ABRIL 2022

Parabéns a todo o alumnado que fixo anos neste segundo trimestre:


Achégase o menú do comedor escolar para o mes de abril e lembramos que as vacacións do 2º trimestre (Semana Santa) son do 11 ao 18 de abril de 2022 (ambos incluídos).

Para descargar o menú en formato PDF, premede no arquivo adxunto.

21M: DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES

O día 21 de marzo, é o día internacional dos bosques, tamén coñecido como día da árbore, mentres que o día 22 de marzo, é o dia mundial da auga. O CEIP plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá participa, nesta ocasión, na replanta de dúas especies de árbore no noso monte local (Serra da Enciña da Lastra). Organizouse unha saída á contorna próxima en coordinación co Distrito Forestal número 13 Valdeorras-Trives. Plantamos entre todas e todos unhas 26 árbores (sobreiras e capudres ou tamén coñecidos como cancereixos) ao redor da "caseta dos cazadores". Lugar que sufriu hai menos dun ano, un lamentable incendio. 

PREME AQUÍ PARA IR Á GALERÍA DE FOTOS

A andaina ata arriba supuxo un gran esforzo, pero cando chegamos, aproveitamos para tomar o almorzo que levabamos nas mochilas. Despois de tanto traballo baixamos moi satisfeitos e satisfeitas polo bo labor medio ambiental realizado. Alí deixamos en recordo unha lousa co noso logotipo gravado e pintado a man, e sobre todo, unha fermosa experencia para poder subir co paso dos anos e comprobar como medran as "nosas" árbores. O alumnado foi agasallado con camisetas, bolsas de tea, cadernos, bolis, sementes de acivro e ata carnets de vixiantes forestais xuvenís. 

NOTICIA NA PRENSA (O SIL)

 

 

ACTUALIZACIÓN PROTOCOLO COVID

Comunicación conxunta das Consellerías de Sanidade e Educación sobre a recomendación do uso de máscaras nos patios dos centros educativos - 18/03/2022.

O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia pola covid-19, vén de acordar na súa xuntanza de onte, deixar de recomendar o uso das máscaras nos espazos ao aire libre dos centros educativos da comunidade. O grupo de expertos adoptou esta decisión tras avaliar a situación epidemiolóxica de Galicia así como a grande porcentaxe de poboación pediátrica e xuvenil vacinada. Neste senso, Galicia é a primeira comunidade en porcentaxe de poboación infantil vacinada cun 73,5% dos nenos con alomenos unha dose, o que significa 21 puntos por riba da media do Sistema Nacional de Saúde. Así mesmo, o 41,1% dos menores de 12 anos contan coa pauta completa, 13 puntos por riba da media de España.

8 MARCH: INTERNATIONAL WOMEN'S DAY

O martes, 8 de marzo, conmemorouse o Día Internacional da Muller. Na escola traballamos o retrato na sesión de plástica dentro dos programas de  plurinfantil e pluriligüismo coa teacher Laura. O alumnado debuxou principalmente rostros de mulleres moi importantes. Algunhas delas deberían aparecer sempre en todos os manuais de historia do mundo, polas súas grandes e diversas aportacións á humanidade. E outras aínda que non aparezan son, si cabe, as máis importantes na vida da nosa rapazada. Vós: avoas, nais, irmás, amigas, tías, curmás, compañeiras, mestras... Recoñecédesvos nestes fermosos debuxos?

 E na aula amarela, tamén traballaron este día con lecturas sobre a igualdade, xogos de cartas e uns bonitos debuxos engalanando un mural da clase.

Distribuir contido (C01 _th3me_)