ACTO DE ENTREGA DO PREMIO NA CATEGORÍA A DO CONCURSO-EXPOSICIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2022

 

Con gran ledicia e satisfacción a comunidade escolar do noso centro educativo recollía o premio de mans do Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, xunto coa xefa territorial de Ourense, Dª. Judith Fernández Novoa. Na mesa de autoridades acompañaron tamén á directora Dª. Andrea Tato Vega, o alcalde de Rubiá, D. Elías Rodríguez Núñez e o escritor e historiador, D. Ricardo Gurriarán Rodríguez, familiar de Florencio Delgado Gurriarán.

O evento, preparado con moito esmero por todo o equipo docente e mailo alumnado, baixo a organización e supervisión da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contou con outros convidados e convidadas moi especiais. D. Aurelio Blanco Trincado, presidente do IEV. Tamén asistiu Dª. Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio e D. Julio Pérez Veiga, profesor e investigador sobre o autor homenaxeado. Ademais viñeron as coordinadoras dos equipos de normalización da lingua galega de Ourense e central, así como a directora do gabinete de política lingüística de Ourense, a responsable do gabinete de política lingüística do concello do Barco e a concelleira de cultura do concello de Rubiá. A Asociación de Nais e Pais do colexio estivo representada neste acto por algúns dos membros da súa xunta directiva.

Pero sen dúbida, unha das asistencias máis entrañables foron tres fillas de Florencio Delgado Gurriarán, que acudiron moi emocionadas a esta cita dende moi lonxe (México e os Estados Unidos). A todas e todos eles queremos agradecer unha vez máis a súa presenza no que para un colexio pequeno coma este supón unha celebración tan importante como é a das Letras Galegas, as nosas Letras Galegas, representadas neste ano por un autor de orixe valdeorresa. Un recoñecemento como este, ven a dar pulo á nosa escola, ao noso concello e á nosa comarca, pero especialmente, a un traballo en equipo que con moito esforzo se logrou, grazas a implicación do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa.

Florencio Delgado Gurriarán. O poeta do agro. Un poeta que estando no exilio endexamáis abandonou o seu amor pola súa terra, pola súa lingua e pola súa cultura. E por iso, quixemos brindar esta homenaxe aproveitando a ocasión, cunha pequena recreación do poema "Muiñada" que pertence ao libro Bebedeira, e que reflicte esa primeira etapa poética, onde os elementos da natureza e do agro cobran vida. Unha representación e recitación levada a cabo polo alumnado con todo o agarimo e ilusión, e tamén en agradecemento ao premio recibido.

PREME AQUÍ PARA ACCEDER Á GALERÍA DE IMAXES

RETRANSMISIÓN EN DIFERIDO A TRAVÉS DE PROMECOM

VER NOTICIA NO SIL

VER NOTICIA EN SOMOSCOMARCA.ES

RECITACIÓN E RECREACIÓN DO POEMA: "MUIÑADA" DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁ, POLO ALUMNADO DO CENTRO.

https://youtu.be/uNkTls5-7nc

 

Fotografia de grupo para a clausura do acto. Fonte: somoscomarca.es