Admisión do alumnado: Garantía de permanencia e prioridade

ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 9. Garantía de permanencia no centro docente

1. O alumnado matriculado nun centro docente público ou privado concertado ten garantida a súa permanencia nel nos termos establecidos no artigo 5.1 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo tanto, o cambio de curso, ciclo, nivel ou etapa non requirirá un novo procedemento de admisión, agás que coincida cun cambio de centro.

2. O alumnado de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato que se atope nesta situación, deberá formalizar a matrícula en tempo e forma.

3. Sen prexuízo da garantía de permanencia, nais, pais ou representantes legais do alumnado poderán presentar solicitude de admisión noutro centro educativo na forma e dentro do prazo establecidos nesta orde e, ao mesmo tempo, deberán remitir ao centro de orixe copia da solicitude de admisión presentada no novo centro.

4. Os centros que admitan a alumnado procedente doutro centro, comunicaranlle a este a súa admisión. O alumnado que resulte admitido no novo centro perderá o dereito de permanencia no centro de orixe.

 

Artigo 10. Prioridade do alumnado procedente de centros adscritos (o noso centro de adscripción é o CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal)

1. O alumnado procedente dos centros adscritos de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, terá prioridade para a admisión de conformidade co artigo 9.2 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. O alumnado que pretenda continuar estudos nun centro de adscrición, para os efectos de reserva de praza neste, deberá presentar no centro de orixe o modelo normalizado que se publica como anexo I da presente orde entre os días 1 e 15 de febreiro de cada ano.

3. A dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados remitirán ao centro de adscrición unha relación do alumnado susceptible de matricularse nel para o vindeiro curso xunto coas solicitudes de reserva de praza.

 

Artigo 11. Reserva de praza

1. Cando os postos escolares dispoñibles no centro de adscrición sexan suficientes para satisfacer a demanda existente, publicarase no taboleiro de anuncios deste centro e comunicaráselle ao centro ou centros de orixe.

2. Neste caso, a reserva adquirirá carácter vinculante e será incompatible coa presentación de solicitude de admisión noutro centro, salvo renuncia expresa e por escrito presentada no centro de adscrición antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

3. A presentación de solicitude de admisión noutro centro estando vinculado por reserva terá a consideración prevista no artigo 34.1.b) desta orde para os efectos de perda da prioridade.

4. Este alumnado deberá formalizar a matrícula en tempo e forma no centro de adscrición.