Biblioteca no IES Ribeira do Louro


Unha visita virtual á biblioteca do IES Ribeira do Louro (O Porriño, Pontevedra), da man dos rapaces e rapazas que nola van ensinando...  Espazos para o traballo, a consulta, o pracer de ler e de aprender.

Normas de uso da biblioteca no Frei Sarmiento de Pontevedra


Untitled from IES Frei Martín Sarmiento (Bibl on Vimeo.

No IES Frei Sarmiento, de Pontevedra, na estela do que xa fixeran no IES de Ponteceso (Ponteceso, A Coruña) e coa colaboración do Obradoiro de Imaxe do centro e dos rapaces  e rapazas de 3º de ESO, elaboraron este vídeo para difundir as normas de uso da biblioteca. "Maneiras de vivir" a biblioteca que benefician a tod@s.

Maletas viaxeiras: "Os mundos de Cunqueiro"

O 2011 foi declarado polo Consello da Cultura Galega, "Ano Cunqueiro" por mor de celebrarse o centenario do seu nacemento.

Con este motivo, recóllense nunha nova "maleta viaxeira" algunhas das obras do escritor, xunto con outros títulos de autoría diversa, inspirados no fértil imaxinario creado por Álvaro Cunqueiro. Acompáñanse, entre outro material, dunha breve mostra de músicas publicadas a partir dos seus poemas.

As maletas "Os mundos de Cunqueiro" están dispoñibles para os centros que as soliciten, en préstamo temporal. Contacto: bibliotecasescolares@edu.xunta.es.

Esta maleta vense unir ás xa existentes de lectura, cómic e poesía, que andan a rolar polos centros de toda Galicia. A partir do vindeiro curso, estarán todas centralizadas na Asesoría de bibliotecas escolares.

Unha biblioteca escolar que se transforma: CEIP de Chans de Bembrive


Velaquí un vídeo que ilustra o proceso de transformación da biblioteca escolar en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao tempo que facilita a formación de usuarios e usuarias. Parabéns á comunidade educativa do CEIP Chans de Bembrive (Vigo, Pontevedra), pola súa nova biblioteca e polo seu traballo.

Letras Galegas en maio... e todo o ano.

Por todo o país florecen neste maio actividades culturais diversas, co fin de dar a coñecer a figura á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, pero tamén a poñer en valor a lingua e as súas posibilidades de comunicación e de expresión artística. As bibliotecas escolares non son alleas á marea poética que atravesa este ano "loisiano" e son moitos os exemplos de actividades que se impulsaron desde estes espazos educativos; tamén moitas as propostas de aula ou de centro que apoiaron cos seus recursos. Velaquí unha pequena mostra:

Recoméndase un percorrido polos blogues das bibliotecas escolares galegas para obter unha idea das actividades programadas e da súa diversidade: PRIMARIA  -  SECUNDARIA

Salvando libros: un proxecto colaborativo

 Unha vez máis, un bo feixe de bibliotecas escolares galegas puxéronse á tarefa de botar adiante un proxecto conxunto. A raíz dunha proposta inicial, a través de correos electrónicos de ida e volta, foise perfilando a idea de SALVAR UN LIBRO a fin de "chamar a atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito". Un total de 96 bibliotecas escolares de distintos niveis de ensino sumáronse a este traballo conxunto. Despois dunha fase interna, cada centro educativo elixiu un libro galego para salvar, que son os que se recollen nuns carteis, deseñados polo ilustrador Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón e que xa ten colaborado en proxectos anteriores, sempre de forma desinteresada. O traballo estivo coordinado polas responsables das bibliotecas de EEI de Vide (As Neves) e do IES Luís Seoane (Pontevedra), coa colaboración tamén da responsable do IES Sánchez Cantón (Pontevedra).

 

Unha boa representación das bibliotecas escolares galegas en Madrid

Onte, 11 de maio, celebrouse en Madrid, na Biblioteca Nacional, o acto de entrega dos premios correspondentes ao Concurso Nacional de boas prácticas en xestión e dinamización de bibliotecas escolares, do ano 2010. Como xa se difundira, un total de oito bibliotecas escolares galegas resultaron galardoadas nesta ocasión, sumándose así aos 21 premios acadados desde que se iniciou esta convocatoria, no ano 2003.  Parabéns ás comunidades educativas dos centros que recibiron onte este recoñecemento, polo seu traballo a prol da innovación educativa e pola súa contribución á construción da sociedade lectora. Imaxes

+ información: AQUÍ, aquí, aquí, aquí e aquí.

Vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares


Velaquí un vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares 2010/2011, que tiveron lugar en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de abril, coa asistencia dos responsables das 374 bibliotecas integradas no presente curso neste programa da Consellería de Educación. + información e acceso aos materiais AQUÍ (entrar como convidado).

Bibliotecas escolares de onte e de hoxe

(Premer e seleccionar esta reportaxe)

 

O día 2 de maio, no programa da TVG A Revista, emitiuse esta reportaxe sobre dúas bibliotecas escolares singulares, que responden a dúas concepcións distintas, con funcionalidades tamén distintas. Por unha banda, a biblioteca histórica do IES Xelmírez I, de Santiago de Compostela, e pola outra, a biblioteca do IES Manuel Antonio, de Vigo, unha biblioteca que responde ao actual modelo impulsado desde a Consellería de Educación, a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares, no que está integrada desde o curso 2007/2008. A celebración do Día do Libro, o pasado 23 de abril, mereceu a atención da "Galega", que emitiu estas reportaxes relacionadas coas bibliotecas: 1 - 2

23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor

As Bibliotecas Escolares non poden pararse, e menos neste mes de abril, que vén cargado de encontros, soños e actividade arredor do libro e da lectura. O vindeiro 23 de abril, aínda que sexa período vacacional, non pasa desapercibido. Este Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, é un día para reivindicar eses "lugares para a lectura" que construímos entre os lectores e os libros (calquera que sexa a forma que estes libros acaben tomando).

O poeta Carlos Negro agasallou ás Bibliotecas Escolares Galegas cun fermoso texto, "O lugar da lectura", e a Consellería de Educación editou con el un marcapáxinas para celebrar este 23 de abril de 2011. Agradecemos a Carlos Negro as fermosas imaxes do seu texto, aproveitamos para poñer a bufanda colorada e saímos pasear pola fenda do espello.

MARCAPÁXINAS (dobrar en sentido lonxitudinal)

No blogue HORA DE LER hai algúns exemplos da forma en que as bibliotecas escolares galegas celebran este día.

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 10/11

 

Os días 7 e 8 de abril celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotcas escolares.

Convocatoria Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

O DOG do 5 de abril fai pública a Orde do 17 de marzo de 2011 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e O. Universitaria, para o curso 2011/2012. Seleccionaranse 75 novos centros e, así mesmo, poderán continuar no programa aqueles centros xa integrados que presenten a documentación oportuna e acaden valoración positiva na memoria do presente curso 10/11. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, en virtude do Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares, un programa de cooperación entre as dúas administracións educativas, iniciado en 2005. O prazo de presentación de solicitudes e de documentación é de un mes, rematando pois o cinco de maio.

TEXTO DA CONVOCATORIA

ACCESO AOS ANEXOS en formato electrónico (Cubrir directamente, imprimir e enviar de forma ordinaria) 

Caderno informativo Bibliotecas Escolares de Galicia 2010/2011

Este CADERNO INFORMATIVO 2010/2011 reúne diversas informacións relacionadas coas bibliotecas escolares galegas e os programas e iniciativas da Consellería de Educación para a renovación destas bibliotecas e o fomento da lectura nos centros de ensino.

- Plan de mellora de bibliotecas escolares

- Programa HORA DE LER

Contén, así mesmo,  bibliografía e recursos electrónicos diversos.

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares 2011

O BOE de hoxe, 1 de abril, publica a Resolución da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2011. Premiaranse prácticas que se inscriban nos seguintes ámbitos:

  • A utilización da biblioteca como recurso didáctico e de integración curricular polos diferentes departamentos, áreas ou materias, a través de traballos de aula-biblioteca.
  • O uso da biblioteca como fonte de información, que favoreza o traballo interdisciplinar mediante proxectos documentais complexos.
  • A educación documental e a formación de usuarios.
  • O desenvolvemento dun plan de lectura integrado no Proxecto Educativo do centro, que implique a outros sectores da comunidade educativa, abrindo a biblioteca escolar ao medio, e establecendo redes de colaboración con outras bibliotecas.
  • O uso das tecnoloxías da información e comunicación ao servizo da biblitoeca escolar (bibliotecas virtuais, acceso ao catálogo, formación, etc.)

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de maio de 2011.

TEXTO COMPLETO DA CONVOCATORIA

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

Quentando motores.... o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.

Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.

Programa

 

Recuncho de lectura para nais e pais no CEIP O Ramo

Velaquí un bo exemplo de como aproveitar eses espazos que acostuman estar infrautilizados, ata que a imaxinación e a profesionalidade do profesorado (guiado pola necesidade e as novas funcións da biblioteca escolar) os pon en valor. No CEIP O Ramo (Fene - A Coruña) crearon este "recuncho de lectura para nais e pais", preto dos despachos de dirección, onde as familias poden aproveitar para ler mentres agardan, facendo dese tempo "un tempo útil". Esta idea ben pode iluminar outros recunchos, existentes en case todos os centros, e ganalos para a lectura. O mapa na parede... fundamental, que a percepción espacial do alumnado tamén se constrúe con estes pequenos detalles, no día a día do centro. Parabéns!!!

"O libro lembra": 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

O libro lembra. Este é o título do texto da escritora estonia Aino Pervik que serve para conmemorar a data do nacemento de Hans Christian Andersen, o 2 de abril, e que desde hai xa anos (1967), a IBBY (International Board on Books for Young people) promove como Día Internacional do Libro Infantil, co fin de estimular a creación e difusión de libros de calidade para nen@s e moz@s, e promover a lectura entre a xente máis nova. 

Cada ano, esta organización encarga un texto e unha ilustración para o cartel conmemorativo a autores dun país distinto. Nesta ocasión, Aino Pervik e Jüri Mildeberg proceden de Estonia e agasállanos con unha imaxe exquisita e unha visión do libro como testemuña dunha época e dun lugar. 

Grazas á OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) e á sección galega, GALIX, podemos acceder ao tríptico que presenta o texto de Aino Pervik nas catro linguas do Estado, e disfrutalo en galego. 

+ Información

Texto do escritor DAVID OTERO sobre o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Versos a moreas!!!

"a poesía ten mil caras e emana sempre do máis fondo da cultura dos pobos". 
Andan nestes días as bibliotecas escolares galegas "a poemar", a dicir versos, a cantalos, a darlles vida...
que os versos gustan do aire libre e de enredar con nen@s e grandes;
andan as nenas e nenos galegos a facer visibles esas mil caras, e outras mil máis, 
que a palabra poética é quen de construír...
Lembramos dous poemas que se difundiran co gallo do Día do Libro, 2009 da man de Ramiro Fonte e de Gloria Sánchez, ámbolos dous sobre o libro e a biblioteca como tema.

Formación de usuarios en clave de "lipdub" no IES Fontem Albei

 


A formación de usuarios e usuarias pódese facer de moitas maneiras, pero cando se aúna humor, participación, música, visibilidade e bo facer, o éxito está asegurado. Velaquí o primeiro "lipdub" dunha biblioteca escolar galega. Parabéns ao equipo de Biblioteca do IES FONTEM ALBEI (A Fonsagrada, Lugo), por esta iniciativa!

"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para,  ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas"

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 8 de marzo, unha das datas claves no calendario civil para a formación dos cidadáns, que son, os rapaces e rapazas do país, as bibliotecas escolares ofrecen oportunidades de aprendizaxe diferenciadas, nas que se aúna lectura e investigación, valores e sensibilidade, convicción e desexos de xustiza e de igualdade. A título de exemplo, algunhas destas actividades das que nos foi chegando noticia:

Rosalía de Castro... vive nas bibliotecas escolares galegas

Unha das datas do "calendario da lectura" en Galicia é o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Calquera momento do ano é bo para achegarse á escritora, pero na Biblioteca Escolar do CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela-Redondela (Pontevedra), aproveitan para recompilar materiais e realizar propostas ao alumnado, abrindo novas vías para dar a coñecer a súa obra. Elaboraron unha guía que titulan RABUÑANDO CANTARES na que podemos atopar as distintas edicións dos libros de Rosalía que poden resultar máis próximos ás nenas e aos nenos, así como discos de diferentes autores que versionaron os seus poemas ou lle dedicaron as súas creacións. Contén propostas de actividades para os distintos ciclos de ensino infantil e primaria e unha selección de recursos electrónicos para ampliar a mirada sobre esta autora clave da nosa literatura e do noso universo cultural, polo que é tan necesario axudar a camiñar aos máis novos, ás máis novas. Parabéns á "caracola Tola" e a todo o seu equipo.  

A biblioteca do IES SAN PAIO, de Tui (Pontevedra) preparou tamén materiais específicos en relación con ROSALÍA DE CASTRO e a conmemoración do día 21 de febreiro  do Día Internacional da Lingua Materna.

Namórame con lecturas! Propostas de febreiro nas bibliotecas escolares galegas

cartel concurso mensaxes de amorSon moitas e moi variadas as propostas que desde os Equipos de Biblioteca, en colaboración ás veces cos equipos de Normalización Lingüística, se lle están facendo á rapazada co gallo do 14 de febreiro, data que (sendo estritamente comercial) ben se pode mudar nunha oportunidade para atraer ao alumnado á lectura e á escritura. Un modo contundente de recoller os seus intereses a, a partir deles, incentivar máis usos de cultura escrita. Algúns exemplos:

Recomendacións de lecturas matemáticas

cartel IV Certame Matmonólogos - IES Monelos

 

O IES MONELOS de a Coruña publica un boletín de divulgación matemática, TETRACTIS, no que podemos acceder, ademais de moitas outras propostas de interese, a unha relación de lecturas recomendadas arredor das matemáticas.

Salienta, así mesmo, a convocatoria do IV Certame de Matmonólogos, de participación aberta, establecéndose varias categorías e cun prazo de presentación de guións que remata o 28 de abril. Está publicada en Tetractis a información sobre as pasadas edicións.

 

Conclusións do II Congreso Leer.es

 


Baixo o lema "Leer para aprender. Nuevas alfabetizaciones", celebrouse en Madrid, no mes de novembro de 2010 o II Congreso Nacional Leer.es. Nas conclusións contémplase un apartado específico para as bibliotecas escolares, que comeza así:

"As bibliotecas escolares, coma centros de recursos e servizos de apoio á aprendizaxe, constitúen un medio privilexiado para o desenvolvemento de todas aquelas competencias relacionadas coa lectura e otra tamento da información. Nun contexto dixital, a biblioteca amplía os seus obxectivos e funcións e involúcrase claramente no proceso educativo, facilitando as novas alfabetizacións e reforzando as máis tradicionais. "

Convidamos a ver todo o documento

Ler e xogar nunha Escola de Educación Infantil

Desde a Escola de Educación Infantil Barrionovo - Pastoriza, de A Coruña, achégannos información do aproveitamento que están a facer das bolsas dos "libros que van e veñen".
No vídeo que pode verse aquí vese todo o proceso no que participa o alumnado da escola, desde que escollen o seu libro e levan para a casa, ata que despois de lido fan os seus "apuntamentos" no caderno "xogar e ler".
Agradecemos ao profesorado este documento que exemplifica tan ben unha actividade de formación da competencia lectora, de adquisición de autonomía persoal na selección das lecturas... e de moitas máis habilidades que se están a practicar, coa lectura como mediación.