Skip to Content

Inspiradora charla nas Xornadas de Orientación do IES Xoán Montes

Hoxe, 17 de abril, nas Xornadas de Orientación que para 4º de ESO se organizan desde  Orientación no noso centro, puidemos desfrutar dunha charla realmente motivadora.

María Losada Burgo, exalumna do centro, músico que toca o fagot e vive diso en Amsterdam, contounos non so toda a súa experiencia vital senón a forma na que se enfrentou e se enfrenta a todas as decisións. Leccións inspiradoras para un público que escoitou en absoluto silenzo, mostra de que o seu relato e a súa forma de comunicalo nos fascinou. 

Saír da zona de confort, perseguir os soños, buscar o equilibrio entre o traballo e o cuidado a un mesmo, apoiarse nos amigos, innovar... todo isto e moito máis tivo cabida nese tempo, que soubo a pouco, e que nos fixo admirar a súa perseverancia e optimismo.

Agradecemos inmensamente que compartises connosco tanto... es unha gran referente para todos!

Actualización! No arquivo adxunto pode verse un resumo da charla que María tivo a amabilidade de prepararnos,  xa que non puido verse no seu día, e tampouco puido mandárnola como presentación. Grazas de novo!

Charla de María Losada Burgo. Imaxe de Beatriz López

Visita a Escola de Idiomas de Lugo

O pasado venres 12 de abril os alumnos e alumnas de Francés de 3º e 4º de ESO e 1º BAC, acompañados polas profesoras de Francés e a profesora de Prácticas pasaron unha agradable xornada na Escola Oficial de Idiomas de Lugo, facéndonos de anfitrións todos os membros do departamento de Francés da Escola. O noso alumnado recibiu información sobre os estudos que se poden facer na EOI de Lugo, fixeron unha Escape Room virtual con actividades en todas as linguas que se estudan na EOI e participaron por equipos nunha xincana de lecto-escritura en Francés. Pasáronno moi ben, aprenderon e ata foron agasallados con pequenos souvenirs da Escola e cun aperitivo.

Moitas grazas á EOI de Lugo e en particular ao seu Departamento de Francés, foi un pracer pasar ese tempo con vós e agardamos que moitos alumnos e alumnas do Xoán Montes se animen a estudar alí unha lingua estranxeira!

EOI Lugo

16 de abril: Día Mundial do Emprendemento

Hoxe, 16 de abril, celébrase o Día Mundial do Emprendemento en homenaxe ás persoas que levan a cabo proxectos e iniciativas baixo un espírito emprendedor.

No noso centro, aproveitamos para reflexionar sobre o que significa emprendemento grazas á exposición fotográfica "Enredadas no cambio" coa que contamos estes días nos nosos corredores.

exposición

Alumnado de 2ºESO coñecendo a 7 emprendedoras. Foto de Marta Coria

 

Charla USC A ponte: Emerxencia climática

O profesor Germán Vargas da USC impartiu unha interesante charla sobre Emergencia climática. Reflexionamos sobre a situación actual e achegámonos a propostas concretas que podemos levar a cabo dun xeito sinxelo para mitigar o efecto do cambio climático no planeta.

"O desafío radica en atopar o noso lugar neste mundo e ubicarnos, de forma armoniosa, xunto a outras vidas".

charla USC

Charla "Emerxencia climática". Foto de Marta Coria

Dinamización da exposición "Enredadas no cambio"

O venres 12 de abril unha monitora da ONG Taller de Solidaridade achegou a parte do alumnado a exposición de Enredadas no cambio que temos temporalmente no centro.

Reflexionaron sobre o emprendemento e a súa relación co concepto de éxito empresarial, e trataron a importancia do empoderamento feminino e de ter referentes deste xénero. 

Dinamización Enredadas no cambio Imaxes Beatriz López

Honrosa participación nas Olimpíadas Galegas de Economía

Hoxe 12 de abril, foron as Olimpíadas de Economía na Facultade de ADE de Lugo,

Do noso instituto participaron dous alumnos, en realidade dous valentes, porque con toda a presión que supón o curso de 2º de bacharelato, e tendo en conta que entraba tamén temario de 1º de bacharelato, decidiron preparar e presentarse ao exame ás 16:15 da tarde. Xa so por todo iso merecen a nosa admiración. E ademais, no exame caeron preguntas que non aparecían no temario que figuraba nas bases.

Aínda así trataron de facer un bo traballo e o fixeron. Noraboa a José Leal Corral e a Martín Rico Álvarez, quen ademáis quedou como finalista no sexto posto! polo que recibíu diploma. 

 Olimpíadas de Economía José Leal e Martín Rico Imaxe de Beatriz López

CONCURSO DE RECICLAXE

Ao longo do mes de abril e a primeira quincena de maio levarase a cabo no centro un concurso de reciclaxe co obxectivo de concienciar á comunidade educativa da necesidade e posibilidade dunha escola máis limpa e ecolóxica. 

Os cursos participantes da ESO terán que ir superando retos semanais para acadar puntos. A clase que cumpra o desafío con maior implicación recibirá un premio polo esforzo. Aínda que sen dúbida o premio é colectivo por camiñar cara a hábitos máis coidadosos co noso planeta.

cartel ECO

Viaxe fin de etapa a Lisboa 4º ESO

No seguinte documento atópase a información da viaxe a Lisboa para o alumnado de 4º ESO que terá lugar entre os días 12 e 17 de maio.

Viaxe Lisboa

Acreditación competencia dixital 2º BAC

Lembrade que o vindeiro luns día 15, ás 9:40 terá lugar a proba para a Acreditación Dixital do alumnado 2º BAC.

O alumnado deberá traer o seu DNI. O alumnado de 2º BAC A irá a aula Informática 1 e o alumnado de 2º BAC B/C a aula Informática 2.

Instrucións para o alumnado.

A pegada dixital. Charla de AMTEGA e a USC

O pasado luns, 8/04/24, o alumnado de 3º ESO do noso centro desfrutou dunha charla temática sobre “a pegada dixital” impartida polo abogado de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) D. Manuel Rivas no salón de actos da Delegación territorial da Xunta en Lugo.

Esta charla está enmarcada dentro do Programa A Ponte da USC.

pegada

Charla "A pegada dixital". Fotografía de Julián Rodríguez

 

Distribuir contido


by Dr. Radut