Mates

Proxecto Erasmus+ MATES. Experiencia Piloto en Formación de Formadores en Enerxía Eólica

Os Departamentos de Enerxía e Auga e Instalación e Mantemento do IES Universidade Laboral, participaron nos últimos catro anos no Proxecto MATES (Maritime Alliance for fostering the European Blue Economy through a Marine Technology Skilling Strategy) no marco do Programa Erasmus+ da Unión Europea, proxecto do que é socia a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e cuxo promotor é CETMAR.

Dentro de tódalas accións desenvolvidas é destacable a Experiencia Piloto desenvolvida polo Departamento de Enerxía e Auga en relación á formación de profesorado en enerxía eólica. Esta formación técnica en enerxía eólica está a cobrar especial importancia a nivel global debido ao avance de grandes proxectos de enerxía Offshore á vez que se seguen desenvolvendo proxectos de parques eólicos en terra firme. Esta Experiencia Piloto de formación de formadores en enerxía eólica forma parte das accións desenvolvidas dentro do Proxecto MATES.

Esta proposta xorde da necesidade de formar a profesorado técnico nas habilidades necesarias para formar aos futuros traballadores do sector eólico, debido á dificultade por parte deste colectivo para obter información e formación aplicada neste sector.

A formación comeza no IES Universidade Laboral de Culleredo en Culleredo para emprender esta aventura na que pasaremos por diferentes escenarios fundamentais na formación en enerxía eólica. Esta primeira sesión é o punto de partida, coñecendo os principais equipos dunha turbina eólica a través da plataforma de formación en enerxía eólica satmawind.com, dispoñible en tres idiomas e financiada cun Premio de Innovación da Consellería de Educación, Cultura e Universidade da Xunta de Galicia. Os asistentes teñen a oportunidade de coñecer o funcionamento da plataforma así como de coñecer en profundidade o funcionamento do sector e as turbinas eólicas tanto offshore como onshore.

A formación continúa nas instalacións de Inaudita onde os asistentes reciben a formación necesaria para poder acceder a un aeroxerador. Equípanse cos arneses, cascos e demais equipos de seguridade mentres lles dan instrucións para o correcto uso e inspección dos equipos de seguridade para traballos en altura. Os profesores e profesoras realizan diversas prácticas nas estruturas deseñadas para ese efecto seguindo en todo momento as indicacións dos monitores, trátase dunha sesión práctica de subida e desprazamento en altura con seguridade para, posteriormente descender coa polea.

Nesta sesión práctica adéstranse na utilización do equipamento técnico nas condicións que se atoparán ao acceder á turbina eólica. Desenvólvese unha simulación de accidente en espazo confinado e elevación desde o interior dun espazo sen iluminación, que forma parte do adestramento ao que se someten os traballadores do sector eólico. Mentres un grupo de profesorado desenvolve esta actividade, outro grupo atópase coa formación en extinción, para a que eliminan un conato de incendio por medio de extintores portátiles.

Nas instalacións desta empresa dispoñen dunha góndola de aeroxerador e os asistentes simulan unha evacuación en caso de incendio, con xeración de fume incluída.

Na terceira sesión estamos no Parque Eólico Experimental de Sotavento, en Xermade na Provincia de Lugo, trátase dun Parque eólico moi característico pois ten instaladas diferentes máquinas para a súa análise e estudo. Este Parque é un referente na Divulgación das Enerxías Renovables en Galicia.

Os asistentes equípanse a pé de aeroxerador, póñense os traxes, o arnés, casco, luvas e equipo de ascenso e comezan a subir ordenadamente.

Durante o percorrido de ascenso o monitor os guía no recoñecemento de compoñentes do aeroxerador, que repasaron na primeira xornada do curso. Unha vez arriba, acceden á nacelle que, nesta máquina pode abrirse permitindo un maior espazo para o movemento e os alumnos son guiados a través dos equipos principais e auxiliares da turbina eólica.

Este tipo de experiencias é importantísima para a formación do profesorado que vai formar a futuros traballadores do sector eólico, doutra maneira o coñecemento adquírese de maneira teórica e a práctica en Formación Profesional, é a clave.

Visitamos as instalacións de Grupo Intaf en Narón, formado por 5 empresas que abarcan multitude de traballos relacionados co sector eólico. Recíbenos D. José Ramón Franco Caaveiro, xerente do grupo e pasamos polas diferentes empresas do grupo. Aquí, en Sincro Mecánica e Evolventia, dan servizo a toda a cadea de valor do mantemento do tren de potencia dos aeroxeradores. Podemos ver engrenaxes, eixos de máquinas, bancos de ensaio do tren de potencia, equipos de mecanizado, máquinas de multitude de fabricantes e de diferentes países de procedencia. En Intaf Promecan podemos ver algún proxecto innovador, como a reparación de coroas de xiro de aeroxeradores in situ, ou algún outro proxecto que están a desenvolver.

Chegamos ao centro loxístico que Enel ten nas Pontes de García Rodríguez, nestas naves e nas súas campas atópanse os repostos, tanto para mantemento preventivo como grandes correctivos, desde substitución de xerador ou multiplicadoras, substitución de pas, ata equipamento necesario para equipos máis pequenos, tales como motores de equipos auxiliares ou aceite para os trens de potencia.

Este centro loxístico alberga referencias para multitude de máquinas existentes nos Parques Eólicos de Enel.

Como remate da Experiencia Piloto, atopámonos na casa dos organizadores, o IES Universidade Laboral, un centro de Formación Profesional situado en Culleredo e no que levan anos impartindo Ciclos Formativos relacionados coa Enerxía e a Eficiencia Enerxética e como non, coa Enerxía Eólica. Nesta sesión levamos o aeroxerador directamente á aula, da man de D. Jaume Reinoso, de Reinoso Consultors, que nos explica o funcionamento e manexo de Simulwind, unha ferramenta de Realidade Virtual que se modelou un aeroxerador así como un taller e, na que o alumno ten que seleccionar ferramentas e equipos para operacións de mantemento.

En Simulwind a inmersión é total e a sensación é moi similar á que experimentamos nun aeroxerador. Esta tecnoloxía cada vez é máis necesaria para poder experimentar previamente as situacións sen incorrer nun risco ou nun custo excesivo pois a inmersión na contorna é total.

Con esta experiencia piloto tratouse de achegar a un grupo de profesoras e profesores aos traballos que se desenvolven no sector eólico, formación, seguridade, mantemento correctivo e preventivo, loxística e cada vez máis, introdución de novas tecnoloxías aplicadas, tanto aos propios traballos, como á formación dos futuros traballadores desta enerxía procedente do vento.

Mates dunha ollada

PROGRAMA

Erasmus +

INSTRUMENTO

Sector Skills Alliances (SSA)

ORZAMENTO TOTAL

4.9 millóns

DURACIÓN

Xaneiro 2018-decembro 2021 (48 meses)

COORDINADOR

Centro Tecnológico del Mar (­­­Fundación CETMAR), Spain

CONSORCIO

17 socios de 8 países

PÁXINA WEB

projectmates.eu/

 Obxectivos

O obxectivo de MATES é desenvolver unha estratexia de habilidades que aborda os principais motores do cambio á industria marítima, en particular a construción naval e as enerxías renovables offshore. Ambos sectores están fortemente ligados e requiren novas capacidades para ter éxito nunha economía cada vez máis dixital, verde e orientada ao coñecemento.

Como liña de acción transversal, MATES realizará un sólido plan de difusión e divulgación. Isto ten como obxectivo aumentar o atractivo da industria marítima, en particular as carreiras nos sectores da construción e offshore de enerxía renovable, e asegurar a futura adopción da estratexia.

MATES validará accións e prioridades suxeridas pola estratexia de habilidades mediante a configuración de 11 casos prácticos. Estes estudos de caso probarán os conceptos MATES sobre habilidades dixitais, habilidades verdes, mobilidade, xestión da innovación, desenvolvemento de currículos e alfabetización oceánica.

Ademais, o proxecto ampliará as percepcións das iniciativas de Cultura Oceánica ao integrar unha perspectiva industrial adecuada. Distribuirá unha imaxe actualizada para a industria marítima e enviará unha mensaxe convincente sobre o futuro da alta tecnoloxía e o futuro do sector marítimo.

Resultados esperados e impacto

  • Desenvolvemento dunha Estratexia e Plan de Acción a longo prazo para afrontar a escaseza de habilidades actuais e futuras.
  • Establecemento e implicación dunha rede europea de proxectos, iniciativas, organizacións e expertos.
  • Identificación de habilidades futuras e necesidades de competencia e desenvolvemento da formación e currículos correspondentes.
  • Maior aliñamento das necesidades da industria e os perfís profesionais coa formación e os currículos.
  • Validación das vías de formación e educación para aumentar de forma efectiva a empregabilidade e as oportunidades profesionais.
  • Realización exitosa de 11 experiencias piloto e identificación de recomendacións para a estratexia a longo prazo.
  • Industrias dirixidas mellor equipadas para responder aos desafíos que representan as tecnoloxías dixitais, de datos e ecolóxicas, a través do acceso a unha forza de traballo máis cualificada.
  • Maior resiliencia no mercado laboral marítimo e salvagarda dun emprego estable nos sectores da construción naval e offshore.
  • Unha industria marítima europea máis competitiva, con maior atractivo das carreiras marítimas para titulados e traballadores cualificados na primeira carreira.
  • Transferencia e explotación do coñecemento en apoio do Blue Growth.
Distribuir contido