Curso 2017-18

1° premio no concurso Miniempresas Coruña 17-18

O alumnado da FP básica de Fabricación e Montaxe do IES Universidade Laboral conseguiu o 1° premio no concurso Miniempresas Coruña 17-18 coa súa cooperativa Edukart. Esta iniciativa forma parte do programa de emprendemento Lanzadeiras, a cargo da Fundación Alcoa e a Consellería de Educación. Edukart é unha miniempresa que se dedica ao aluguer de karts e circuítos de educación vial dirixido a centros educativos de diferentes niveis. Os karts e os sinais do circuíto son feitos pol@s soci@s cooperativistas e presentan a particulariedade de empregar para a súa elaboración material reciclado na súa meirande parte.

Alumna finalista na Olimpiada de Bioloxía

Este xaneiro de 2018 celebrouse a XIII Olimpiada de Bioloxía e, en representación da Universidade Laboral acudíu a nosa alumna de 2º-D Esperanza Moreno Parcero.

Foi unha experiencia fecunda porque ademáis da realización das consabidas probas teóricas e prácticas, puideron visitar catro dos laboratorios da facultade e intercambiar experiencias con outros alumnos de centros da comunidade, o cal enriquece o factor humano destes actos.

PROXECTO PREMIADO. NEVEIRA DOMÓTICA

Un novo proxecto do noso centro foi premiado en Innova FP. O proxecto desenvolverase coa colaboración entre o IES Universidade Laboral (centro coordinador) e o IES Terra de Soneira. Este proxecto educativo consiste no deseño e construción dun prototipo de neveira domótica que funcionará mediante un microcontrolador arduino programado a través dun entorno gráfico de programación baseado en bloques de Scratch.

O proxecto farase empregando hardware e software de libre acceso. O hardware libre está constituído polos dispositivos con especificaciones e esquemas de acceso público, os cales permiten múltiples aplicacións cun custo reducido.

O desenvolvemento do proxecto inclúe, no IES Universidade Laboral, a formación dunha empresa modelo, o mecanizado e a montaxe da envolvente metálica do prototipo, a instalación do illamento e do equipo de refrixeración. Pola outra banda, no IES Terra de Soneira tamén se constituirá unha empresa semellante que levará a cabo a xestión administrativa, laboral e comercial que precise a empresa encargada da fabricación do prototipo.

Premio de Innovación. Proxecto de mobilidade renovable

De novo o IES Universidade Laboral foi premiado por un proxecto científico, neste caso de Mobilidade Renovable.

O proxecto consiste no deseño e instalación dunha instalación solar fotovoltaica para recarga de vehículos eléctricos, así como unha aplicación informática para a xestión de quendas e monitoraxe de consumos, co fin de potenciar iniciativas innovadoras e demostrar a viabilidade de proxectos relacionados coas enerxías renovables, en particular fotovoltaica.

Foi desenvolvido en colaboración co IES San Clemente de Santiago de Compostela.

 

 

Premio de innovación educativa Desafíos STEM

O grupo de alumnos do curso de 2º de Formación Profesión Básica en Fabricación e montaxe (curso 2016-17) recibiu da Consellería de Educación o premio de innovación educativa Desafíos STEM impresión 3D, polo seu proxecto "O noso taller 3D".

A súa proposta está baseada na réplica dun taller, con diversa ferramenta de uso habitual, así como un decorado exterior cunha fonte de auga e iluminación mediante un mini panel solar. Esta idea e un compendio de todo o aprendido en diversos módulos do ciclo xunto co debuxo asistido por ordenador e a aposta por engadir a impresión 3D no seu aprendizaxe.

Programa Lanzadeiras para o Proxecto Miniempresas Coruña 2017-2018

O noso centro foi seleccionado no programa Lanzadeiras co proxecto Edukart, que será desenvolvido polo alumnado de FP básica de Fabricación e montaxe.

O proxecto Miniempresas Coruña pretende fomentar a educación emprendedora a través da creación de miniempresas e outras propostas didácticas que impliquen a colaboración dos equipos docentes, a dinamización da comunidade educativa e a conexión co entorno, todo isto potenciando as capacidades profesionais e persoais do alumnado. Esta acción desenvólvese dentro do plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende e establécese dentro do ámbito de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa.

Distribuir contido