Skip to Content

Agregador de novas

Carmen Pomar sinala a formación do profesorado como un dos eixes do ensino público galego

Novas da Consellería - Ven, 01/24/2020 - 18:45
Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na apertura do III Curso de Formación do Profesorado de Química do Ensino non universitario, unha actividade organizada polo CiQUS e pola Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención a conselleira salientou que a formación permanente do profesorado é un dos eixes do ensino público galego e unha das súas principais fortalezas. De feito, máis do 75% dos centros  (un total de 876) contan cun plan de Formación Permanente do Profesorado propio (PFPP). 

Pomar agradeceu aos docentes presentes o seu esforzo e “o grao de responsabilidade co que afrontades o compromiso de formación que este traballo vos demanda”. Neste sentido sinalou que “o compromiso dos docentes co seu labor é un activo indispensable para acadar a excelencia, a innovación e a inclusión educativa”. “Galicia conta con profesionais excelentes no desempeño dunha profesión que é unha das máis importantes para a sociedade”, engadiu.

O obxectivo do curso, que se desenvolve hoxe e mañá na Facultade de Química e ao que asisten 60 profesores de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, é favorecer a posta en común de avances e experiencias entre os docentes desta materia de todos os niveis educativos. Ademais da conselleira, na inauguración participaron o director do CiQUS, José Luís Mascareñas; o vicedecano da Facultade de Química da USC, Pedro Rodríguez Dafonte; e o coordinador do curso, Diego Peña.

CursosEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesorado

Carmen Pomar sinala iniciativas como a Escudería UVigo Motorsports como exemplo da calidade do Sistema Universitario de Galicia

Novas da Consellería - Ven, 01/24/2020 - 15:55
Summary:  Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, coñeceu esta mañá en primeira persoa o proxecto de novo monopraza que están desenvolvendo os universitarios da Escudería UVigo Motorsport. A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou esta iniciativa como un exemplo da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e das ensinanzas que nel se imparten; e lembrou que a Xunta de Galicia está a facer unha aposta firme cara unha universidade especializada e de calidade, que funcione como polo de dinamización socioeconómica do noso país.

Neste sentido cómpre impulsar os Centros de Investigación, axentes punteiros nesta materia. Precisamente a Consellería vén de destinar preto de 5 M€ aos tres centros de investigación da UVigo, en concreto o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTIC), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM).

Información xeralUniversidadeConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnado

A entidade para a Lingua Frisoa coñece o modelo plurilingüe de Galicia no CEIP Raíña Fabiola

Novas da Consellería - Ven, 01/24/2020 - 13:50
Summary: Carmen Pomar visitou esta mañá o centroA conselleira aproveitou a visita para comprobar o resultado da obra de rehabilitación integral executada Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Raíña Fabiola (Santiago de Compostela), onde se reuniu cun grupo de representantes da Entidade para a Lingua Frisoa (DINGtiid), organización non gubernamental que ten atribuídas as funcións de asesoría ao goberno da rexión de Frisia (Países Baixos) en materia de política lingüística.  Na reunión participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

 

O obxectivo da súa visita a Galicia é coñecer e estudar o modelo plurilingüe galego para elaborar un informe con propostas para o seu Goberno, que estuda facer cambios lexislativos e organizativos neste campo. De feito, os representantes da entidade tiveron a oportunidade de visitar unha aula deste centro para comprobar in situ a convivencia harmónica de linguas.

Nestes dous días, esta delegación coñecerá diferentes institucións relacionadas co galego, tales como a Real Academia Galega da Lingua, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, o Instituto da Lingua Galega, o Consello da Cultura Galega, así como a Xunta de Galicia, tanto a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística como da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

No relacionado coa Consellería decidiuse amosar o funcionamento do sistema directamente a través da visita do grupo de representantes de DINGtiid a un centro educativo, onde tamén puideron reunirse coa persoa responsable do equipo de normalización lingüística do CEIP.

Obra de rehabilitación integral

Durante a súa visita ao CEIP Raíña Fabiola, a conselleira aproveitou para comprobar o resultado da obra de rehabilitación integral, executada por importe de 625.467,48 euros, grazas á que as máis de 250 alumnas e alumnos gozan este curso dun centro totalmente renovado.

A titular do departamento educativo do Goberno autonómico destacou que a actuación redunda nun aforro enerxético do 22,3% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 28,1% en emisións de CO2.

Isto é posible polo mellor illamento do centro, a través da colocación de sistema envolvente SATE na fachada do volume principal, aula de música e comedor. Así mesmo mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de madeira, acabado ao esmalte, e con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo; e instaláronse novas luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns.

Por outra banda, renovouse o acabado da cuberta plana do volume principal, colocando unha nova de lousa filtrón. No resto de cubertas do edificio principal realizáronse traballos de mantemento e reparación da cuberta vexetal existente. Ademais retirouse a árbore do patio que estaba danando a fachada.

Ademais do relativo á mellora da eficiencia enerxética, a actuación incluíu a mellora do sistema de ventilación, o pulido do pavimento de terrazo e a colocación de falso teito acústico de cartón xeso no interior da edificación e paneis de virutas de madeira no patio exterior e zonas porticadas. Nestas zonas exteriores tamén se desenvolveron traballos de pintado e mellora do sistema de drenaxe.

Realizáronse, asemade, melloras na accesibilidade da varanda da escaleira interior, coa colocación dun pasamáns.

Lingua galegaConstrucións e mellorasEducación infantilEducación primariaConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalOutras entidadesCentros

Máis do 75% dos centros educativos públicos contan con Plans de Formación Permanente de Profesorado co apoio da Consellería

Novas da Consellería - Mér, 01/22/2020 - 10:51
Summary: Serán un total de 876 os que os desenvolvan este anoA finalidade é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar a resolución da convocatoria dos centros públicos de Primaria, ESO e Bacharelato que van implantar Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) neste curso 2019/20. O obxectivo é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, e buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade do ensino e dos resultados escolares do alumnado.

Serán un total de 876 os centros os que desenvolvan esta iniciativa, dos que 343 son da provincia da Coruña, 120 da de Lugo, 98 da de Ourense e 315 da de Pontevedra, coa seguinte distribución:

PROVINCIA

Centros con plans de continuidade

Centros con plans novos

A Coruña

160

183

Lugo

53

67

Ourense

21

77

Pontevedra

277

38

Total Resultado

511

365

 

Neste momento contan con PFPP máis do 75% dos centros galegos e cada ano continúa incrementándose o número destes plans. A relación completa de centros seleccionados pode consultarse na ligazón: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/29960 .

Tanto durante o proceso de solicitude como ao longo de todo o desenvolvemento do plan (cuxa duración oscila entre dous e catro cursos académicos), os centros reciben o apoio da rede de formación dependente do Consellería, a través dun asesor de formación asignado que guía este proceso e que se encarga de organizar as distintas xornadas de formación e de poñer en contacto os centros cos relatores que lles interesen.

A convocatoria artellouse arredor de 11 liñas de traballo, entre as que se sinala como prioritaria a de Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial. Ademais desta liña os plans de formación poden abordar a planificación estratéxica das linguas no centro, a integración didáctica das TIC, a escola inclusiva e atención á diversidade, a convivencia escolar e clima da aula, a actualización científica e didáctica do profesorado, a mellora da xestión dos centros, os programas europeos e internacionais, a biblioteca escolar, as iniciativas formativas no ámbito STEM e a orientación vocacional e profesional.

Neste sentido cómpre sinalar que todos os centros educativos que desenvolven as convocatorias STEM impulsadas pola Consellería (EDixgal, Espazos Maker, STEMbach, Club de Ciencia...) teñen asociados un PFPP que se enmarca dentro da liña Iniciativas formativas no ámbito STEM.

Proxectos Erasmus+

Por outra banda, a través da liña destinada aos Programas europeos e internacionais dos PFPP estáselles a prestar formación e apoio aos centros educativos galegos que desenvolven proxectos Erasmus+, tanto para realizar as solicitudes nas diferentes accións da convocatoria como para desenvolver os proxectos nos que están involucrados.

Do desenvolvemento destes plans de formación tamén xorde a colaboración para os distintos proxectos Erasmus+ que lideran os Centros de Formación e Recursos (CFRs) e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).

Ademais, desde os PFPP tamén se fomenta o emprego da plataforma e-Twinning, a través da que os docentes poden traballar de xeito colaborativo con outros centros de ensino de toda Europa.

Proxectos de Formación Permanente do ProfesoradoEnsinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalServizo de Formación do ProfesoradoProfesoradoCentros

Relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional para impartir a especialidades de informática (590107) e de sistemas e aplicacións informáticas (591227)

Novas da Consellería - Mar, 01/21/2020 - 16:11
Idioma GallegoAnuncio principal: Apertura das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de PES, especialidade de informática (590107) e no corpo de profesores técnicos de formación profesional, especialidade de sistemas e aplicacións informáticas (591227)

Resolución do 21 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de ensino secundario, especialidade de informática (590107) e no corpo de profesores técnicos de formación profesional, especialidade de sistemas e aplicacións informáticas (591227).

Servizo relacionado: Listas de substituciónsTema: Interinidades e substituciónsEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime EspecialColectivo: Profesorado

Resolución pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional para impartir as especialidades de cociña, pastelaría e soldadura

Novas da Consellería - Mar, 01/21/2020 - 16:03
Idioma GallegoAnuncio principal: Apertura das listas de interinidades e substitucións no corpo de PES, especialidade de debuxo, alemán e organización e proxectos sistemas enerxéticos; no corpo de PTs de formación profesional, especialidade de cociña e pastelaría e soldadura

Resolución do 21 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores técnicos de formación profesional, especialidade de cociña e pastelaría (591201) e especialidade de soldadura (591228).

 

Servizo relacionado: Listas de substituciónsTema: Interinidades e substituciónsEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime EspecialColectivo: Profesorado

Corrección de erros á relación provisional de persoas admitidas e excluídas e baremo provisional das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade de alemán

Novas da Consellería - Mar, 01/21/2020 - 15:51
Idioma Gallego

Corrección de erros á Resolución do 20 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade de alemán (592001), chinés (592004), italiano (592012) e xaponés (592013).

Advertido erro na relación de persoas excluídas da lista de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas da especialidade de alemán (592001), publicada o día 20 de xaneiro de 2020, procédese a corrixir dito erro.
 

Anuncio principal: Apertura das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade de alemán, chinés, italiano e xaponésTema: Interinidades e substituciónsEnsinanza: Ensinanzas de idiomas de réxime especialDepartamento: Servizo de Profesorado de Educación Infantil e PrimariaColectivo: Profesorado

Carmen Pomar destaca un investimento de máis de 800.000 euros na rehabilitación integral do IES de Monelos

Novas da Consellería - Mar, 01/21/2020 - 11:44
Summary: A conselleira de Educación visitou hoxe o centroAs obras beneficiarán ao equipo docente e aos máis de 460 estudantes do institutoAdemais redundan nun aforro enerxético de máis do 50% e nun maior confort para a comunidade educativa Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Monelos, onde destacou que o seu departamento vén de investir 838.261,07 euros na obra de rehabilitación integral do centro, unhas obras que beneficiarán aos máis de 460 estudantes do centro e ao equipo docente. A actuación, segundo explicou, redunda nun maior confort para a comunidade educativa, ademais de nun aforro enerxético de máis do 50%. Nestes momentos a obra está a piques de concluír, pendente só dalgúns remates.

Co fin de mellorar a eficiencia enerxética do centro colocouse sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE e mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Así mesmo renováronse as persianas e substituíronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con regulación lumínica e detectores de presenza. Ademais cambiouse a caldeira de gasoil por tres caldeiras de combustión de Gas Natural e instaláronse paneis solares. A maiores cambiouse o material de cubrición por panel sándwich de chapa prelacada de aceiro na zona antiga do centro e con illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro do 59,1% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 67,7% en emisións de CO2.

A obra incluíu, por outra banda, a reparación e pintado dos paramentos interiores, as portas, os radiadores e tubaxes; o pulido do pavimento de terrazo e a colocación dun novo falso teito. Así mesmo, realizáronse melloras nun dos aseos femininos.

Traballo do equipo docente

Carmen Pomar aproveitou a súa visita ao centro para salientar o traballo do equipo docente, que implica o alumnado en numerosas accións complementarias ao currículo. De feito o IES de Monelos participa no programa de Voluntariado de Lectura na Biblioteca Escolar e conta cun club de lectura ao abeiro da convocatoria da Consellería.

Por outra banda, o centro participa no Plan Proxecta, en concreto nos programas MeteoEscolas, que ten como obxectivo o coñecemento do clima e meteoroloxía de Galicia a partir da observación na escola; e Proxecto Ríos, que pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Así mesmo o instituto conta con seccións bilingües.

Audio: Construcións e mellorasEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalCentros

Relación provisional de persoas admitidas e excluídas e baremo provisional das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade de alemán, chinés, italiano e xaponés

Novas da Consellería - Lun, 01/20/2020 - 16:12
Idioma GallegoAnuncio principal: Apertura das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade de alemán, chinés, italiano e xaponés

Resolución do 20 de xaneiro de 2020 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, especialidade de alemán (592001), chinés (592004), italiano (592012) e xaponés (592013).

  • Prazo de reclamacións 3 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación: do 21 ao 23 de xaneiro ámbolos dous incluídos.
Servizo relacionado: Listas de substituciónsTema: Programas e plansInterinidades e substituciónsEnsinanza: Ensinanzas de idiomas de réxime especialDepartamento: Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime EspecialColectivo: ProfesoradoSección: Boletín

Carmen Pomar visita o CEIP Otero Valcárcel de Carral, onde Educación investiu 714.000 € nas obras de rehabilitación integral

Novas da Consellería - Lun, 01/20/2020 - 13:08
Summary: A actuación beneficia a preto de 460 alumnas e alumnos, que verán mellorado o seu confort no centro Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral) para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral deste centro, nas que a Consellería investiu 714.000 euros. Grazas a esta actuación, preto de 460 alumnas e alumnos verán mellorado o seu confort nas instalacións deste centro.

Segundo puido comprobar a titular de Educación, os traballos están practicamente concluídos e tan só quedan algúns remates desta obra que se incluíu o ano pasado no Plan de Infraestruturas Educativas 2016-2021 con cargo ao superávit de 2018. Grazas a esta actuación,

A rehabilitación integral acometida no centro supuxo actuacións en materias de eficiencia enerxética (sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE, cambio de fiestras e persianas e luminarias), que combinadas supoñen un aforro do 52,80% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 62,60% en emisións de CO2.

Así mesmo levouse a cabo o esmaltado das carpinterías interiores e radiadores do centro, o pulido do pavimento de terrazo, a reparación e pintado de paramentos interiores en base ao Estudo cromático para Centros de Educación Infantil e Primaria da consellería e a colocación de novo falso teito en varias estancias das plantas baixa e primeira.

A mellora supuxo tamén a creación dun Espazo Maker no corredor central da primeira planta. Os Espazos Maker son zonas específicas dentro dos centros escolares dotadas cos medios tecnolóxicos necesarios para que o alumnado poida materializar a súa creatividade a través de proxectos propios de experimentación, isto é, aprender facendo.

Neste senso, a conselleira Carmen Pomar salientou que este espazo permitirá afianzar o proxecto educativo do centro, que lle presta especial atención ao eido das tecnoloxías. De feito o CEIP Otero Valcárcel participa en programa impulsados pola Consellería como a Robótica para Primaria ou o Club de Ciencia e este mesmo curso incorporou o Edixgal (libro dixital) para o alumnado de 5º de Educación Primaria. Así mesmo tamén participa noutros programas como o Refórza-T (de Reforzo, Orientación e Apoio) e o Plambe (de mellora de bibliotecas escolares) grazas ao apoio da Consellería de Educación.

Construcións e mellorasEducación infantilEducación primariaConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalCentros

Ata 2.700 alumnos dos centros plurilingües poderán presentarse ás probas gratuítas para certificar o seu nivel de inglés

Novas da Consellería - Sáb, 01/18/2020 - 11:35
Idioma GallegoSummary: Os exames escritos serán o día 15 de febreiro e os orais realizaranse entre o 10 e o 14 e entre o 17 e o 21 de febreiroEsta proba é totalmente de balde para as familiasComo novidade este ano, ademais de acreditar os niveis B1 e B2 de competencia lingüística en inglés, ofrécese por primeira vez a posibilidade de certificar o nivel C1 para quen teñan xa certificado o B2

Ata un total de 2.700 alumnos e alumnas das ensinanzas plurilingües de Galicia poderán acreditar o seu nivel de coñecemento lingüístico en lingua inglesa de acordo cos niveis B1, B2 e C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Esta é a segunda convocatoria mediante a que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional habilita un procedemento deste tipo para que todos os estudantes que finalizan os seus estudos da etapa de ESO, Bacharelato ou de Formación Profesional nalgún dos 423 centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias. Como novidades este ano inclúese a maiores a certificación do nivel C1, para quen xa teñan certificado o B2.

Os exames escritos realizaranse o día 15 de febreiro, mentres que os orais terán lugar entre o 10 e o 14 e o 17 e 21 de febreiro. O alumnado poderá escoller entre realizar as probas de acreditación do nivel B1 (que equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular), o B2 ou o C1.

Achégase así un valor engadido ao esforzo no desenvolvemento do programa por parte dos centros, e supón unha importante oportunidade para o alumando e as súas familias, que teñen a posibilidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.

Esta iniciativa enmárcase dentro das liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso destas probas.

Cómpre lembrar que na primeira convocatoria deste tipo que se levou a cabo o curso pasado os resultados acadados foron moi satisfactorios, xa que superaron as probas o 84% dos alumnos presentados.

Lingua estranxeiraProgramas e plansCentros plurilingüesEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do ProfesoradoAlumnadoFamiliasCentrosLinguas estranxeiras

Datas previstas de publicación no DOG das convocatorias de axudas de apoio á etapa predoutoral, atracción e retención de talento investigador e de consolidación e estruturación nas universidades do SUG para o ano 2020

Novas da Consellería - Ven, 01/17/2020 - 09:00
Idioma Gallego

Para coñecemento das persoas e entidades interesadas a Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional informa das datas previstas de publicación no DOG das seguintes convocatorias de axudas para o ano 2020:

Convocatoria Data de publicación no DOG

Axudas de apoio á etapa predoutoral

6 de febreiro de 2020

Axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG

21 de febreiro de 2020

Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento

17 de febreiro de 2020 Tema: BolsasEnsinanza: UniversidadeDepartamento: Secretaría Xeral de UniversidadesSubdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica UniversitariaServizo de Planificación e Estruturación de InvestigaciónColectivo: Alumnado

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso 2019/2020

Novas da Consellería - Mér, 01/15/2020 - 15:30
Idioma Gallego

Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional durante o curso académico 2019/2020 e se establecen as bases reguladoras para realizalos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación,Universidade e Formación Profesional durante o curso académico 2019/2020.

Participan os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización Lingüística, no marco do Plan Proxecta, e tamén poden presentarse centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse cinco proxectos, que terán a consideración de excelentes; cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.

  • O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 14 de febreiro de 2020.
File:  Convocatoria Anexo I Anexo II Anexo III Anexo IV Anexo V Anexo VI Anexo VII Anexo VIII Anexo IXTema: Lingua galegaPlans e actuacións en innovación educativa Ensinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialEducación das persoas adultasDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaSubdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do ProfesoradoEntidades autonómicasColectivo: ProfesoradoCentrosSección: BoletínPortada de boletín

A Comisión Escolar de Alertas suspende mañá as actividades no exterior nos centros educativos nas zonas decretadas con alerta laranxa

Novas da Consellería - Mér, 01/15/2020 - 15:16
Summary: O adverso meteorolóxico afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra e A Coruña e a Mariña de Lugo Idioma Gallego

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá xoves 16 de xaneiro as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora, que comezará mañá ás 06.00 horas e se prolongará ata as 19:00 horas. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra e A Coruña e a Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares. 

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf).

 

Alertas e avisosEnsinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialEducación das persoas adultasConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoFamiliasCentros

Alerta de nivel LARANXA por refachos de vento superioresa 100km/h mañá xoves día 16

Novas da Consellería - Mér, 01/15/2020 - 14:05
Idioma Gallego

A Axencia Estatal de Meteoroloxía e MeteoGalicia alertan dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por refachos de vento superiores a 100km/h, que comezará mañá, xoves día 16.01.2020 ás 06.00 horas e prolongarase ata as 19:00 horas. Este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra e A Coruña e a Mariña de Lugo.

Ante a devandita situación de risco, a Comisión Escolar de Alertas acordou o seguinte:

  1. A SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES NO EXTERIORnos centros educativos situados nas zonas de predición meteorolóxica afectadas.
  2. A autoridade educativa comunicará esta incidencia ás direccións dos centros escolares afectados, solicitando que leven a cabo esta medida e fagan un seguimento dos partes meteorolóxicos durante a xornada na que se desenvolverá este adverso.
  3. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro, supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.
File:  Acta Tema: Alertas e avisosEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialEducación das persoas adultasDepartamento: Consellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalColectivo: ProfesoradoAlumnadoFamiliasCentros

Programa Lingua rodada

Novas da Consellería - Mér, 01/15/2020 - 10:00
Idioma Gallego

Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso e a valoración positiva do galego entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Para acadar este obxectivo é evidente a importancia as tecnoloxías da información e da comunicación, a Internet, as redes sociais e os recursos audiovisuais, ao seren do gusto das xeracións novas, todas elas nativas dixitais.

Con esta proposta, os rapaces e rapazas crearán vídeos baseados en pequenos relatos para plasmaren a esencia da nosa terra: a súa fala, a súa xente e os seus costumes, lendas, paisaxes, patrimonio, historia…

Poderá participar alumnado de 12 a 17 anos dos centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que curse ensinanzas de educación secundaria (ESO, 1.º de bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio con vídeo-relatos de ata 1:30 min de duración, gravados con aparellos móbiles.

  • 1.ª fase iniciarase cunha proba de selección aberta (casting) na que se elixirán os tres mellores vídeo-relatos enviados polos centros. O prazo de inscrición será do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro, e o de envío dos traballos, do 4 de febreiro ao 4 de marzo de 2020.
  • Na 2.ª fase, os tres centros finalistas da proba de selección recibirán un obradoiro de 3 h de duración, entre o 11 e o 13 de marzo, e enviarán un novo vídeo-relato a linguarodada@gmail.com.
    Entre o 16 de marzo e o 22 de abril, O xurado de Lingua rodada elixirá o audiovisual gañador.
  • Na 3.ª fase, o alumnado participante na obra gañadora terá a oportunidade de rodar o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual durante unha convivencia de dous días no rural galego, e de asistir á súa presentación na XVII Edición do Festival de Cans.

Este programa é tamén unha pequena homenaxe a Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cinema galego, no 25 aniversario do seu pasamento. En 2020 tamén se farán 35 anos da primeira emisión da TVG, que comezou en xullo de 1985 con Mamasunción, unha curta que ese ano ampliaría o seu palmarés cunha chea de premios en certames nacionais e internacionais.

Nas súas palabras, "facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario".

File:  Programa Lingua rodada AnexosTema: Lingua galegaProgramas e plansEnsinanza: Educación secundaria obrigatoriaBacharelatoFormación Profesional inicialDepartamento: Entidades autonómicasColectivo: ProfesoradoAlumnadoCentrosSección: BoletínPortada de boletín

A Comisión Escolar de Alertas suspende mañá as actividades no exterior nos centros educativos nas zonas decretadas con alerta laranxa

Novas da Consellería - Lun, 01/13/2020 - 16:48
Summary: O adverso meteorolóxico afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e a Mariña de Lugo Idioma Gallego

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá martes 14 de xaneiro as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 km/hora, que comezará hoxe ás 21.00 horas e se prolongará ata as 24:00 horas do martes. Este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e a Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares. 

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf).

Información xeralEnsinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialEducación das persoas adultasConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoFamiliasCentros

Alerta de nivel LARANXA por refachos de vento superiores a 100km/h no noroeste da provincia da Coruña e a Mariña de Lugo hoxe luns e mañá martes

Novas da Consellería - Lun, 01/13/2020 - 15:57
Idioma Gallego

A Axencia Estatal de Meteoroloxía e MeteoGalicia alertan dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por refachos de vento superiores a 100km/h, que comezará hoxe, luns día 13.01.2020 ás 21.00 horas e prolongarase ata as 24:00 horas do martes 14.01.2020. Este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e a Mariña de Lugo.

Ante a devandita situación de risco, a Comisión Escolar de Alertas acordou o seguinte:

  1. A SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES NO EXTERIOR nos centros educativos situados nas zonas de predición meteorolóxica afectadas.
  2. A autoridade educativa comunicará esta incidencia ás direccións dos centros escolares afectados, solicitando que leven a cabo esta medida e fagan un seguimento dos partes meteorolóxicos durante a xornada na que se desenvolverá este adverso.
  3. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro, supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

 

File:  ActaTema: Alertas e avisosEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralEnsinanzas de réxime especialEducación das persoas adultasDepartamento: Consellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalColectivo: ProfesoradoAlumnadoFamiliasCentros

Carmen Pomar anuncia a licitación da reforma dos talleres de FP do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) para este ano 2020

Novas da Consellería - Lun, 01/13/2020 - 11:12
Summary: A conselleira de Educación participou na apertura da I Mostra de Orientación Educativa e Profesional deste concello pontevedrésO proxecto está xa en fase de redacción Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto licitar dentro deste ano 2020, probablemente na segunda metade do mesmo, a obra de reforma dos talleres de Formación Profesional do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez.  Fíxoo na apertura da I Mostra de Orientación Educativa e Profesional do Concello da Estrada, na que participou esta mañá, e que se desenvolverá os días 13, 14 e 15 de xaneiro nesta localidade pontevedresa.

Segundo explicou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, a actuación está en fase de redacción de proxecto e as obras poderían comezar xa a finais de ano. Prevese que o orzamento supere os 250.000 euros, en función do programa de necesidades.

En base ás previsións iniciais, as obras consistirían na remodelación total do edificio de talleres que alberga o ciclo de grao básico de Mantemento de vehículos e medio de Electromecánica de vehículos automóbiles, titulacións cunha alta demanda. Así mesmo incluiría unha reforma integral dos aseos e vestiarios masculinos, así como a instalación de vestiarios femininos.

A I Mostra de Orientación Educativa e Profesional do Concello da Estrada ten como obxectivo amosar aos estudantes da localidade a oferta de ensino dos centros do municipio, así como outras opcións a nivel universitario, das Forzas Armadas e do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Para isto haberá obradoiros impartidos no posto do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez arredor da Formación Profesional, así como charlas sobre as súas posibles saídas. Ademais ofreceranse relatorios sobre orientación universitaria e información sobre a oferta de ocio á xuventude. Así mesmo, o IES de Mugardos impartirá un obradoiro de Agroxardinería.

Construcións e mellorasEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalCentros

Educación blinda o acceso ás ensinanzas universitarias dos estudantes con dificultades económicas por causas sobrevidas

Novas da Consellería - Lun, 01/13/2020 - 10:14
Summary: A Consellería convoca estas bolsas, ás que destina unha contía global de 100.000 euros, que pode ser ampliada se o número de solicitudes o demandaO importe das bolsas, en función da renda familiar, oscilará entre os 1.500 e os 2.750 euros Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que, por causas sobrevidas e imprevistas acontecidas ao longo do curso académico 2019/20, teña dificultades económicas, co obxectivo de garantir que poidan continuar os seus estudos, blindando o acceso aos mesmos.

O departamento educativo da Xunta de Galicia destinará a estas axudas unha contía global de 100.000 euros, que poderá ser incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros. Desde o curso 2011/12 a Xunta concedeu un total de 252 destas bolsas por importe de 737.000 euros.

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario cunha situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista acontecida entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 e que estea matriculado no curso 2019/20, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do SUG.

No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá estar matriculado como mínimo de 30 créditos. Ademais, non poderá ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2020 multiplicada por 1,50.

Na convocatoria enténdense como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o fai con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida, sendo a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2020.

BolsasUniversidadeConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSecretaría Xeral de UniversidadesSubdirección Xeral de Universidades Alumnado
Distribuir contido


by Dr. Radut