Manifesto GALEGAS 8M

 

NIN ESCRAVAS NIN HEROÍNAS, MULLERES CON DEREITOS XA!

 

(Extracto do Manifesto orixinal de Galegas 8M, para o programa especial de Na onda do Mella 8M)

 Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!

 Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas… Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de violencias! Que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.

 Porque non queremos discutir se a fenda salarial entre homes e mulleres é do 19, do 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións, nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque as mulleres máis novas están condenadas ao traballo precario; e as maiores ao abandono, sen recursos e comunidades que as sustenten.

 Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, empobrecidas e excluídas, acosadas, humilladas, calumniadas, represaliadas ou xulgadas no lugar dos seus agresores.

 

Porque somos diversas e o patriarcado instrumentaliza esa diversidade para nos dividir, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

 Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que nos somete á maior explotación e a cidadanías de segunda clase.

 Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén un ecosistema que o poder condena ao  abandono. Temos que nos relacionar co medio de forma diferente, precisamos a soberanía alimentaria e enerxética para transformarmos o mundo e rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

 Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. As mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización e os intentos de exclusión. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.

 Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, e nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais.

 Hoxe, como hai catro anos, as galegas mobilizámonos no espazo público para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións:

           Esiximos que as políticas públicas sexan deseñadas polos feminismos e veladas na súa eficacia e cumprimento.

           Demandamos unha educación pública de calidade e non sexista.

           Esiximos unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.

            Demandamos que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.

           Que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.

          Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.

 

Galegas 8M 2022