Mella de corentena 20

 

O RACISMO. Por Rocío Boullosa (1º Bac C)

Cando pensabamos que non podía acontecer nada máis, os Estados Unidos sorpréndennos cunhas voluminosas manifestacións. Recentemente, produciuse unha detención na que un policía acabou asfixiando ao detido, e este, finalmente, faleceu. Ademais do feito de que se trata dun caso de abuso de autoridade, o falecido era de raza negra, polo que enseguida se cualificou como un caso de racismo, mobilizándose así cantidade de concentracións tanto no país americano, como no resto do mundo (Italia, Francia, Alemaña..).

Ante isto, o expresidente Obama decidiu pronunciarse afirmando que esperaba que “os xoves se sintan esperanzados e enfadados ao mesmo tempo, porque teñen o poder de cambiar as cousas”. Isto é certo, xa que nós posuímos o privilexio e o dereito de pronunciarnos ante as cousas que consideramos inxustas e que acontecen no noso día a día. Neste caso, denunciamos as actitudes racistas por parte das autoridades, do goberno e mesmo de persoas coas que convivimos a diario.

Este problema carrexámolo dende hai moito tempo e, aínda que sempre tivemos a loita presente en maior ou menos medida, este foi un detonante que impulsou unha revolta de gran importancia. As  redes sociais non ían quedar atrás no movemento, e uníronse facendo publicacións en negro nos perfís e creando cancelos para divulgar información e mostrar o apoio. Se ben é certo que  non só podemos lembrarnos do racismo cando acontece algo de gran sona, senón que debemos lembrarnos tódolos días e, por suposto, levalo á práctica individual e colectivamente, pois de nada vale subir unha publicación e apoiar a causa se despois temos actitudes racistas na nosa vida cotiá.

 

 

AdxuntoTamaño
Racismo.png476.25 KB