Skip to Content

Axenda

O parlamento galego visita o Pedra da Aguia

O xoves 16 de xaneiro, tres ex-deputados do Parlamento galego fixeron a xa típica visita ao noso IES para explicar o funcionamento da institución e para dialogar co alumnado de temas de actualidade. Novamente foron os rapaces e rapazas de 3º da ESO os destinatarios da charla-coloquio. Moitos deses alumnos son os novos embaixadores júnior do Parlamento Europeo, polo que este evento serviulles como unha primeira toma de contacto coa realidade política. Ver tamén, Que Pasa na CostaLa Voz de Galicia e El Correo Gallego.

Entrega de diplomas de Euroscola

O venres 20 de decembro, durante a celebración do festival de Nadal, entregáronselles aos alumnos e alumnas de 4º da ESO os diplomas acreditativos da súa participación no Proxecto Euroscola, que tivo lugar en Estrasburgo o 14 de novembro pasado. Foron un total de 24 estudantes, que tiveron ao seu carón aos profesores acompañantes Fabiola e Jacobo.

Euroscola... outra vez no 2019

O pasado 14 de novembro, os nosos embaixadores júnior puxeron o broche final ó seu paso polo programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo coa participación no certame de Euroscola xunto con máis de 500 estudantes de 24 países da Unión Europea. As alumnas Jéssica Blanco e Marta Baña foron as voceiras dun grupo composto por 24 alumnos e dous docentes. Esta participación foi posible tras gañar o 3º premio no concurso nacional “Esta vez voto”, co gallo das eleccións europeas do maio pasado. Os rapaces visitaron ademais o Consello de Europa e a Oficina da Valedora do Pobo Europea.

Ver máis en EuropeDirect, Voz de Galicia, Que pasa na Costa, Correo Gallego, Euroscola, Facebook.

Eleccións no día de Europa

O Día de Europa, 9 de maio, celebrámolo no Instituto cun simulacro electoral. Os nosos embaixadores júnior formaron catro grupos políticos, escribiron aos eurodeputados para se informar dos temas propostos e fixeron carteis publicitarios para pedir o voto para cadansúa formación. Finalmente, as votacións realizáronse o 9 de maio na entrada do centro en dúas mesas habilitadas para o momento, unha para que votara o alumnado e outra para que o fixeran o persoal do centro, os pais e quen se inscribira no censo. Gañou a opción conservadora, con Jéssica Blanco como cabeza de lista. Pero o resultado foi o de menos. O que se pretendía era que os rapaces aprenderan como funciona a maquinaria electoral e a importancia de exercer o dereito a voto, sobre todo de cara ao 26 de maio cando coinciden comicios locais e europeos.

Máis info en El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Que Pasa na CostaAvante Toda e Diario Camariñán

Europa na Mostra do Encaixe

Na Semana Santa a actividade dos embaixadores do IESP Pedra da Aguia non cesou, na idea de promocionar o voto para as eleccións do 26 de maio ao Parlamento Europeo. Coa colaboración do concello, que nos facilitou un stand na Mostra Internacional de Encaixe, os embaixadores júnior estiveron repartindo información sobre a UE dende o mércores ata o domingo. Mesmo se elaborou un pequeno cuestionario diario para probar os coñecementos que tiñan os asistentes ao evento sobre Europa.

A actividade seguinte será a simulación dunhas eleccións europeas no propio instituto o día 9 de maio, día de Europa. Con tal motivo, os rapaces crearon 4 grupos políticos e terán que facer campaña no centro para conseguir o maior número de apoios para ese día.

Aquí Galicia: Eu son Camariñas

Uns días antes da Semana Santa, a produtora do programa da TVG "Aquí Galicia" desprazouse ata noso instituto para facer a gravación dunha reportaxe sobre os distintos programas europeos que levamos a cabo. Nela participaron alumnos de 3º e 4º da ESO e o xefe de estudos. O programa emitiuse o 20 de abril de 2019, englobado nun monográfico sobre Camariñas, no que aparecen tamén varios dos nosos alumnos e o vídeo promocional "Eu son Camariñas".

Na seguinte ligazón tedes o programa enteiro. O que fixeron no noso centro atópase entre 1h 48 min 4s e 1h 53 min 1s.

Distribuir contido


by Dr. Radut