Xa chegou, xa está aquí o noso calendario para este ano 2023! O tema é: Que bonito é vivir ao pé da Ría de Arousa! Moitísimas grazas ao Departamento de Debuxo, por colaborar con nós un ano máis na realización do calendario, e ao alumnado que fixo os debuxos do mesmo. Que artistas sodes!! Marabilla!
Animádevos a escribir unha pequena reseña en galego sobre aqueles libros da biblioteca do centro que lerades, ou vaiades ler, e que vos gustasen. Para isto, atoparedes papeliños de cores na mesma. Entre tod@s temos que dinamizar a nosa biblio!
Esta fermosa fotografía de Gaila González Pillado vén de gañar o premio "IES O CARRIL" do concurso-maratón fotográfico no que participou o alumnado de 3°ESO o pasado 22 de novembro na visita a Santiago de Compostela. Moitos parabéns, Gaila!!!
O 21 de Decembro celebrouse na biblioteca un concurso de contacontos entre o alumnado de 1ºESO, coa intervención especial das profes de galego, que tamén se animaron a participar contando dous contos que nos mantiveron a todos os presentes ben atentos! Tanto desfrutamos cos contos dos participantes e tan ben o fixeron, que o xurado, formado por un grupiño de alumn@s do Club de Lectura, o tivo moi difícil para dar os premios! Graciñas a todos por participar, tanto ao alumnado que se animou a contar un conto, coma aos presentadores e ao xurado!
Para rematar ben o trimestre, o 22 de Decembro a partir das 12:35 realizouse un torneo de Datchball no que participou tanto o alumnado como o profesorado. Que ben o pasamos! Haberá que repetir no segundo trimestre con outro deporte. Asegurámosvos que os profes volveremos ir por todas!!
Os martes 8 de Novembro e 20 de Decembro houbo foliada no noso instituto. Que ben o pasamos sempre e que canteira tan marabillosa temos!! Graciñas a tod@s por participar e animarvos a compartir un ratiño xuntos!
O día 11 de Novembro a partir das 12:35 celebrouse no instituto o noso tan querido Magosto. Houbo castañas, bolos preñados e festa, moita festa. Para o ano teremos que repetir, non si? O EDLG aproveitou tamén para dar os agasallos ás cabazas premiadas no concurso do Samaín! Noraboa a tod@s!