Novas

CON A DE ASTRÓNOMAS

No I.E.S. de Brión acollemos a exposición con A de Astrónomas en conmemoración do Día Internacional da muller traballadora, 8 de marzo.

A exposición presenta un percorrido polo papel da muller na Astronomía, a través dunha serie de paneis nos que se tratan os principais fitos da Astronomía e Astrofísica, onde o papel da muller foi fundamental desde a antigüidade ata os nosos días.

Con A de astrónomas, é froito do traballo de 9 mulleres de distintos centros de investigación, atopándose entre elas Josefina Ling, profesora da área de Astronomía e Astrofísica da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, que exerce ademais como comisaria da exposición xunto a investigadora de historia da Ciencia Eulalia Pérez Sedeño.

Os diferentes paneis que conforman a exposición estarán ubicados no 1º andar do centro dende o 7 ata o 16 de Marzo, grazas á colaboración do Concello de Brión.

Josefina Ling, impartirá unha charla o vindeiro venres 16 de marzo ás 9:15  na aula de usos múltiples do instituto baixo o título Con A de Astrónomas, para o alumnado de 4º, de Física e Química, 1º de Bacharelato e 2º de Bacharelato de Física.

Para consultar información sobre a exposición, preme no seguinte ligazón: "Con A de Astrónomas"


Accede á nova en  

                              


Imprescindible Juan Mata no congreso Familias lectoras

 

Os días 21 e 22 de xaneiro, celebrouse en Granada o congreso Familias lectoras en red, organizado pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía, en colaboración co Ministerio de Educación. Ao congreso asistiron fundamentalmente familias (pais, nais, avós lectores, nenas e nenos), e tamén profesorado procedente dos distintos recunchos de Andalucía.
A conferencia inaugural correu a cargo de Juan Mata, profesor da Universidade de Granada e unha referencia fundamental no ámbito da formación lectora e do fomento da lectura. A súa intervención é imprescindible para abordar cuestións de lectura e familia no centro escolar, para re-pensar a importancia da formación dos lectores. Recoméndase o seu visionado (a conferencia iníciase no minuto 3,30).

PROGRAMA DE PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS

Esta semana Sagrario Ferreira Pernas comeza a impartir unha serie de charlas dirixidas ao alumnado dos direrentes niveis da ESO no marco do programa de prevención de drogodependencias que anualmente desenvolvemos no IES conxuntamente con outros centros educativos de Brión, Ames e Negreira.

CREACIÓN DUN ESPAZO ARBÓREO AUTÓCTONO. PRIMEIROS PASOS

O venres 5 de novembro levouse a cabo a primeira fase do proxecto que se vai desenvolver durante este curso, incluído no programa Voz Natura
Os primeiros labores realizados foron o acondicionamento do terreo e a colocación do invernadoiro no que se instalará un pequeno horto ecolóxico, e que se usará, ademais,  para a sementeira das árbores autóctonas coas que se vai facer unha experiencia de repoboación dun bosque da comarca.
O Departamento de Bioloxía, encargado de coordinar estes traballos, fará unha estratificación de diferentes sementes recollidas por alumnado e profesorado interesado en colaborar co proxecto.
En breve disporemos tamén dun pequeno composteiro para residuos orgánicos domésticos.

COÑECE O ESPAZO ABALAR

O vindeiro martes 25 de outubro ás 20:00 h. terá lugar na aula de usos múltiples do IES de Brión a charla divulgativa "Coñece o  espazo Abalar”, dirixida as familias do alumnado que está cursando 1º ESO e 2º ESO. A charla correrá a cargo de  Fernando Pizarro.
Esta iniciativa, desenvolvida pola Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría e Informática de Galicia (CPEIG), ten como obxectivo dar a coñecer ás familias do alumnado dos centros públicos da Rede Abalar, da que este IES forma parte, as funcionalidades do portal espazo Abalar e o seu uso, tanto na comunicación en liña entre o centro e as familias, como na obtención de información sobre a evolución académica do alumnado.

APROBA TODO O ALUMNADO QUE SE PRESENTOU Á PAU EN SETEMBRO

Aprobou o 100% do alumnado de 2º de Bacharelato do IES de Brión que se presentou este mes de setembro á Proba de Acceso á Universidade.


Parabéns.

COMEZO DO CURSO 2011-12

Día 16 de setembro ás 12:00 h. presentación de 1º ESO e 2º ESO.

Día 19 de setembro ás 11:00 h. presentación de 3º ESO, 4º ESO e Bacharelato.

Día 20 de setembro ás 08:25 h. comezo das clases en horario ordinario (de luns a venres de 08:25 a 14:05 e os martes pola tarde de 16:15 a 17:55).

EXCELENCIA ACADÉMICA

A USC recoñeceu os froitos do traballo da alumna deste centro Mónica Garrido Lavandeira outorgándolle o premio á excelencia académica, logo de realizar con inmellorables resultados a Proba de Acceso á Universidade.

A TOTALIDADE DO ALUMNADO QUE SE PRESENTOU Á PAU SUPERA A PROBA

Aprobou o 100% do alumnado de 2º de Bacharelato do IES de Brión que se presentou este mes de xuño á Proba de Acceso á Universidade.

Parabéns ao alumnado, e parabéns tamén a todos os que confiamos en poder seguir adiante cun proxecto educativo de calidade no concello de Brión.

O IES DE BRIÓN PARTICIPA EN "TECNOLOXÍA NA RÚA"

O IES de Brión participou na VI mostra de proxectos "Tecnoloxía na rúa" organizada por Apetega, presentando o venres 10 de xuño na Praza do Toural traballos de 2º ESO e 1º de Bacharelato.

O alumnado de bacharelato implicado no proxecto do invernadoiro xeodésico explicou repetidamente a quenes se interesaron pola proposta diferentes aspectos da mesma. Queremos recoñecer públicamente neste foro o seu compromiso e esforzo nas diferentes etapas deste traballo.

Accede ás novas sobre o evento publicadas na prensa nas seguintes ligazóns:

"Los genios están en las aulas" , en La voz de galicia

"Los inventos de los alumnos de Santiago y comarca", en El correo gallego

No seguinte vídeo de Correo TV ( a partir do minuto 13:04) podes ver información sobre a nova emitida en Correo TV o día 10 de xuño.

Quenes estén interesados en máis información sobre o proxecto poden consultala na páxina aulasnarede.espazoweb.com/invernadoiro.

VI Mostra A Tecnoloxía no Toural

Preme nas seguintes ligazóns para ver vídeos da Mostra: Mostra de proxectos 1    Mostra de proxectos 2

Distribuir contido