Novas

Exposición sobre especies invasoras

Estes días na entrada do IES de Brión temos a exposición sobre especies exóticas invasoras "UNHA INVASIÓN SILENCIOSA. A BIODIVERSIDADE BAIXO AMEAZA". Merece a pena parar un pouco a vela e reflexionar sobre un problema tan grave como esquecido, contra o que quizais podemos facacer algo. Botádelle un ollo!

Mellor equipo na olimpíada de Xeoloxía en Santiago

As alumnas de 1º de Bacharelato Tania García, Antía Cunqueiro, Andrea Antelo e Alba Muñiz e o alumno Miguel Gil gañaron o premio ao mellor equipo na olimpíada de xeoloxía celebrada o pasado 13 de febreiro en Santiago, empatados con un grupo do IES Virxe dom Mar de Noia. Xeoloxía e traballo en equipo van da men, neste evento no que o noso alumnado destacou. Parabéns!

WISIBILÍZALAS

O IES de Brión participa na 3ª edición de Wisibilízalas, unha convocatoria do Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra que presenta os seguintes obxectivos:

  • Xerar reflexión nos institutos sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía
  • Dar visibilidade a mulleres que traballan no ámbito das TIC
  • Potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía

A convocatoria consiste na creación dunha páxina web que describa a carreira de mulleres contemporáneas que traballen no ámbito das TIC.

LuminísTICas é a proposta presentada polo alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato Científico Tecnolóxico coa colaboración de alumnado de EPVA de 4º de ESO. O traballo consiste nunha páxina web na que publicamos os perfís, entrevistas e referencias de mulleres galegas ou formadas en Galicia que traballan co sector TIC e participan activamente en proxectos de divulgación de mulleres nas TIC.

Queremos expresar o noso agradecemento a todas as mulleres que participaron no proxecto.

 

Destino Bruxelas

Este curso o departamento de inglés participou de novo no concurso de tradución da Comisión Europea Juvenes Translatores. A proba tivo lugar no mes de novembro e presentáronse seis alumnos/as de 2º de Bacharelato.

juvenes_translatores_2018

Onte, 4 de febreiro, anunciáronse os nomes dos gañadores do concurso 2018 – un por país membro da Unión Europea - e recibimos a gran noticia de que un ano máis o IES de Brión é o Centro da gañadora en España ….

Sara Picos Gómez

No mes de abril, Sara viaxará a Bruxelas para participar na ceremonia de entrega de premios na Comisión Europea. Congratulations!

A nova na prensa:

Sara Picos Gómez, alumna del IES de Brión, ganadora de un premio de la Unió Europea. La voz de Galicia, 05/02/2019

A alumna do IES de Brión Sara Picos Gómez, única española distinguida co premio "Juvenes Translatores" da comisión europea. Compostela24h.05/02/2019

Sara Picos gana el premio europeo de Juvenes Translatores desde Brión. El correo gallego, 05/02/2018

Gen-Tech

O alumnado de 1º de Bacharelato participará o vindeiro mércores 6 de febreiro de 9:15 a 10:15 na sala de usos múltiples na actividade GenTech do Plan DigiTalent (Plan de promoción do talento dixital de Galicia), impulsado pola AMTEGA.

Gen-Tech

GenTech é un ciclo de actividades organizado pola AMTEGA e Altia para potenciar o xene tecnolóxico da xuventude. A  actividade consiste  nunha sesión dixital que busca fomentar o atractivo profesional cara ás carreiras profesionais STEAM (Ciencias, Enxeñería, Tecnoloxía, Artes e Matemáticas), pretende orientar aos mozos cara a un posible futuro profesional e romper barreiras entre mozos e mozas neste tipo de formación. Durante a sesión contarase coa participación de profesionais do sector TIC que expoñerán a súa experiencia desde unha perspectiva real, practica e inspiradora...co obxectivo de espertar o xene.

SEMANA STEM

O IES de Brión foi un dos 23 centros seleccionados para participar na Semana STEM convocada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

25 alumnos e alumnas de 2º de ESO participan nun campamento de innovación educativa no que amplían os seus coñecementos científico-tecnolóxicos. Esta actividade desenvólvese do 9 ao 15 de decembro cunha estadía en réxime de internado.

A finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, aprender facendo mediante un enfoque maker e potenciar a creatividade e a motivación para mellorar as competencias STEM.

Accede ás imaxes da Semana STEM

Karl Marx de mozo


Cinema

O departamento de Filosofía, en colaboración co de Galego e Historia, organiza unha actividade para o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato das materias de Filosofía e Historia da Filosofía que acudirá a unha sesión matinal para centros escolares no cinema Numax o vernres 21 de decembro de 10:25 a 14:05. Esta actividade permitirá consolidar e confrontar os contidos desenvolvidos en Filosofía, Historia e Economía grazas a un relato cinematográfico brillante, emotivo e rigoroso. Asimesmo é unha actividade dinamizadora da Lingua Galega, xa que está subtitulada por NUMAX grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.


Karl Marx de mozo

  • DCP2K
  • +12
  • VOSG

No París de 1844, tras se exiliar, Karl Marx coñece a Friedrich Engels, quen investigaba o nacemento da clase obreira británica. Engels proporcionou a última peza do puzzle á visión do mundo do mozo Marx. Xuntos, entre censuras, represión policial, revoltas e conflitos políticos, lideraron o movemento obreiro durante o seu desenvolvemento cara á era moderna.

Filme subtitulado ao galego por NUMAX grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.



  • Título orixinal: Le jeune Karl Marx
  • Ano: 2017
  • Duración: 112 minutos
  • Idioma orixinal: Francés, inglés, alemán
  • Dirección: Raoul Peck
  • Guión: Pascal Bonitzer, Pierre Hodgson, Raoul Peck
  • Elenco: August Diehl, Stefan Konarske, Vicky Krieps, Olivier Gourmet, Hannah Steele, Eric Godon, Rolf Kanies, Stephen Hogan
  • Montaxe: Frédérique Broos
  • Dirección de arte: Merlin Ortner
  • Vestiario: Paule Mangenot
  • Son: Felix Andriessens
  • Música: Aleksey Aygi
  • Fotografía: Kolja Brandt
  • Produtora: Agat Films, Velvet Films, Rohfilm (Francia)
  • Distribuidora: Pirámide Films
Berlinale 2017 (Special Gala), Traverse City Film Festival (Founder Prize)

O IES DE BRIÓN NA MAKER FAIRE

O pasado domingo 25 de novembro o IES de Brión participou na Maker Faire Galicia con varios proxectos elaborados por alumnado do noso centro.

Agradecemos ao CAFI o convite a participar no stand da súa Aula Nova xunto a outros centros e a diversos obradoiros.

O equipo que desenvolveu o proxecto BrionBot presentou a edición Br. Xbot_2.0, coa que gañou o primeiro premio de Sensores 2018 de Igaciencia e o Premio de innovación educativa "Desafíos STEM: Programación, robótica e impresión 3D".

Amosamos ademais un pequeno teclado electrónico modelado, montado e programado ao final do pasado curso 2017/18 polas alumnas Clara Cidrás e Marta Rodríguez coa colaboración de Breixo Rudiño e Victor Sloth Sixto.

O alumno de 4º ESO Daniel Souto presentou dous proxectos de programación e desenvolvemento web: un visor 3D de figuras xeométricas programado en Scratch e un simulador de movemento con parámetros físicos desenvolvido con HTML5 e JavaScript.

 

Actividade: Coñece as túas institucións

O departamento de Filosofía, en colaboración co de Galego, organiza unha actividade, que promove a Consellería  de  Cultura,  Educación  e  Ordenación  Universitaria,  en  representación  da Xunta  de  Galicia  e  o  Parlamento  de  Galicia, denominado Coñece as túas institucións.

  A actividade comprende un Programa didáctico que se desenvolverá dentro  das  aulas,  mediante  a  entrega  dos  materiais  de  traballo  proporcionados  polas institucións  asinantes  do  convenio, e unha visita didáctica ás sedes de ambas institucións co obxectivo de que o alumnado poida coñecer de primeira man o funcionamento do Parlamento e da Xunta e comprenda a separación de poderes propia das democracias.

  As visitas didácticas terán lugar o martes 18 de decembro entre as 9.00 e as 14:00. Ambas  as dúas  institucións  asinantes do  convenio  de  cooperación  financiarán,  con  cargo aos seus respectivos orzamentos, as expedicións de transporte do alumnado e profesorado acompañante dos centros de ensino público participantes, dende o centro educativo, ata as sedes de ambas institucións e o regreso ao orixe.

ACHÉGATE Á ROBÓTICA

O pasado xoves 22 de novembro o alumnado de Tecnoloxía e TIC de 4º ESO participou nun obradoiro de robótica e programación ofertado polo Departamento de Educación da Fundación Barrié.

Este obradoiro enmárcase no programa Achégate á Robótica que promove a robótica educativa fomenta as vocacións científico-tecnolóxicas, e favorece a comunicación, o traballo en equipo, a xestión do tempo, a análise e a resolución de problemas.

O alumnado complementou a saída cunha visita á exposición da fotógrafa mexicana Graciela Iturbide, Ao final da visita o alumnado participou nunha actividade sobre o valor simbólico dos animais nos autorretratos fotográficos.

Distribuir contido