Vacantes e proceso de ADMISIÓN de alumnado para 2023/2024

 

Despois do proceso de RESERVA para o alumnado dos colexios adscritos, ábrese o prazo para que o alumnado doutros centros educativos que desexe incorporarse ao IES As Bizocas presente a solicitude de ADMISIÓN, do 1 ao 20 de marzo e preferentemente por vía electrónica.

 

A OFERTA DE POSTOS ESCOLARES para 2023/2024 é a seguinte:

- 1º ESO: 8 (+ 6 NEEAE)
- 2º ESO: 10
- 3º ESO: 18
- 4º ESO: 19

 

Teñen toda a INFORMACIÓN do proceso de admisión, incluído un manual de axuda para as familias, na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado

Acceden así nesa páxina web á APLICACIÓN "AdmisionAlumnado" na que poden cubrir a SOLICITUDE DE ADMISIÓN, marcar os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se valoren e presentala xa por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (utilizando Chave365, certificado dixital ou dni electrónico). Tamén poden cubrila na aplicación, imprimila e asinala para presentala presencialmente no instituto no que solicite praza en primeiro lugar (ou presentala nos lugares e rexistros conforme a normativa do procedemento administrativo común).

Lémbrase que co documento de solicitude (Anexo II) deberán achegar o Anexo II-bis para a comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar e do consentimento da outra persoa proxenitora, titora ou acolledora. En todo caso, terase en conta a composición da unidade familiar na data 01/03/2023, agás os datos económicos (renda e IPREM) que serán os relativos ao exercicio fiscal 2021.

Ademais do formulario de solicitude de admisión deberá achegar tamén a seguinte documentación (así como aquela outra que requira o instituto e sexa necesaria para tramitar o procedemento):

- Copia do libro de familia onde figure o/a alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar (de non ter libro poderá aportar un certificado de convivencia dos membros computables da unidade familiar onde conste a data de alta).

- Se é o caso, sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do/da menor.

No caso de opoñerse á consulta automática para a comprobación de datos deberán indicalo no recadro correspondente da solicitude e, polo tanto, achegar a documentación que corresponda.

As familias deberán presentar tamén calquera outra documentación complementaria necesaria para tramitar este procedemento cando lla requira o instituto.

 

 

NOTA INFORMATIVA:

1. O alumnado poderá pedir ata seis centros por orde de preferencia (e alegar os criterios de admisión que pretenda que se lle valoren), presentándoa no centro solicitado en primeiro lugar. Despois de presentar unha solicitude de admisión, para RENUNCIAR a ela deberá facerse expresamente, indicándoo no recadro correspondente da nova solicitude que deberá presentarse.

2. O alumnado que teña prioridade para continuar estudos nun centro de adscrición pode exercer o seu dereito á reserva de praza presentando solicitude de reserva no centro adscrito, isto é, no que está matriculado nese momento, e identificará o centro de adscrición que solicita.

3. En todo caso, a solicitude de reserva ou de admisión é única para cada alumno/a e ten carácter VINCULANTE. A súa presentación implica que son certos os datos indicados nela. A existencia dunha solicitude de admisión presentada en prazo sen renunciar expresamente á anterior e, así mesmo, a existencia dunha solicitude de admisión sen ter renunciado á praza RESERVADA a 28 de febreiro (este incluído) poderán ser causa de PERDA DO DEREITO a participar no procedemento nos termos previstos no artigo 8.

 

 

INFORMACIÓN ACTUALIZADA DO PROCESO DE ADMISIÓN:

Na aplicación "AdmisionAlumnado" (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/) as familias poderán consultar:

a) O cronograma coas datas dos trámites principais.

b) A previsión de postos escolares dispoñibles.

c) A relación do alumnado de cada curso, co número da solicitude de admisión asignado pola aplicación.

d) O estado de tramitación da súa solicitude (utilizando o número de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante).

e) A listaxe do alumnado con posto reservado e a listaxe provisional e definitiva do alumnado admitido coa puntuación total e do alumnado non admitido (utilizando calquera dos mecanismos de identificación admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o certificado dixital e a Chave365).

 

 

PRAZOS DO PROCEDEMENTO DE RESERVA E ADMISIÓN:

Presentación de solicitudes de reserva nos colexios adscritos (CEIP As Bizocas e CEIP Valle-Inclán): do 16/01/23 ao 06/02/23.

Publicación da listaxe de alumnado con posto reservado: o 22 de febreiro.

Presentación de solicitudes de admisión: do 1 ao 20 de marzo.

Presentación da documentación acreditativa para baremar: nos 10 días hábiles seguintes, do 21/03/23 ao 03/04/23.

Publicación da listaxe provisional de alumnado admitido: o 25 de abril. (Prazo de reclamacións: 5 días hábiles seguintes, ante o Consello Escolar).

Publicación da listaxe definitiva de alumnado admitido: o 15 de maio. (Impugnación: presentación do recurso de alzada no prazo dun mes, ante a Xefatura Territorial).

Prazo de matrícula na ESO: do 23 de xuño ao 7 de xullo.

 

 

OUTRA INFORMACIÓN:

Centros adscritos: CEIP As Bizocas e CEIP Valle-Inclán.

Servizos complementarios: transporte escolar.

O alumnado que solicite e obteña praza nun centro escolar que non estesa na área de influencia que lle corresponda (domicilio familiar ou lugar de traballo das persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras) non terá dereito aos servizos complementarios de transporte escolar.

 

 

LEXISLACIÓN APLICABLE:

  • Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).