O CPI de San Sadurniño acolle o Acto Central do Día do Peón

O vindeiro mércores 11 de novembro o noso centro acollerá o Acto Central do Día do Peón. O Día do Peón é unha actividade convocada por Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional, que nesta ocasión chega á súa 11ª edición, na que xa temos participado dende hai varios anos.

Nesta edición, o noso centro foi seleccionado para acoller o Acto Central, acto que se celebra cada ano nunha localidade diferente coa intención de ser o epicentro da actividade e favorecer a realización dunha actividade colectiva.

Así, contaremos coa presenza de alumnado e profesorado dos seguintes centros educativos: CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela), CEIP de San Ramón (Moeche), CEIP A Laxe-Valón (Ferrol), CRA de Valdoviño e CEIP Centieiras (Fene).

Serán polo tanto máis de 550 rapazas e rapaces e preto de 50 mestras e mestres quen participen das diferentes actividades deseñadas e que se desenvolverán no seguinte horario:

De 11:15 a 12:45 (por grupos):

  • Demostración en vivo dun torneiro.
  • Demostración de habelencias.
  • Obradoiros:
    • Xogando con bailaretes.
    • Construción de bailaretes.
    • Decoración de bailaretes.
    • Baile tradicional.
  • Decoración dun peón xigante.
  • Xogos con peóns.
  • Visita á exposición “O peón, un mundo de amigos”.

De 12:45 a 13:15 (en conxunto):

  • Lectura do Manifesto do Día do Peón por parte do seu autor, Secundino García Mera (Director do Museo Etnográfico de A Capela).
  • Tirada conxunta de peóns.
  • Bailado dun peón xigante.

Noutras edicións temos convidado ás familias e veciños a participar nesta actividade, pero dado o elevado número de alumnado participante, nesta ocasión isto só será posible nas actividades que se desenvolverán en conxunto.

Para o desenvolvemento desta actividade contamos coa colaboración de:

  • Concello de San Sadurniño.
  • “No Cómbaro”, grupo musical pontés que poñerá a música en vivo no Obradoiro de Baile Tradicional.
  • Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, que emprestou a exposición “O peón, un mundo de amigos”.