Skip to Content

Espectacular Raid de Aventura en Cuntis

Onte ás 9:00 arrancaron dende a Praza das árbores os participantes do Raid Gallaecia Expedition Race 2015. Esta proba consiste en percorrer un traxecto de aproximadamente 520 km nun tempo máximo de 102 horas, o equipo vencedor estimase que investirá preto de 74 horas. Un total de 23 equipos, de catro persoas e mixtos, chegados de todo mundo participa nesta proba. Os aventureiros terán que afrontar tramos de trekking, bicicleta de montaña, kayac de mar, kayak en río, barranquismo coa única axuda dun mapa.

O alumnado de 2º ciclo de Primaria desprazouse para ver a saída da proba e os de 4º curso iniciaron unha ruta de sendeirismo que rematou no punto onde se atopaba a penúltima baliza. Foi moi espectacular ver aos deportistas cruzar o río Umia para acadar o seu obxectivo dende un lugar privilexiado, en contacto directo coa natureza e cos corredores. Se queredes ver o resto das fotos premede na imaxe da esquerda.

 A proba remata o venres en Santiago de Compostela. Podes seguila nos seguintes enlaces: https://www.youtube.com/watch?v=v8FDtEr5Zm4      http://raidgallaecia.com/es/     https://tracktherace.com/es/raid-gallaecia-2015

DEBATE ELECTORAL

DEBATE ELECTORAL

Luns, 18 de maio

16:30 horas

Están convidados todos os cabeza de lista das candidaturas

Lugar: Salon de Actos do CPI Aurelio Marcelino Rey García

Está aberta a participación no acto a toda a comunidade educativa que o desexe

 

Abalarmóbil para as familias do CPI de Cuntis

Estimadas familias:

Desde o centro no que estuda o seu fillo queremos que toda a comunidade educativa, e vostedes como familias en primeiro lugar, sexan coñecedoras do labor que facemos no día a día no colexio. É por iso que colgamos canta información relativa ao traballo diario que desenvolven os seus fillos e fillas na web do noso centro para que poidan vela cando quixeren:

http://www.edu.xunta.gal/centros/cpiaureliomarcelino/

 Ademais, coa finalidade de aumentar o achegamento entre o profesorado e as familias, imos participar en fase de probas o que queda deste curso, e de forma xeralizada xa desde inicio do vindeiro, na plataforma abalarMóbil. Trátase dunha aplicación que permite ás familias consultar a información dos seus fillos a través do teléfono móbil (ou tablet) dende calquera lugar, de forma cómoda e rápida.

 A descarga desta aplicación faise dende Apple store (se o sistema operativo é IOS) ou desde Play Store (se o sistema operativo é Android).

Día do Libro - 23 de abril

Para conmemorar esta data tan especial o alumnado de Educación Infantil e Primaria lembran a importancia da lectura cunha exposición no corredor principal do colexio.

Tamén quixeron homenaxear, no seu IV Centenario, á obra clave da literatura española " O Quixote". Así foi como lles quedou. Premede nas imaxes para ver máis fotos.

Claude Monet

O alumnado de Educación Infantil e o de 6º de Primaria traballaron dende diferentes áreas a vida e a obra de Claude Monet.

O resultado desta actividade pódese ver estas semanas no corredor principal do noso centro. Se queredes ver máis fotos premede na imaxe.

                        

                                                                                                        VÍDEO

Aventuras dunha gota de auga

Os alumnos e alumnas de 1ºA de educación primaria estudiamos o tema da auga no segundo trimestre. Queremos presentarvos a adaptación do conto "Aventuras dunha gota de auga" de Begoña Ibarrola que elaboramos cos nosos debuxos e as nosas narracións.

                                                       

CONCURSO “Affiche ton Français” 2015

O  alumnado de Francés do CPI de Cuntis participaron voluntariamente no concurso 2015 organizado pola Asociación de Profesores de Francés centros de toda Galicia que tivo lugar en Santiago de Compostela o 27 e 28 de febreiro de 2015, na 29ª edición. O tema deste era: “Personaxes francófonos célebres

Para a catogoría de FLE2 (Francés, 2ª Lingua Estranxeira) en 1º et 2º de ESO, os pósters seleccionados entre todos os presentados foron:

  • Le petit prince, de saint Exupéry”, de Miguel Martínez Campos, 1º ESO A
  • Le théâtre, de Molière”, de María Escariz Eiriz de 1º ESO
  • Vanessa Paradis”, de Andrea Pereira de 1º ESO A

Para a categoría de Francés, 2ª Lingua Estranxeira, en 3º e 4º de ESO, os pósters seleccionados entre todos os presentados foron:

  • Coco Chanel”, de Noemí Izquierdo de 3º ESO A
  • Coco Chanel”, de Andrea Fontán Fernández de 3º ESO A
  • Christian Dior”, de Jenifer Mesejo Puga de 4º ESO A

O póster presentado par Miguel Martínez Campos foi premiado co 2º Premio, entre todos os participantes.Bravo Miguel! Felicidades!

A profesora de Francés agradece a participación e o interese demostrado por todo o alumnado. Se queredes ver as fotos premede na imaxe.

                  

Visita á lonxa de Vigo e ao Museo do Mar.

O martes 7 de abril a rapazada de 3º e 5º de primaria que está participando no programa do Plan Proxecta "Aliméntate Ben" fixemos unha visita a Vigo como complemento a dito programa. Fixemos un percorrido polas partes máis importantes da Lonxa de Vigo, coñecemos o Museo do Mar e todas as súas curiosidades, degustamos productos do noso mar e rematamos a nosa andaina cunha morea de xogos e actividades na praia de Samil. 

Se queredes ver unha mostra do moito que aprendemos nesta xornada tan intensa votade un ollo á nosa galería de imaxes ou premede nestas fotos.

                      

O sabor da aventura está no mar. Obradoiro.

O pasado xoves 26 de marzo viñéronnos visitar ao colexio uns amigos moi especiais: A Cuadrilla dos Arroases. Luís "O Pescador" e Mariña " A cociñeira", xunto cos seus axudantes, chegaron cargados de contos, historias e probas para os rapaces e rapazas de 6º de infantil, 1º, 3º e 5º de primaria que están a participar no programa do Plan Proxecta "Aliméntate Ben". Contáronnos cousas moi curiosas do mar, dos peixes, da Pesca Sostible, do Consumo de peixe do noso litoral e das cousas que todos e todas podemos facer para conservar o noso mar e os animaliños que nel viven; tamén houbo tempo para xogar e tentar superar as probas que nos propuxeron e poder así acadar o noso Título de Mariñeiro Pescador Sostible.

Se queredes ver canto aprendemos e o moito que nos divertimos visitade a nosa galería de fotos ou premede en calquera destas fotos.

Visita e baño no Balneario de Cuntis

O mércores 25 de marzo o alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria realizou unha visita ás instalacións das Termas de Cuntis.

Na primeria parte da mañá fixeron un percorrido onde o persoal do balneario lles explicou as utilidades e o funcionamento das diferentes estancias.

A continuación disfrutaron durante unha hora e media do ACQUAFORM, realizando un circuito lúdico-termal no que aproveitaron os beneficios terapéuticos das augas de Cuntis.

A visita resultou moi educativa e relaxante, o alumnado veu encantado e o profesorado tamén.

Se queredes ver máis fotos premede na imaxe.

                                                   

Distribuir contido


by Dr. Radut