O pasado martes, 26 de setembro, o alumnado pertencente ao Equipo de Mediación Escolar participou nunha xornada de convivencia na ría de Aldán. Co obxectivo de cohesionar o equipo e iniciar a formación neste curso 2023-2024 realizamos unha andaina desde o Bosque Encantado ata o miradoiro Balcón do rei, onde puidemos contemplar a ría de Vigo. Desfrutamos dun fermoso día na costa e volvemos con moitas ganas de traballar neste curso que iniciamos
Álbum: Curso 23-24 -> Xornada de Convivencia Mediación
O pasado venres 23 de xuño o alumnado de 1º ciclo fixo unha excursión á Illa de Sálvora. Para iso tomaron un autobús a Ribeira e desde alí colleron o barco cara a illa. Xa en Sálvora coñeceron a illa e a antiga aldea facendo un pequeno roteiro e pola tarde, na praia, fixeron xogos con auga e puideron disfrutar da praia.
O último día de clase o alumnado de Educación Primaria e de Educación Secundaria practicaron o sendeirismo pola contorna de Cuntis.
O alumnado de Educación Primaria camiñou até As Campaíñas e A Fábrica da Luz e o de Secundaria foi pola beira do Río Gallo ata a desembocadura no río Umia.
As dúas andainas confluíron en Castrolandín, onde rematou a xornada merendando as viandas aportadas polas familias do centro.
O 21 de xuño o alumnado de 6° de educación infantil graduouse, acabou este ciclo e chega o momento de ir para primaria. Despois de recoller o diploma de graduación, todo o alumnado do ciclo merendou e bailou nunha boa festa.
O pasado 20 de xuño fixemos un pequeno acto de despedida e recoñecemento para o noso alumnado de 4ºESO. Deixa o centro para comezar unha nova etapa da súa vida despois de trece anos compartíndoa connosco. A madriña do acto foi a profesora de inglés Dolores Sánchez González e actuaron como presentadoras do acto as profes Silvia Diéguez e Alba Márquez.
Desde o CPI Aurelio Marcelino desexamos que todo vos vaia moi ben na vida.
O alumnado de Educacion infantil esta semana visitou as instalacións da Granxa Escola de Serantellos en Cambados. Alí disfrutaron de xogos, coidado e alimentación dos animais, elaboración de pan, plantaron na horta,... disfrutaron dunha xornada de convivencia durante todo o dia.
Álbum: Curso 22-23 -> Excursión fin de curso Educación Infantil
Os días 19 e 20 de Xuño o alumnado de 3º ciclo fixo unha excursión de fin de etapa á illa de Ons, que serviu para coñecer a illa e despedir, no caso do alumnado de 6º, a etapa de Educación primaria.
O 15 de xuño organizamos para as familias unha Xornada de Portas Abertas, coa idea de que puideran coñecer os traballos realizados polo alumnado do centro ao longo do ano.
O tema que relacionou as nosas tarefas e proxectos foi A nosa terra: o abandono do rural. Para iso adicamos parte dos tempos de aprendizaxe a coñecer mellor as nosas parroquias e os modos de vida rurais.
Na entrada do centro, o público asistente era recibido polo grupo de guías turísticos de 1º Ciclo de EP, que daba a coñecer o máis interesante de cada parroquia. No corredor central, podía admirar os traballos de fotografía e teares de 3ºESO e Recreos Activos, as exposicións sobre Lendas de Cuntis, de 5ºEP, e Festas de Cuntis, de 3ºEP, as BD´s participantes no certame das Letras organizadas por EDL, os traballos sobre muros realizados por 2º ESO, os estudos estatísticos sobre a vida no rural feitos por 3º ESO ou o resumo de traballos de 4ºA EP.
No fondo do corredor, unha granxa xestionada por Educación Infantil nos permitía practicar as nosas dotes munxideiras ou fotografiarnos a bordo dun tractor.
Na Sala de Audiovisuais puidemos ver propostas elaboradas polo alumnado de LGL da ESO: desde o refraneiro mensual, até representacións teatrais.
Finalmente, na Sala de Conferencias, puidemos asistir á representación de Corre, corre, cabaciña, de 4ºA EP e escoitar ao alumnado de 4ºA EP e 1ºESO, 3ºESO de Proxecto Competencial expor as súas variadas investigacións en torno a temas relacionados coa vida rural.
Visto por xunto hai só unha conclusión: moito traballamos.