FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

De acordo coas instrucións da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Orde do Fondo Solidario de Libros de texto e Axudas para adquirir libros de texto e Material escolar (Orde do 9 de maio de 2018- DOG do 21-05-2018procedemos a facer público o contido desta orde a todos os sectores da comunidade educativa.

Para o curso 2018-2019 o alumnado matriculado nos centros educativos públicos poderán beneficiarse das diversas modalidades de gratuidade solidaria dos libros de texto dos niveis obrigatorios de ensino:

1.- Fondo solidario de libros de texto: alumnado matriculado en 3º,4º, 5º e 6º de EP e en 1º,2º, 3º e 4º da ESO, nos que se manterán os libros de texto do curso 2017-2018.

2.- Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP.

3.- Axudas para a adquisición de material escolar: todo o alumnado matriculado en EP e ESO.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o 22 de maio ata o 22 de xuño. Podedes pasar a recoller os FORMULARIOS correspondentes pola secretaría do centro en horario de mañá, de 8,45 a 13,45 horas, na páxina do centro ou na páxina da xunta.

Ante calquera dúbida ou aclaración póñanse en contacto co centro

A FROITA TAMÉN É DOCE. 6º INFANTIL. 2018

Este venres 18 de maio o alumnado de sexto de educación infantil participou dunha actividade organizada polo servizo de drogopendencias e conductas adictivas do concello de Cuntis en colaboración co departamento de orientación do noso centro.

A actividade consistiu na degustación de diferentes alimentos a través de distintas dinámicas e xogos cos que os/as nenos/as aprenderon moito sobre alimentación saudable e descubriron o sabor de diferentes froitas. 

Pasárono moi ben coa técnica Julia e para mostra unhas fotos premendo nestas imaxes.

  

O sabor da aventura está no mar. Visita a Vilanova de Arousa

Un ano máis o alumnado de Educación Infantil participante no programa de Innovación Educativa "Aliméntate Ben" dos Plans Proxecta da Consellaría de Educación en colaboración coa Consellaría do Mar tivo a oportunidade de participar dunha visita á praia da Amorosa en Vilanova de Arousa.

Nesta visita puideron coñecer de primeira man o traballo dos/as mariscadoras/es, como se sementa, coida e recolle o marisco e da importancia de manter en bo estado as nosas praias. Tamén tiveron a oportunidade de ver como se traballa na lonxa, como se procesa e clasifica o marisco recollido por cada un/ha dos/as mariscadores/as e como se preparan para o seu transporte aos mercados.

E para rematar unha xornada de moito traballo e aprendizaxe tiveron a gran sorte de participar dunha estupenda merenda mariñeira a base de empanada de chocos e polbo e bocadillos de paté de sardiñas, qué rico todo!!! 

Premede nestas imaxes ou visitade a nosa galería de fotos para ver canto traballamos e aprendemos.

    

    

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL DE CUNTIS. INFANTIL 2018

Neste mes de Maio adicado ás Letras Galegas o alumnado do noso centro participou en varias actividades organizadas pola Biblioteca Municipal de Cuntis, concretamente os/as máis cativos/as do colexio fixeron unha visita para coñecer as súas instalacións, o seu funcionamento e para saber como se fan os libros  e de paso facer o carné de usuario e poder desfrutar dos libros nas súas casas. 

Moitas grazas ao bibliotecario Mario que tan amablemente nos recibiu e amosou esta biblioteca tan chea de historias e ao técnico de turismo Manuel que tamén se pasou por alí a compartir con nós lecturas.

Podedes ver algún dos momentos vividos premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

   

ESTADÍA EN IRLANDA DO ALUMNADO DE 3º DA ESO

O alumnado do noso centro de terceiro da ESO ven de rematar a estadía en Irlanda que comezaron o pasado 7 de maio e rematou este 11 de maio xunto co seu profesor de lingua inglesa Manuel Rodís.

Todo o traballo que fixeron para xuntar o diñeiro para esta viaxe e aprender un chisquiño máis de inglés con xente nativa deu os seus froitos e voltaron cunha chea de historias e experiencias que de seguro nunca han esquecer. 

Premede nestas imaxes e poderedes ver algunha das actividades nas que participaron.

  

Saída ao teatro "Antón Comodón". Educación Infantil

Este mércores 9 de maio, o alumnado de educación infantil do noso centro e da unitaria de Arcos de Furcos, fomos ver a obra de teatro "Antón Comodón" á cidade de Pontevedra. Unha historia que nos achegou á vida de Antón, un home bastante preguiceiro e mandón, acostumado a que todo o mundo lle fixera todo e que se convertera nun auténtico "desastre" que nin sequera sabía atar os cordóns ou facer un bocadillo de queixo. Menos mal que coa axuda dos/as seus amigos e amigas aprendeu a valerse por si mesmo e pouquiño a pouco transformouse nun rapaz de proveito. Despois, ainda tivemos un pouquiño de tempo para merendar e dar unha volta pola alameda de Pontevedra.

Premede nestas imaxes e poderedes ver algunhas fotos que nos tiraron as mestras para lembrar este día.

    

O DÍA DA EDUCACIÓN FISICA NA RÚA. 2018

O día 25 de abril organizamos unha xornada para celebrar o día da Educación Física na rúa. O alumnado de primaria e secundaria realizou unha proba de orientación deportiva polas rúas do casco histórico de Cuntis.

A media mañá, profesorado, alumnado e as persoas uqe asisten á actividade de aerobic do concello de Cuntis, realizamos unha sesión desta actividade de xeito conxunto na praza do concello.

Temos que agradecer a Jesús Miguéns e a Iago Breijo a súa participación de xeito desinteresado na organización deste día. Aquí vos deixamos unha pequena mostra das actividades realizadas.

            

 

II FEIRA DE PROXECTOS PITEAS 2018. POSTERS PRESENTADOS

Este venres 4 de maio terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a II FEIRA DE PROXECTOS PITEAS no que está a participar o noso centro neste curso 2017-2018. Entre as 16,00hs e as 20,00hs o recinto estará aberto ao público que poderá coñecer de primeira man todos os proxectos que os distintos centros participantes estamos a desenvolver durante todo este curso.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra do que o noso colexio levará á feira de exposicións. 

    

O sabor da aventura está no mar. Obradoiro de Abril 2018.

Este pasado venres 27 de abril o alumnado de quinto e sexto de infantil e de primeiro a cuarto de primaria acudiu aos aobradoiros desenvolvidos no noso centro do programa Aliméntate Ben dos Plans Proxecta no que o seu profesorado está a participar neste curso 2017-2018.

Un ano máis recibiron a visita do mariñeiro Luís e da acuicultora Mariña que nos trouxeron novas dos nosos amigos da Patrulla dos Arroases que tantas cousas sobre os productos do mar nos ensinan cada ano.

Premede nestas imaxes e veredes algún dos momentos que vivimos nesta xornada.

             

II FEIRA DE PROXECTOS PITEAS 2018

Este venres 4 de maio terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a II FEIRA DE PROXECTOS PITEAS de Formación e Mentoring para o desenvolvemento do talento, baseado nun convenio de colaboración asinado pola Consellaría de Educación, a Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela na que participa o noso centro dende comezos deste curso 2017-2018.

A asistencia á feira está aberta ao público en xeral polo que dende o noso centro, e dado o traballo que estivemos desenvolvendo nestes últimos meses, comprácenos extender este convite a todas as familias, profesorado e comunidade educativa do noso alumnado para acompañarnos este venres 4 de maio en horario de 16,00 a 20,00 horas.

Aquí vos deixamos o convite que fixo o alumnado do noso centro e un pequeno resumo dos distintos proxectos que presentaremos na feira.

               

Distribuir contido